Ademais das imaxes, tamén a prensa e os documentos históricos fálannos de San Sadurniño no decurso do tempo: Podes velos en orde cronolóxico aquí , ou consultar algúns datos estatísticos
San Sadurniño, 1527
II Señor de San Sadurniño (1527-1548)
Juan Freire de Lanzós foi o fillo maior dos fundadores do Señorío de San Sadurniño e morreu arredor de 1548. O seu pai fora Fernando de Andrade e a súa nai Inés de Castro e Lanzós, filla de Alonso de Lanzós, caudillo da insurrección irmandiña. Juan Freire de Andrade e Lanzós será o primeiro herdeiro do Señorío de San Sadurniño. A raíña Dona Juana autorizara o morgado do Señorío o 15 de xuño de 1515, creándose definitivamente en 1526.
É de imaxinar que a infancia do II Señor de San Sadurniño foi tan doada como era de feito a de todos os fillos dos privilexiados na baixa idade Media. A súa familia dispuña de pazos residenciais en San Sadurniño, Cerdido, Somozas, mesmo unha casa grande en Cedeira e estaba a construir outro pazo en Santa Mariña. Tiña xurisdición´"civil e criminal" sobre un gran número de terras e vasalos que traballaban para eles. Juan nacera vinculeiro nobre en casa nobre e manterá o seu status aristocrático ata a súa morte en 1548, aínda baixo do reinado do emperador Carlos I.
O feito que no seu sartego apareza vestido como cortesán renacentista e non como cabaleiro medieval, e que sosteña un libro nas mans indica que posiblemente recibira unha esmerada educación. Na súa nenez viviu en primeira persoa a teima dos pais por fundar un morgado que perpetuara o nome e a fortuna familiar, da que sería o principal beneficiario. É de supoñer que a súa nai, Inés de Castro e mais a avoa materna María, contaríanlle unha e outra vez as fazañas do seu vizoso avó, inimigo acérrimo dos Andrade na Guerra Irmandiña e que morrera como un perdedor na cidade de Coruña coas súas posesións usurpadas. A súa avoa aínda pleitaba en 1492 para recuperar os bens roubados polos Andrade e o Conde de Lemos ata que as recuperaron. Por iso, durante toda a súa vida foi teimudo na defensa do patrimonio herdado e manifestou vontade explícita por perpetuar a lembranza dos seus pais; mesmo ampliou o patrimonio da casa considerablemente mercando por 500.000 marabedís o couto do Pedroso en 1544, o que convertería o Señorío dos Andrade-Lanzós nun dos mais sobranceiros de Ferrolterra.
Por outra banda, Juan Freire támén amosou certo carácter bravo. Botou aos capeláns que atendían ao convento do Rosario dende súa fundación -por incumpremento do "contrato"-, substituíndoos por Franciscanos, mais advertindo aos sucesores que fixeran o mesmo se os discípulos de San Francisco incomprían coas obrigas (Ver testamento).
Casou ben coa tamén nobre María de Losada e Valcarcel –das terras do Bierzo- deixando tres fillos:
1.- Pedro de Andrade e Castro, III Señor de San Sadurniño.
2.- Luís de Andrade, casou con Dª Antonia Osorio. Veciños de Villafranca del Bierzo.
3.- Catalina de Andrade, (-1567) casou con Ares Pardo de Lago, emparentando así co Señorío de Baltar.
Xoán Freire outorgou testamento o 3/05/1548 perante o escribán Gonzalo Tenreiro. Nel insiste na lealdade aos seu pais e na memoria e conservación dos principios fundacionais do morgado para os sucesores. Mesmo no seu sartego da Igrexa de San Sadurniño deixou escrita -ben clariña- a súa derradeira vontade:
"Este fue Juan de Andrade y este monasterio y los frailes del son obligados por su ánima de cada día decir una misa cantada con su responso y otra misa rezada y responso cantado por las ánimas de Fernando de Andrade y Ines de Castro, padre y madre del dicho Juan Freire, el cual pone pena de bendición y maldición al heredero y sucesores de su casa que para siempre jamás hagan decir las sobredichas dos misas cantada y rezada con dos responsos. Partiose de este mundo en el año de ¿¿??"
Temas: Convento do Rosario, igrexas parroquiais, Pazo da Marquesa, Pedroso, San Sadurniño (Concello), Señores de San Sadurniño
Autor/a: Manuel González Álvarez