Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018 Chanfaina Lab seleccionada no banco de boas prácticas da xestión cultural Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

xentes

Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.

Santiago Secada Marañón, alcalde

San Sadurniño, 1971

Alcalde de San Sadurniño (1971-1979).
Santiago Secada Marañón, naceu en Marina de Cudeyo (Santander) o 25 de agosto de 1928, fillo de Ernesto e Concepción. Titulouse na Escola de Veterinaria de Zaragoza. En 1951 realiza o servicio militar como alférez eventual de complemento no Regimiento de cazadores de montaña nº 3 en Huesca. Comeza a súa actividade profesional como veterinario en diferentes localidades de Cantabria ata que acada unha praza en Cesuras.
En 1963 consegue o posto de veterinario municipal en San Sadurniño, no mesmo ano no que casou con María Gutiérrez Lucio. Nun principio, traballará a prol a inseminación artificial e a mellora do gando, o tratamento hormonal na recría de tenreiros ou pulando pola introdución da raza frisona na cabana gandeira de San Sadurniño; mesmo chega a publicar algún artigo sobre temas gandeiros na prensa galega.

Un dos aspectos máis salientabeis de Santiago Secada é a súa militancia falanxista e fervente defensor do réxime franquista; axiña entrará como concelleiro polo terzo familiar e toma posesión da alcaldía o 20 de abril de 1971, aos 42 anos, substituíndo a Angel Gavín. Asemade será o Presidente da "Hermandad de agricultores y ganaderos", ademais de "Jefe Local del Movimiento" e o "Veterinario municipal". Nos seus oito anos como alcalde, Don Santiago era a auténtica -e case única- autoridade en San Sadurniño e representa moi ben o xeito de entender a xestión política nos últimos anos da ditadura franquista. A Secada Marañón tamén tocoulle vivir os anos da transición tras da morte do ditador Francisco Franco en novembro de 1975 ata as primeiras eleccións municipais democráticas de 1979, nas que foi substituido por César Antonio López Fernández

A corporación municipal da que era Presidente en 1971 estaba formada por Cecilio Balseiro Dopico (2º tenente de alcalde,(1930-2014), Daniel Casal Permuy, Vicente Carnero Dopico (1928-2013), Jesus Mera Carregado (1918-2007), Manuel Lamas Salgado, Albino González Mouriz (Lamas 1920-2007), Jesus Ramos Fernández e Orencio Durán Seco. Coa a remuda municipal de 1975 a corporación terá unha nova composición, xa máis ao xeito de Secada Marañón: César Antonio López Fernández, Orencio Durán Seco, Manuel Sabin Prosper, Eladio Fraga Redondo (Naraío,1929-2008), Manuel Lamas Salgado, José Pérez Graña, Jose Mouriz Torrado (1920-2004) e Eliseo Cibreiro López.

Porén, a súa xestión non deixará un legado que se poida lembrar especialmente, tras case oito longos anos de goberno municipal porque o balance é ben cativo. Santiago sentíase orgulloso da instalación de teléfonos nas parroquias, -iniciativa desenvolvida no medio dunha gran polémica e protestas veciñais- o alumeado publico, restauración da Casa consistorial e a inauguración do CPI, que fora unha teima persoal do seu antecesor Angel Gavín. Tamén foi o promotor da pista que conduce ao alto do Pico Ferreira, que arrasou un emprazamento arqueolóxico (1974). Talará o arboredo do campo da feira e o palco da música (1972) e a mítica feira de San Sadurniño desaparece definitivamente durante o seu mandato. Como veterinario apostou pola creación do curro do Forgoselo en Miguelares no verán de 1975.

Nos libros de actas do Concello abundan os xestos políticos vencellados á defensa a ultranza do réxime franquista. De todos os alcaldes do franquismo, sen dubida algunha, Santiago Secada foi o máis militante defensor da Ditadura e terá sonados conflitos con homes progresistas como a persecución ao párroco de San Sadurniño Ramón Díaz Raña, ou mesmo o enfrentamento con representantes do mundo social e empresarial local como Manuel ou Amando Romero Castrillón, amplamente aireado na prensa por "atreverse" a criticar ao alcalde pola súa inación: "porque parece ignorar el parecer y las necesidades del pueblo" ou as trabas burocráticas á actividade cultural do teleclube. Na colección de revistas de Pumariño (1976-1983) dase conta do malestar e conflitos permanentes das AAVV de veciños e a veciñanza en xeral coa alcaldía nos primeiros tempos do posfranquismo.
Mentres, con fondos municipais organizábanse homenaxes á prohomes da ditadura, como Camilo Alonso Vega ou o coronel Lobo Montero (1972). Co gallo do atentado a Carrero Blanco, deixou constancia en acta o enaltecemento das súas cualidades e "relevantes servicios prestados a nuestra patria, España, por el almirante" (1973) .Tamén organizou unha viaxe oficial en maio de 1974 ao Valle de los Caídos "por las almas de los gallegos que perdieron la vida en las campañas de la Guerra de liberación de 1936"; a celebración municipal do primeiro cabodano da morte de Franco en 1976. Resulta reveladora a política de compras do Concello que inclúen libros como "Historia de la guerra civil española" de Ricardo de la Cierva e as únicas suscripcións de prensa que tivo o Concello ata 1977: o falanguista "Arriba" e o diario da Confederación Nacional de Hermandades de Excombatientes"El Alcazar". Esa fidelidade e lealdade ao réxime será recompensada polas autoridades franquistas coa entrega polo gobernador civil Miguel Vaquer Salort da medalla de ouro da Orde de Cisneros.

En entrevista persoal realizada no ano 2015 na súa casa de verán de Cariño, Santiago Secada afirmaba: "El tiempo transcurrido en San Saturnino fue el mejor de mi vida. Hubiera quedado allí si no fuesen los motivos familiares. Yo va veía venir la desintegración de España con la desgracia de las autonomías, así que pedí plaza en mi tierra, Cantabria, antes de que me fuese imposible volver". De feito, en setembro de 1978, acada unha praza de veterinario en Junta de Voto, para logo ir á Santander, onde se xubilaría. As eleccións municipais democráticas celebradas en 1979, déronlle o bastón da alcaldía á César Antonio López Fernández.

Na fotografía, Emilio Tapia Dafonte, delegado do Gobernador saúda ao novo alcalde Santiago Secada en presenza do ex-alcalde Angel Gavín en abril de 1971.

  • Santiago Secada Marañón, alcalde

  • Toma de posesión de S. Secada: Cesar López, Eliseo, Emiliano de Xan, Tapia subdelegado de goberno e Gavin

  • Recibindo a Orden de Cineros por parte do Gobernador Miguel Vaquer Salort con Ricardo Fernández Castro, subxefe do Movemento

  • Con Emilio Tapia Dafonte, delegado do Gobernador e o falanxista Ricardo Fernández Castro

  • Nicolás Franco, Ricardo Fernández Castro e Santiago Secada no colexio das Monxas

  • Ramón Díaz e Santiago Secada

  • Secada e Ramon no Colexio de Cristo Rey

  • Santiago Secada na súa casa de Cedeira, (verán de 2016)

  • Carta ao Gobernador Civil (1973)

  • Denuncia ao párroco Ramón Díaz Raña

  • Escrito dos párrocos de San Sadurniño

  • Acta de toma de posesión 1

  • Acta de toma de posesión 2

  • Enfrontamento con Manuel Romero Castrillón (1975)

  • "El tratamiento hormonal en la recría de terneros". La voz de Galicia 26.4.1968

load

Documentos:

Misterio do Pico de Ferreira (1977)
Santiago Secada na Voz de Galicia 18 de xullo de 1972

Comentarios

Máis imaxes

Temas: Alcaldes de San Sadurniño, conflitos, feiras, gandeiría, San Sadurniño (Concello), xente, guerra

Compartir en: