Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017

San Sadurniño

O concello de San Sadurniño está situado ao norte de Galicia, dentro da comarca de Ferrolterra. Nos seus case 100 km2 viven aproximadamente 3 000 habitantes e 3 688 topónimos diseminados por 200 aldeas agrupadas en sete parroquias ben diferenciadas: San Sadurniño, Naraío, Ferreira, Bardaos, Igrexafeita, Lamas e Santa Mariña do Monte. O Concello limita polo norte con Valdoviño e Moeche, ao sur co da Capela, ao leste cos de Moeche e As Somozas, e ao oeste cos concellos de Narón e Neda.

 A xeografía diferenza zonas de relevo ben distintas, formando profundos vales atravesados polo río Grande de Xubia. Nas súas beiras medran fragas frondosas e bosques de ribeira, en moitos casos intactos. Na maior parte do concello o relevo é suave, con pendentes lixeiras, destacando algúns outeiros bravos de gran valor paisaxístico como Pena Escrita, o alto do Golpeiro, Pico Ferreira, Monte dos Nenos e Coto Agudo, auténticos miradoiros naturais dende os que observar toda a comarca, o Atlántico, a Ría de Ferrol e as terras do Eume. No Sur, onde flúe o río Castro, o terreo é máis accidentado, con pendentes superiores ao 30%, chegando ata a impresionante Serra de Forgoselo, área natural protexida na Rede Natura, onde abondan grandes manadas de cabalos salvaxes e numerosas mámoas. No tocante ao patrimonio natural, as ¾ partes do Concello están adicadas a superficie forestal. Trátase polo tanto de terras rurais de grande atractivo e potencial de futuro por manter as características paisaxísticas tradicionais do agro galego ao longo do tempo.

 En canto ás actividades económicas, predomina o sector primario, que agrupa ao 35% dos activos ocupados, seguido do secundario -industrias da madeira-, que aumentou dende 1981 un 10% sen que isto signifique un proceso de industrialización, xa que os postos de traballo ofértanse en concellos veciños como As Pontes, Narón ou Ferrol. O sector servizos estase incrementando tamén e hoxe en día ocupa un 29’4% concentrado especialmente na capital do concello.

Poderás acadar  información complementaria sobre San Sadurniño na páxina web do Concello; con numerosos datos  a túa disposición: dende un achegamento a súa Historia, ata folletos de rutas e recursos turísticos, que podes descargar de balde aquí . Tamén en “Fálame de San Sadurniño” podes consultar documentos, historias grandes ou pequenas e numerosas ligazóns co seu pasado e presente na cronoloxía histórica.

 O Concello presenta tres salientábeis edificios patrimoniais de gran  relevancia histórica: O Pazo da Marquesa, o Convento do Rosario e o Castelo de Naraío, mais tamén abondan numerosas mostras de patrimonio eclesiástico, etnográfico e mesmo inmaterial.

 A inmensa sombra da todopoderosa Marquesa María de la Natividad de Quindós y Villarroel aínda pervive no Pazo da Marquesa e os seus xardíns, onde podemos relembrar as dilatadas veladas da aristocracia e a realeza españolas nas 100 hectáreas de superficie arborada que conformaban a súa propiedade,  pechada ao lecer dos habitantes de San Sadurniño, e que recentemente “voltou” a seren propiedade dos veciños.  

 O convento do Rosario creado polos monxes Templarios, e logo convento dos dominicos, representa outro dos poderes tradicionais, que dende fai 500 anos controlaron a vida cotián dos habitantes de San Sadurniño ata a desamortización de Mendizábal no século XIX. Por último, a Idade Media e o romanticismo represéntase con grande forza evocadora diante do Castelo de Naraío, usurpado polos Andrade e destruído na Revolución Irmandiña.

Nos últimos anos vense facendo un grande esforzo para a recuperación da agricultura ecolóxica, o patrimonio natural e a aposta polas enerxías renovábeis. Un esforzo que vai agromando día a día en diversos artigos nos medios de comunicación como San Sadurniño, el ejemplo verde de Galicia,  A vila mais ecolóxica do estado,  ou  no premio outorgado  pola Fundación Biodiversidad en El pueblo más verde de España. Este pequeno resumo tan só pretende espertar a curiosidade por un fermosísimo recuncho de Galicia comprometido coa ecoloxía e medio ambiente, xa coñecido dende o primeiro terzo do século XX como a “vila da tranquilidade”.