Bardaos, 2017
4ª Chanfaina Lab (5). Estrea venres 9 de marzo do 2018.
Director: Bieito Beceiro
Sinopse: :"Na procura da definición de indefinido"
Duración: 3' 10''
Gravada na parroquia de Bardaos, dentro do programa da 4ª Chanfainalab
Bieito Beceiro é un mozo inquedo e activista da parroquia de Bardaos. Estuda o segundo curso na Facultade de Informática en Coruña e xa ten amosado o seu bo facer en diversos vídeos relacionados coa historia local que poden verse en "Fálame de San Sadurniño" como "Celtas en Bardaos?", "Toma de posesión de Bernardino de Andrade", "Bardaos 1752" ou "O ano funesto do marqués" e na Chanfainalab 2016, "O libro". Nos últimos anos está a realizar os "Pregóns do San Pipote" para a popular Festa da súa amada parroquia de Bardaos.
Bieito non tiña moi claro o tema sobre o que traballar nesta edición da Chanfainalab: Participou activamente nos obradoiros de María Yáñez e no de edición co móbil de Belén Montero e Juan Lesta. Aínda tirou tempo para facer a cámara da curta do seu amigo Sebas Rodríguez ("Galiñocidio"). Mais non quixo deixar pasar a ocasión para facer "unha peciña que non me ocupara moito tempo e recursos, algo que me permitira conectar co espírito da Chanfaina de experimentar, procurar o meu propio camiño e facer algo diferente ao que sempre fago. Así que me decidín por algo moi sinxelo, onde estivera presente o onírico, ademais da miña propia experiencia vital como estudante, e, por suposto... Bardaos".
"Indefinido" como indica o propio título, deixa sobrada marxe á interpretación de quen mira ou escoita, unha peza indefinida, produto da imaxinación dun mozo afeccionado ao cinema que sempre busca os seus referentes nese pequeno grande mundo que é a parroquia de Bardaos. Bieito segue na procura do seu estilo propio, experimenta coa imaxe e o son, e atina no obxectivo complexo de definir o indefinido; E faino como os cineastas con mirada, a través da subxectividade e a experiencia persoal, aínda que os asuntos resulten tan sinxelos e etéreos como escoitar unha treboada dende a cama, a irrealidade tras o espertar dun soño axitado ou pechar o ordenador despois dunha longa xornada de traballo. Que cada quen deguste a peza ao seu cachón, mais o pouso que deixa no espectador, acredita que Bieito acada o seu obxectivo de definir o indefinido. Agardamos con impaciencia que o cineasta de Bardaos siga na procura do seu camiño na Chanfaina 18.
Fotografías de Cesar Galdo e Gabriel Tizón.
Temas: Bardaos, creador@s, vídeos, Chanfaina'Lab
Autor/a: Bieito Beceiro
Vídeos:
Celtas en Bardaos?
Toma de posesión de Bernardino de Andrade
Bardaos 1752
"O Libro"
Pregón San Pipote 2017
Pregón San Pipote 2016