Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018

documentos

Ademais das imaxes, tamén a prensa e os documentos históricos fálannos de San Sadurniño no decurso do tempo: Podes velos en orde cronolóxico aquí , ou consultar algúns datos estatísticos

Verán de 1936

San Sadurniño, 1936

As primeiras novas dun levantamento militar en España agromaron na festa do San Paio de Ferreira o vernes 17 de xullo no que se inauguraba o palco de música. Tras do trunfo do golpe en Ferrol o 22 de xullo de 1936, en San Sadurniño improvisouse un mitin unitario no Campo da Feira para alentar a resistencia contra o exercito golpista cos obreiros que viñan fuxindo de Ferrol cara Cedeira. Mais o 26 de xullo, varios camións con militares e falanxistas baixo o mando do Teniente da Garda Civil de Ortigueira, Maximino Lobo Navascués (Badajoz 1906), puxeron fin a Segunda República en San Sadurniño. Nese mesmo día destituiase a Vicente Castro Naveiras e noméabase novo alcalde ao comerciante local de 69 anos Pelayo Casal Novo -maior contribuinte por industrial-. Os novos concellais nomeados pola autoridade militar foron: Segundo Yáñez Fernández, -maior contribuínte por industrial de San Sadurniño-, como 1º tenente de alcalde; Antonio Castrillón Rodríguez, -maior contribuínte de Lamas-, 2ª tenente de alcalde; Ángel Luaces Castro, -maior contribuínte de Ferreira-, 3º tenente de alcalde; Manuel Yáñez Fernández, -maior contribuínte de Lamas-, síndico ; José María García Tuimil, maior contribuínte de Ferreira por industrial; Manuel Castro Lamas,contribuínte de Igrexafeita; Evaristo Gil Fontanes, maior contribuínte por industrial en Bardaos; José Naveiras Barro, Igrexafeita; José Vivero Soto, Monte; Manuel Montero García; Jose Carregado Lorenzo -morre o 3/9/1936-, substituído por Antonio Carregado Lorenzo, Naraío; Manuel Sisto Sedes, Bardaos. Todos xuran nese día “cumplir las disposiciones emanadas del poder público para el bien de la patria y de la República”.

Tamén se puxo un marcha un grupo local de milicianos e falangistas que en setembro están plenamente operativos: "En este ayuntamiento hay una milicia armada compuesta por los individuos que se expresan y bajo ordenes del Comandante del Puesto de la Guardia Civil, el cual les habilita armamento y municiones disponiendo de 11 mosquetones y 50 cartuchos cada uno, encontrándose en regular grado de instrucción".

Mais ao contrario que en moitas vilas de Ferrolterra, as “novas autoridades militares” non adoptaron represalias físicas sobre dos veciños e veciñas do concello ou a corporación municipal republicana. As intervencións do párroco de San Sadurniño, Daniel Porto; o párroco de Igrexafeita, Manuel Gesto Iglesias, e Juan Rodríguez Rabanal, sarxento da Garda civil daquela, parece que salvaron algunhas vidas, como as dos socialistas Antón Saavedra Gil e Andrés Rico López entre outras. Tampouco acontecera incidente algún -anticlerical ou antidereitista- durante os anos da República, segundo se recolle na Causa General en San Sadurniño. En realidade, ningún "residente" no concello morreu no verán de 1936, ainda que o medo e o terror daqueles días ficou para sempre na mente de quen os viviu. As requisas obrigatorias casa por casa para contribuir á "gloriosa cruzada" deberon infundir pánico na poboación civil durante toda a Guerra Civil. Mesmo o secretario do concello, Juan Rilo, que se significara politicamente durante a República, foi detido meses mais tarde, en febreiro de 1937.
Polo momento, o pouco que sabemos dos represaliados polo franquismo en San Sadurniño, foi documentado nas Bases de datos de “Nomes e Voces", web especializada na guerra civil e a represión franquista en Galicia.

1.-Nacidos fora do concello, mais residentes en San Sadurniño
Freijomil López, Antonio. 41 anos. Natural de Ferrol. Mariño. Prisión
Hermida López, Saturnino. Veciño de Ferreira. Natural de Ferrol. Mestre. Depurado
Rilo Lopez, Juan. 32 anos.Natural de Cambre. Secretario do concello de San Sadurniño. Prisión

2.- Nacidos en San Sadurniño mais residentes fora do concello:
Bello Pouso, José María: 18 anos. Residencia en Ferrol. Labrego. Morre na cadea
Picos Barros, Ángel: 32 anos. Residencia en Ferrol. Carpinteiro. Prisión.
López López, Manuel "El Batallo". Nado en San Sadurniño en 1903 e fillo do industrial José López Torre. Veciño de Valdoviño. Funcionario municipal. Executado en Ferrol o 25/8/1936
Anca Hermida, José.28 anos. Radiotelegrafista en Cartagena. Socialista. Tras do internamento en campos de concentración franceses, embarcouse no Sinaia no que chegou a México en xuño de 1939.

3.-Mozos facendo o servizo militar
Díaz Fernández, Fermín. 22 anos. Veciño de Ferreira. Mariño no “Jaime I”. Prisión
Franco García, Juventino. 23 anos. Veciño de Naraío. Fixo a guerra no exército republicano.
García Dávila, Juan. 21 anos. Mariño de reemprazo. Fixo a guerra na zona republicana.

4.- Relacionados con San Sadurniño.
Antonio Castillo Dominguez.. Extremeño. 39 anos. Foi inspector municipal de hixiene pecuaria en San Sadurniño nos anos 1920-1922. Fusilado en Ferrol o 18-12-1936

5. Depuracións e multas
Foron depurados e cesados os mestres José Cives Balilla (Igrexafeita); José Gómez Rubido (Ferreira); Mariluz Vidal Sanjuán (San Sadurniño); o xuiz José Sanjurjo Piñón; o funcionario municipal José Canosa Alonso; e multados pola Delegación de Orden público de Ferrol (entre agosto e setembro de 1936): Gervasio Galdo Bellas (750 ptas; Vicente Rodríguez Canosa, concelleiro na República (500 ptas); Victoriano Sueiras Pouso (250 ptas); Andrés López Loureiro (250 ptas); e con 100 pesetas: Alfonso Gonzalez Fernández, Manuel Toimil Cobelo, Antonio Orjales Rey, Evaristo Lopez Bouza, Antonio Bouza Rivera, José Sixto Fernández, José González Fernández, Antonio Gómez Cobelo, José Tarrío Eiroa, Angel Couce Fernández, Antonio Nieto López, Victor Martínez Cobelo, Jesús Casal Castro, Andrés Rico López (PSOE), José Corral Calvo (PSOE), Manuel Sanjurjo Gil (PSOE), José Calvo Meizoso (PSOE), Manuel Carballo Arca (PSOE), Elías Romero López (PSOE), Antonio Bouza Garcia, José Muiño Sedes, Santiago Sedes Rivera, Evaristo González Bellón, Sebastían Gómez, Germán Casal Rivera, José Vilela González

6. Peches e incautacións
Incautación de Sociedade labrega "La Moralizadora": unha silla, seis bancos, unha mesa, un armario, unha cómoda e 868’20 ptas.(18-8-1936)
Incautación do "Centro Recreativo e Cultural de Lamas": un armario e librería, 5 mesas e 0’50 ptas.
"Centro recreativo y cultural de campesinos de Ferreira": 22’75 ptas
"Sociedad Agraria Socialista": Varios mobiliario e 3'40 ptas.
O total incautado ás sociedades republicanas ascende a 894'85 ptas.
Se algún lector coñece mais nomes propios deste verán do 36 en San Sadurniño, agradeceríamos que nos enviara un correo electrónico coa información
Na ilustración, Bando de Guerra do Comandante militar da zona de Ferrol o 22 de xullo de 1936

  • Verán de 1936

  • Intervención militar do Concello de San Sadurniño 26-07-1936. Actas de Sesións 1936

  • Decreto do novo alcalde Pelayo Casal

  • Selo do Concello de San Sadurniño en 1936

  • Listaxe grupo de milicianos e falangistas

  • Orde de limpeza xeral

  • Recristianización das Escolas públicas

load

Documentos:

Represión franquista en Ferrolterra. Enrique Barrera (2005)
Causa General en San Sadurniño (1941)

Comentarios

Máis imaxes

Temas: guerra, San Sadurniño (Concello), conflitos

Autor/a: Manuel González Álvarez

Compartir en: