TEÑO UNHA HORTA
O proxecto quere difundir e compartir o coñecemento e a experiencia das mulleres en relación cos traballos no campo.
A actividade ponse en marcha no ano 2015 desde a Aula Cemit do concello e une alfabetización dixital e audiovisual coa preservación dos saberes da agricultura tradicional. A través de videotutorias na súa canle de Youtube,"Teño unha horta en San Sadurniño" dan a coñecer as labores agrícolas ensinando trucos e tarefas tradicionais.
Neste proxecto participan Consuelo Picos, Cruz Piñón, Lucía Pita, Carmen Couce, Carmen Bouza e Carmen Suárez.
Visita as súas hortas:A horta de Consuelo; A horta de Cruz; A horta de Lucita; A horta de Carmiña; A horta de Maruxa
Madrid, 2017
O proxecto audiovisual e de inclusión dixital “Teño unha horta en San Sadurniño” recibiu en Madrid o premio como mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores, outorgado pola Fundación DomusVi.
A fundación DomusVi ten entre os seus obxectivos impulsar a formación e o coñecemento arredor da atención ás persoas maiores, como parte dun grupo que xestiona en España case 22.000 prazas en 153 residencias e centros de día. Desde o ano pasado convoca uns premios cos que recoñecer o compromiso social de persoas e institucións que contribúen dalgún xeito a mellorar a calidade de vida neste ámbito da poboación. Están divididos en distintas categorías que van desde as iniciativas que se desenvolven en centros de ensino ata aquelas que premian a innovación no sector sociosanitario, o traballo dos medios de comunicación ou as boas prácticas profesionais no coidado de persoas maiores.
“Teño unha horta en San Sadurniño” participou no apartado dedicado a colectivos que desenvolvan propostas sociais, culturais e solidarias cun marcado protagonismo e activismo da xente de maior idade. Requisitos que o proxecto de San Sadurniño cumpre e que lle valeu facerse co primeiro premio da categoría.
A entrega dos galardóns celebrouse o día 21 de novembro de 2017 en Madrid. Ata alí foron convidadas pola fundación Carmen Bouza, Carmen Couce, Consuelo Picos e Cruz Piñón (só faltou Lucía Pita); ademais da coordinadora do proxecto, Carmen Suárez, Secundino García e a responsable de Cultura, Sabela Íñiguez. O acto tivo lugar no teatro Amaya e estivo conducido por Luis Piedrahita. Nel tamén resultaron premiados, entre outros, o programa “Convivir” da Radio Galega -dirixido por Clara de Saa- e o exdiplomático Inocencio Arias.
Temas: Horta de Carmiña, Horta de Consuelo, Horta de Cruz, Horta de Lucita, Horta de Maruxa, Igrexafeita, Internet, labregos e labregas, Lamas, Ferreira, muller, Naraío, San Sadurniño (Concello), tecnoloxía, traballos
Autor/a: "Teño unha horta"