Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017

empresas

Negocios, comercios ou empresas que desenvolven ou desenvolveron a súa actividade no Concello de San Sadurniño: bares e tabernas, datos estatísticos, empresas agrogandeiras, empresas da madeira, empresas de servizos, empresas enerxéticas, emprendedor@s, mineiría

Inauguración de "El cisne", fábrica de conservas

Bidueiro, San Sadurniño, 1986

A historia de "El cisne" ben merecería un traballo en profundidade ou unha longametraxe documental para cineastas na procura de inspiración. En si mesma, a historia destila unha morea de matices e múltiples lecturas, con temas e subtemas interesantes de nidia vocación universal. É a chegada dunha gran empresa de finais do século XX nun entorno rural practicamente ancorado no Antigo Réxime; mais tamén o clásico conflito da industria versus natureza; da avidez empresarial polos beneficios a calquera custe; da solidariedade e organización da loita obreira; dos anos confusos da reconversión industrial nos tempos da transición política en España baixo un goberno socialista; dunha factoría con maioritaria presenza e mirada feminina; da primeira sentenza exemplar "por delito ecolóxico" da Historia de España; dunha fábrica de produtos de mar alonxada dos portos pesqueiros; da manipulación política dun drama social e laboral; das posibilidades de convivencia do atún do Pacífico e as troitas do Xuvia, etc, etc. Son como capas de cebola diversas que conforman unha gran historia no universo aparentemente pequeno de San Sadurniño. Apuntamos aquí algúns dos seus feitos máis significativos, porque a historia aínda está aberta e os seus protagonistas viven entre nós, agardando por alguén que conte algunha das súas historias posibeis.

A dura reconversión naval no Ferrol de 1983 motivara a creación das ZUR (Zonas de urxente reindustrialización), un plan do goberno de Felipe González para promover novos postos de traballo en Ferrolterra, a través de subvencións directas, facilidades no chan industrial e outros beneficios fiscais.
A nova saltou á opinión pública en setembro de 1985: "Unha importante fábrica de conservas se instalará en San Sadurniño". Era un dos primeiros éxitos do plan ZUR- Ferrol. Tamén era a primeira gran industria que se instalaba nun concello de fonda tradición rural, o que provocou unha grande expectación e ilusión en San Sadurniño. Ubicada no Viduedo, prometía traballo para 152 -chegaron a ser 200- traballadores. A nova causou sensación por bares e tabernas ao tratarse da primeira gran industria que se instalaba en San Sadurniño na súa historia. A empresa chegou a mercar os terreos onde se ubicaba o campo de fútbol da Marquesa da S.D. Sansa. Paradoxicamente -por tratarse dun concello do interior- a actividade da empresa orientábase á fabricación de conservas de peixe, concretamente atún; o seu propietario era Francisco Javier Piñeiro Seoane (falecido en 2010), que xa contaba cunha factoría no Vicedo.
"El cisne" comezou a funcionar en xuño de 1986 entre a ledicia, a esperanza e o orgullo dos habitantes do pobo e a corporación municipal presidida polo alcalde socialista Manuel José Lamas. Mais, aínda non pasara un mes dende a súa posta en funcionamento e polas beiras do río Xuvia comezaron a agromar todas as alarmas por mor da contaminación do río, o factor que marcará o destino desta prometedora iniciativa empresarial. ADEGA denunciaba que os residuos, aceites, graxas e produtos químicos que saían sen control algún da fábrica, estaban a provocar a morte masiva da vida no río. Asemade a Sociedade Galega de Historia Natural concluía que as empresas do ZUR "parecen gozar de patente de corso no que se refire a cumprir as normas legais medioambientais". O lector interesado pode coñecer polo miúdo o proceso de contaminación en "Vertidos contaminantes no Xuvia".
Deseguida, a empresa negará as acusacións dos grupos ecoloxistas nun comunicado, afirmando que a factoría dispuña da última tecnoloxía en sistemas de depuración, e que non se vertían produtos químicos. Este será outras dos paradoxos desta historia: que as graxas do peixe de mar manipulado polo ser humano, arrase coa vida acuática e os peixes de río.

Un ano despois, no verán de 1987, "El cisne" está a pleno rendemento, conta xa con 200 persoas en plantilla - a meirande parte mulleres- que producen 220.000 latas por día, mais misteriosamente, entre rumores de suspensión de pagos, muda a propiedade da fábrica. Logo saberase que o novo propietario é o grupo gaditano de José Manuel Pascual Ortega. En realidade, o antigo propietario era o seu principal acredor e tivera que vender a empresa en pago das débedas que mantiña con José Pascual.
Este cambio de propiedade coincide con novas denuncias por un novo e devastador vertido contaminante no Xuvia. Nesta ocasión, as denuncias "contra a putrefacción do río" corren a cargo das asociacións de pescadores, mais tamén chegan ata o Parlamento de Galicia por boca do deputado de PSG-EG Antón Martínez Aneiros. A Xunta de Galicia abrirá un expediente sancionador ao Concello de San Sadurniño, aínda que o alcalde socialista Manuel José Lamas apón os vertidos a un problema no saneamento da rede de sumidoiros. Segundo o informe da Garda Civil de 4/8/1987 o Xuvia presentaba: “o leito do río parduzco, inundado de escuma flotante, aceite sobrenadante e porquería orgánica filamentosa que se acumulan sobre restos de troita”. A oposición municipal integrada en "Independentes por San Sadurniño" aproveita a situación para denunciar as condicións laborais dos traballadores de "El cisne" que será contestado por un comunicado do Comité de empresa, no que se posiciona a prol da factoría e do seu novo propietario.

