Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017

natureza

San Sadurniño é un paraíso natural. Os miradoiros naturais da Serra de Forgoselo, brava área natural protexida pola Rede Natura 2000; A pena do Rei Mouro, un dos meirandes conglomerados de seixo de Galicia; O Coto Agudo cun absoluto control visual de toda a contorna; o Pico San Vicente, onde se mesturan lenda e historia; os paseos fluviais do Río Xuvia e o río Aceiteiro con máis de 4 km ás beiras do río; O río Castro que destaca polo seu valor natural, ecolóxico e paisaxístico considerado como Lugar de Interese Comunitario; As paisaxes megalíticas, as áreas recreativas das sete parroquias, as máis das 100 fontes do Concello, o arboreto ou a horta de conservación de froitas autóctonas conforman un Concello cun extraordinario patrimonio natural e paisaxístico.

Vertido contaminante no Xuvia

San Sadurniño, 1987

No século XIX, os 31 km do río Xuvia deberon ser un “paraíso de película” para veciños e pescadores. Podemos ler aquí unha descrición do río en 1859 escrita polo historiador José Montero y Arostegui. O Xuvia xa sufrira un importante vertido químico en 1955, mais nunha análise química realizada en 1972 -co obxectivo de montar unha piscifactoría no muíño de Fabián (Narón)- , concluíase: “Augas moi oxixenadas de grande cantidade de sales minerais, cun Ph de 5’7, excepcional para a vida dos peixes”. A piscifactoría “Truchas del Jubia” comezou a funcionar en 1975 e axiña converterase nun referente no sector.

A dura reconversión naval no Ferrol de 1983 motivara a creación das ZUR (Zonas de urxente reindustrialización), un plan do goberno de Felipe González para promover novos postos de traballo en Ferrolterra. En San Sadurniño deciden instalarse dúas grandes empresas: INTASA e unha fábrica de conservas chamada “El cisne”. Autorizada no 1985, inicia a súa actividade en xullo de 1986. Mais o 4 de agosto, xa comezaron a sentírense os efectos devastadores dos seus vertidos incontrolados no río Xuvia, provocando a morte de preto de 59.000 troitas. A contaminación descendía nas estacións invernais, mais no verán retornaba o “leito do río parduzco, inundado de escuma flotante, aceite sobrenadante e porquería orgánica filamentosa que se acumulan sobre restos de troita”. Así o denunciaron tanto a Garda Civil o 4/8/1987, coma a Sociedade de Pesca do río Xuvia. Nos veráns seguintes, o problema foi medrando porque “os sistemas de depuración eran ineficaces e incumprían cos limites legais”.
As denuncias seguiron o seu decurso, mentres que o río convertíase nunha “cloaca invadida por fango, masas de escuma flotante e materia orgánica en descomposición, descendendo o contido de oxíxeno da auga a niveis letais para a vida”, como sinalaron varios informes oficiais.Todo elo levou ao peche cautelar da empresa o 26-6-1989, aínda que seguíu desenvolvendo actividade baixo da marca “Riqueza Gallega” ata 1991. Nese ano, un estudo centífico da Universidade de Santiago concluía que “o Xuvia era un dos ríos máis contaminados de Galicia”.

No xuízo celebrado en abril de 1991, a fábrica de conservas “O Cisne” foi condenada "por delito ecolóxico e delito contra da saúde pública” o que levou ao peche definitivo das súas instalacións. Mais, por outra banda, "Truchas del Jubia" xa fora abocada ao peche da piscifactoria en 1989, polos vertidos contaminantes, segundo denunciara seu propietario Manuel Rico. A dinámica Asociación Cultural "Bidueiro" organizou numerosas campañas de concienciacion e limpeza das beiras do Xuvia neses anos.
O río Xuvia tardará en recuperarse desta gravísima ferida, mais polo de agora, a natureza aínda ten a pacencia de recompoñer as salvaxadas do ser humano sobre o patrimonio natural. Á altura de maio de 1997 o río volvía a ser o que sempre foi: un paraíso de beleza e vida.
O arqueólogo Eloi Saavedra, actual Presidente da Sociedade de caza e pesca do Xuvia, lémbranos o acontecido naqueles días:

Máis información en "Inauguración da conservera "El cisne" e "O final de "El cisne"

  • Vertido contaminante no Xuvia

  • Rio Xuvia en 1859 segundo a "Historia de Ferrol" de Jose Montero y Arostegui

  • Escuma flotante no Xuvia

  • Rio Xuvia contaminado

  • Porquería orgánica filamentosa

  • Contaminación no Xuvia (Voz de Galicia, 1990)

  • Libro de Manuel Rico sobre o desastre ecolóxico do Río Xuvia

  • Antigas instalacións de "El cisne"

  • Lata de conserva "El cine"

  • Lembranza de El cine (Saturnal, 2000)

load

Documentos:

Vinte anos sen piscifactoria (La voz de Galicia, 6-4-2008)

Comentarios

Máis imaxes

Temas: conflitos, empresas agrogandeiras, naturezas, outros lugares, ríos, San Sadurniño (Concello)

Autor/a: Eloi Saavedra

Compartir en: