Olladas das xentes que visitaron San Sadurniño e deixaron testemuñas en forma de textos, imaxes, pinturas ou filmes: visitantes senlleiros,
Silvalonga, 2016
3ª Chanfaina Lab (14). Estrea venres 19 de maio de 2017.
Directora: Ángeles Huerta
Sinopse: "San Sadurniño é unha das míticas paradas da liña de vía estreita Ferrol-Xixón, inaugurada polo Xeneralísimo Franco no ano 1962. Cae a tardiña. A viaxe a Xixón dura case dez horas, pero Ángeles ten o pálpito que aínda vai chegar a cear coa súa nai. Unha curta sobre a relatividade do tempo e o espazo. "
Intérpretes: Ángeles Huerta, Carmen Couce, Carmen Bouza (Maruxa); Sara Ferreira
Produción e asistencia moral: Antón Núñez
Son: Manuel Ferreira e Iria Méndez
Fotografía e montaxe: Sandra Sánchez
Duración: 9' 03''
Gravada nos días 3 e 4 de setembro do 2016 na estación do FEVE de Silvalonga dentro do programa da 3ª Chanfainalab.
Aínda que nacida en Xixón, Ángeles Huerta leva 15 anos residindo en Galicia. Doutora en Literatura comparada, estudou cinema na Met Film School de Londres. Alí rodou a curtametraxe "The Fetch", que percorreu con éxito varios festivais nacionais e internacionais, entre eles o de Cannes. No 2015 comezou a produción da longametraxe "Esquece Monelos" un documental de creación sobre a memoria, a perda e os segredos que inutilmente intentamos manter con nós mesmos. A peza gañou tres premios Mestres Mateo (2017) e ven de gañar a mención especial do xurado no prestixioso "DocumentaMadrid". Actualmente está a traballar na segunda longametraxe, "O corpo aberto", un western gótico sobre a fraxilidade das nosas identidades. Tamén é co-guionista de "A nadadora", a nova película de Sandra Sánchez.
Por ser asturiana resulta case natural que Ángeles Huerta procurase a inspiración na ligazón ferroviaria que comunicou tradicionalmente as terras de Galicia e Asturias, o vello tren de FEVE: "Cando recibín a invitación para participar na Chanfainalab, busquei algo que tivera que ver comigo a un nivel íntimo. Ao descubrir que practicamente todo o territorio de San Sadurniño estaba atravesado pola mítica liña de FEVE Ferrol-Xixón, tiven claro que eu tiña que estar dentro da pantalla. Sen embargo, confeso que estar diante da cámara é algo que me atrae e me repele a partes iguais, así que aquí a axuda dos meus cómplices foi fundamental. Sandra Sánchez foi a montadora da miña primeira longa, "Esquece Monelos", e Antón Núñez foi o co-guionista. Eu invitara a ambos a botar unha man na III Chanfaina Lab, e os dous me empuxaron alegremente a protagonizar a peza. Cómpre dicir que facer a longa fora unha viaxe moi intensa para os tres, e supoño que "Próxima estación, San Sadurniño" foi unha especie de terapia da risa logo dese esforzo. Polo demáis, dicir que a rodaxe foi laboriosa pero moi divertida, e que desfrutamos moitísimo da maneira na que a veciñanza (e o propio persoal da FEVE, aínda que na montaxe final non apareza) participou e axudou na gravación. Un dos reloxos é meu e os outros dous da filla de Sandra Sánchez. Ningún deles foi realmente maltratado durante a rodaxe desta curta."
"Próxima estación, San Sadurniño" é unha invitación á gargallada provocada polo humor absurdo e retranqueiro que sae a cachón polos límites do encadre. Gravada nunha única localización e fotografada pola tamén cineasta Sandra Sánchez (participante na 2º Chanfainalab), conta coa actuación estelar de coñecidas veciñas de Lamas, encantadas por participar nesta peza tan arroutada e divertida.
O filme xa fora definido o día da estrea polo creativo maxín da cineasta como ""a primeira curta cuántica do cinema galego". E de seguro que o mesmo Albert Einstein a miraría con interés, xa que o @ espectador/a ten que agudizar os sentidos ata toparlle o punto ao universo paralelo que semella agromar na estación F.C. de San Sadurniño: "Como peza cómica que é, espero que o espectador ría cando vexa esta curta. Tamén espero de corazón que os actores profesionais me perdoen polo meu atrevemento de me poñer diante da cámara. E por suposto, encantaríame que Sara chegue a saber algún día quen é Francisco Franco."
Así pois, nesta ocasión a Chanfainalab invítavos a un prato divertido, creativo e saboroso, aderezado con mimo e imaxinación por unha singular cineasta que nos transporta nunha viaxe a través do "buraco de verme", cara un espazo-tempo alternativo. Ao fin e ao cabo, un dos lemas de "Fálame de San Sadurniño" sempre foi "Un universo por descubrir" e algo do espírito dese universo especial está moi presente nas imaxes de "Próxima estación".
Fotografías de Cesar Galdo.
Temas: Chanfaina'Lab, máquinas, San Sadurniño (parroquia), tecnoloxía, tren, vídeos, visitantes
Autor/a: Ángeles Huerta
Vídeos:
"The fetch"
Trailer de "Esquece Monelos"