En abril de 1988 o Parlamento de Galicia insta á Xunta a paralizar a empresa "ata que a fábrica modifique a depuración e garanta a non contaminación do río Xuvia". En novembro dese mesmo ano, Manuel Rico Dopico, propietario da piscifactoría “Truchas del Jubia”, denuncia a morte de 4.500 troitas da súa factoría e insta a "El cisne" a tomar medidas urxentes, presentando ademais unha denuncia no xulgado.. Nesa altura, a contaminación do Xuvia xa era un feito contrastado tras dous anos de funcionamento, aceites e graxas do peixe seguían vertendo directamente ao río. Todas as asociacións ecoloxistas, de pescadores e veciñais coincidían nas denuncias provocando un clamor social, político e mediático que obrigará á fábrica a dotarse ao fin dun sistema de depuración efectivo que resolva o dano medio ambiental que estaban a provocar os residuos de "El cisne".

A pesares da contestación mediática, os números da factoría de San Sadurniño van "vento en popa", como se recolle na prensa económica da época. "El cisne" é a 8º empresa no ranking de empresas conserveiras do estado, ten as súas contas saneadas e presenta beneficios. A melloría nótase na vida cotíán dos habitantes do pobo, mesmo alguén lle chama a "década do vespino en San Sadurniño". Mais no verán de 1989 un novo vertido volve a poñer de actualidade as prácticas medioambientais e as deficiencias da depuradora cando morren varios miles de troitas provocando a putrefacción do Xuvia ao longo de varios kilómetros río abaixo.

O fito que decidirá o futuro da fábrica comezará cando un fiscal acuse a "El cisne" de delito ecolóxico, feito que poñerá un marcha un proceso xudicial que abocará ao peche da empresa en anos vindeiros. Era a primeira vez que en Galicia se admitía unha denuncia contra unha empresa "por delito ecolóxico". A acusación argumentaba que o vertido de 4 de agosto de 1987 provocara a mortandade de 58.000 troitas. As inspeccións oficiais realizadas en 1986 e 1887 xa denunciaran as deficiencias dos sistemas de depuración e que "a empresa coñecía a ineficacia do sistema de depuración". O xuíz solicita unha fianza de 50 millóns de pesetas polos danos á piscifactoría “Truchas del Jubia”,
O xuízo celebrouse o 20 de marzo de 1991 e nel foron condenados os xerentes da factoría e obrigase á empresa ao abono dunha indemnización millonaria. Podes ler aquí a información sobre o xuízo.
A partires deste feito comezará a "Última etapa da factoría "El cisne". .

  • Inauguración de "El cisne", fábrica de conservas

  • "Unha importante fábrica de conservas se instalará en San Sadurniño". LVG 29.9.1985

  • Anuncio do inicio da actividade en E cisne L 18.5.1986

  • Protesta dos grupos ecoloxístas 2.8.1986

  • El cisne comeza a funcionar en xuño de 1986. VG 16.5.1986

  • Desmentido da empresa "El cisne"LVG 30.8.1986

  • Novo propietario da empresa "El cisne"

  • O novo propietario de "El cisne". LVG 11.8.1987

  • Denuncia da putrefacción do río xuvia LVG 4.9.1987

  • Expedente ao Concello de San Sadurniño polos vertidos. 27.12.1987

  • O comité de empresa e as condicións de traballo da fábrica. LVG 29.1.1988

  • Morte masiva de 4.500 troitas. LVG 8.11.1988

  • Sistema de depuración de "El cisne" . 7.12.1988

  • Instalación da depuradora LVG 10.2.1989

  • "El cisne" segue contaminando. LVG 36.6.1989

  • Acusación de delito ecolóxico.4.7.1989

  • O fiscal solicita unha fianza millonaria LVG. 1.4.1990

  • Juizo ao cisne.LVG 21.11.1991

  • Produto de "El cisne"

  • "El cisne" no Saturnal (2000)

  • Leccións da sentenza de "El cisne".5.1.1992

  • Denuncia das condicións laborais de "El Cisne".LVG 26.1.1988

  • Fabrica de "El cisne"

load

Documentos:

Conflito industria versus natureza. LVG 13.8.1988
Informe económico da factoría "El cine" en 1989
O xuizo por delito ecolóxico contra "El cisne". 21.3.1991

Comentarios

Máis imaxes

Temas: empresas agrogandeiras, conflitos, naturezas, ríos, San Sadurniño (parroquia), San Sadurniño (Concello), tecnoloxía

Autor/a: Manuel González Álvarez

Compartir en: