Ademais das imaxes, tamén a prensa e os documentos históricos fálannos de San Sadurniño no decurso do tempo: Podes velos en orde cronolóxico aquí , ou consultar algúns datos estatísticos
San Sadurniño, 1922
Chegaron o 15 de xullo ao seu Pazo de verán. Días antes o Pazo sufrira unha estrana tentativa de roubo. Segundo publicaba a prensa, o Marqués viña xa moi enfermo. Ás catro da madrugada do día de Santiago de 1922, Francisco de Asis Arias-Dávila-Matheu y Bernaldo de Quirós morre no Pazo de San Sadurniño "por encefalitis". Posuía os títulos de Conde de Cumbres Altas, Grande de España de 1ª clase, cabaleiro de Calatrava e Marqués consorte de San Sadurniño dende a súa fastuosa voda con Natividad Quindós o 11 de Xullo de 1886. Tiña 66 anos. Ás honras fúnebres polo marido da Marquesa asisten numerosos aristócratas, curas e bispos, políticos e curiosos. O funeral celebrouse na Capela do Pazo e o enterro multitudinario no interior da Capela do Pazo de Baltar o día 26 de xullo de 1922. O acto fúnebre foi un evento mediático, case un enterro de "estado". Os Reis de España enviaron un telegrama de condolencia.
O 8 de agosto celebrouse un funeral solemne no Convento do Rosario en San Sadurniño. Acudiron os representantes municipais co alcalde Fernández Pita á cabeza, o administrador e os colonos, así como destacadas persoalidades de Ferrol. O mesmo boato acontecera no funeral realizado en Baltar unha semana antes.
Para a marquesa –con 61 anos- foi un golpe moi duro. Como ela mesma escribe no seu diario: “el 25 de Julio día de Santiago se murió Asís! y desde ese día, un día largo... que he querido desde el momento que el Señor se lo llevó!... de separame totalmente del Mundo, dejar Palacio, y dedicarme a vivir todo para Dios!”. De feito, Natividad Quindós permañecerá recluida 15 meses e renunciará voluntariamente ao seu cargo como “camarera mayor de la Reina madre” Abandoa as súas responsabilidades na Corte Real o 11 de novembro de 1923, tras 17 anos de servizo á Coroa.
Porén, no contexto de miseria, pobreza e desigualdade social do primeiro terzo do século XX, non se podería dicir que o Conde de Cumbres Altas tivese unha “mala vida”, mais ben ao contrario. Dende o mesmo día do seu nacemento, a Francisco de Asís nunca lle faltou de nada e puido facer coa súa vida todo canto se propuxera e moito mais. Abonda coa lectura de cómo foi o seu bautizo na Capela Real, asistido pola elite dos Grandes da España isabelina, ou o seu discurso diante da raíña María Cristina, para entender de qué estamos a falar. Procedente dunha poderosísima familia de abolengo medieval –Puñónrostro-, foi sempre "señorito" rendista e dende o berce viviu en grandes palacios, rodeado de luxo e riqueza. “Un aristócrata en el verdadero sentido de la palabra” segundo” El Norte de Galicia”. E como rendista e gran propietario entrará directamente no Senado por Segovia en 1903, mais nunca tivo necesidade de participar nunhas eleccións. Tampouco desenvolveu un gran traballo parlamentario segundo o seu expediente no Senado: presentou unha única moción en 1907 “para que o tren parase en Segovia”. Esa foi a única iniciativa do Conde de Cumbres Altas como representante da Cámara Alta nos seus sete anos como senador. Alén diso, só por tradición familiar e dereito de cuna será “gentilhombre de cámara con exercicio y servidumbre” na Corte de Alfonso XIII, participando activamente nas actividades do Palacio Real. O seu catolicismo ultraconservador será decisivo para sexa, “por un día”, embaixador extraordinario ante a Santa Sede en 1908. Certo que o Marqués de San Sadurniño consorte potenciou algunhas actividades do catolicismo mais tradicionalista do seu tempo, coa dotación de premios e apoio económico ao Sindicalismo Católico. Mais sempre -dacordo cos postulados do partido conservador-, a prol do mantemento de todos os resortes do poder patrimonial que herdou dos seus devanceiros, para que os privilexios da oligarquía á que pertencía seguiran intactos no devalar do tempo, como por exemplo impedir o desenvolvemento da electrificación en San Sadurniño, porque "los campesinos no necesitan la luz eléctrica para nada" . Tamén afastou a estación de tren a tres kilómetros do pazo, para "alonxar os fumes" da vila da tranquilidade ou intentou privatizar un camiño de uso público desde tempo inmemorial. Á morte do Marqués, a meirande parte dos labregos de San Sadurniño seguían a vivir do mesmo xeito e tiñan idénticos problemas que cando naceu, o 6 de novembro de 1855.
Temas: San Sadurniño (Concello), Pazo da Marquesa, tecnoloxía, tren, Señores de San Sadurniño
Autor/a: Manuel González Álvarez
Fotógrafo/a: Arquivo municipal de San Sadurniño