Monumentos, igrexas, edificios, patrimonio inmaterial e pezas singulares -grandes e pequenas- de San Sadurniño: castelo de Naraio, castros, convento do Rosario, creador@s, cronoloxía histórica, cruceiros, fontes, igrexas parroquiais, pequenas capelas, lendas, megalitismo , muíños, pazo da marquesa, visitantes senlleiros,
Campo da Feira, San Sadurniño, 1972
O campo da feira -souto do Agra- foi, dende sempre, un espazo singular, o cruce de camiños primixenio que dará lugar á actual parroquia de San Sadurniño. Segundo actas do concello: "La feria mensual es de tradición antiquísima, de tiempo inmemorial, que no se recuerda" (20/12/1927).
Algunhas fontes documentais mencionan a Pedro Alvarez de Reynoso, X Señor e 1º Marqués de San Sadurniño como o que trasladou a Feira dende o campo do Convento arredor de1690 e a construcción da primitiva capela de Belén no 1705 que logo remudarase ata a actual de 1715.
Xa en 1741 o prior do Convento do Rosario manda pechar a Capela de Belén nos días de feira porque se meten nela os comerciantes a tratar os seus negocios. O catastro de Ensenada acredita a súa importancia en 1752 e Madoz a súa permanencia en 1838.
Situada ao pé do castro, é de supoñer que funcionou como espazo de intercambio comercial dende hai dous mil anos ata ben entrado o século XX, no que desapareceu pouco a pouco a feira que alí se celebraba o primeiro domingo do mes, o día do Corpus e o día 17 (dende 1906).
No campo da feira celebrábanse sempre os mitins ata 1936 e tamén as festas de Belén na histórica capela do mesmo nome.
Ao seu carón sempre existiu un local de ocio e sociabilidade como a mítica "Casa Vizoso" reconvertida en "Casa Germán" en 1967. Foi sempre un lugar "vivo" no corazón dos que coñeceron "a feira". Mais tamén foi o espazo mítico onde acontecen os feitos que se narran na canción popular "Fun á feira de San Sadurniño" e aconteceron sucesos de toda índole: tratos, desacordos, amores, desamores, trifulcas, roubos, pelexas e mesmo crimes .. en definitiva gran parte da historia persoal e social da veciñanza ao longo do tempo. Si ese espazo poidera falar, cántas cousas contaría.
En 1906 o Concello presidido por Angel García mellorou os postos de venda, ampliou un día máis a feira (o 17) e cambioulle o nome polo de "praza dos Duques da Conquista" pola visita de Alfonso XIII en 1904.
En 1951, sendo alcalde Emiliano Calvo, construíuse ademais un palco de música cunha fonte.
O alcalde Francisco Dorado amañou o campo da feira en 1963 instalando postos fixos de mercado e un espazo para a inseminación artificial.
Mais en maio de 1972, -sendo alcalde Santiago Secada- este espazo perdeu a súa identidade definitivamente: "como ya case non se celebran feiras, se talarán los árboles antiguos, se derrumbará el templete o palco de música y la fuente se llevará para atrás ". Pódese afirmar que arredor de 1973 o campo da feira de San Sadurniño perde a súa funcionalidade e polo tanto a identidade que o singularizaba dende tempos moi remotos.
A derradera remodelación do campo da feira co seu aspecto actual foi no 1991, xa co alcalde Constantino Bedoya
No ano 2011 recuperou a denominación orixinal de "campo da feira" para lembrar un espazo da memoria colectiva de San Sadurniño. Actualmente as feiras realízanse no entorno do Pazo do Concello
2013-07-18 02:57:51
Esta fotografía e posterior o ano 1970, o citroen que aparece en ela foi matriculado no ano 1969 e na fotografía se aprecia qe non e novo. En eses anos tamén estaba o fotografo, que non creo estuvera nos anos cincuenta.
2013-07-18 21:19:21
De novo grazas pola aclaración, tomamos nota para corrixilo.
Temas: Capelas, feiras, patrimonios, traballos, San Sadurniño (parroquia)
Autor/a: Roberto Amor Calvo
Fotógrafo/a: José Casal Rodríguez