Olladas das xentes que visitaron San Sadurniño e deixaron testemuñas en forma de textos, imaxes, pinturas ou filmes: visitantes senlleiros,
Naraío , 2018
5ª Chanfaina'Lab (21). Estrea venres, 5 de xullo do 2019
Dirección: Helena Girón e Samuel M. Delgado
Colaboracións: Antía López, Eneco Rodríguez, Irene Piñeiro, Gabriel Castrillón, Ángela Puentes, Juan M. Vega, Lucía Pita, Juan Grandal, Brais Varela e Iago Varela.
Sinopse: "Unha irmandade de espectros agóchase baixo as capas do tempo. Tras as descricións manuscritas por Vasco da Ponte, buscamos un pasado mítico que resoa de forma subterránea sobre unha paisaxe chea de presenzas invisibles que se activan e perviven cada vez que pensamos nelas. A Revolta Irmandiña —levantamento popular e campesiño que tivo lugar en Galicia durante o s.XV— precedeu moitas das revoltas que se estenderían por toda Europa a inicios da modernidade. En Naraío, buscamos o rastro daquela comunidade de disidentes.".
Duración: 9' 10”
Formato de rodaxe: 16mm con película caducada negativa cor, revelada artesanalmente.
Relación de aspecto: 1,37:1
Filmada en Naraío do 31 de agosto ao 2 de setembro do 2018 dentro do programa da 5ª Chanfainalab
Seleccionada no Festival "S8" (2019) na sección "Sinais en Curto".
Helena Girón (Compostela, 1988) e Samuel Martín Delgado (Santa Cruz de Tenerife, 1987) licenciáronse en Comunicación Audiovisual e ambos realizaron varios Masters e actividades formativas. Helena e Samuel centran o seu traballo creativo entre o cine documental e o experimental, empregando materiais físicos e procesos fotoquímicos. Se a nivel formal camiñan por vieiros fronteirizos entre a non-ficción e a experimentación, tematicamente interésanlle a relación entre mitoloxía e materialismo, o patrimonio inmaterial, a memoria e a historia. Ambos teñen participado en numerosos foros e mostras especializadas. A súa peza “Sin Dios ni Santa María” (2015), tivo un amplo percorrido por festivais internacionais como o Toronto International Film Festival, o New York Film Festival, Mar del Plata, Curtas Vila do Conde, Ann Arbor, Media City Film Festival ou o Festival Internacional de Cine Curtocircuíto, entre outros. Tamén “Montañas ardientes que vomitan fuego” (2016) e “Plus Ultra” (2017) acadaron resonancia internacional nos circuítos do cinema experimental de todo o mundo. Actualmente están a rematar a súa primeira longametraxe "Eles transportan a morte".
Helena e Samuel achegáronse a San Sadurdiño cos deberes feitos e cun fío do que tirar. Son minuciosos, esixentes consigo mesmos e apaixoados pola investigación, a historia e a mitoloxía. A través de "Fálame de San Sadurniño" deron co marabilloso filón da historia medieval na nosa contorna: "Chegamos a San Sadurniño coa idea de filmar algo que xirase en torno ao acontecido no castelo dos Andrade en Naraío, destruído durante a II revolta irmandiña entre 1466 e 1469, pero cando estábamos alí decidimos cambiar o noso centro de atención buscando os trazos ocultos daquel acontecemento nos arredores dese espazo convertido en ruína. O río Castro, situado baixo a fortaleza dos Andrade, destruída e reconstruída como castigo polos veciñ@s do lugar que participaron na revolta, vehicula e activa os vestixios daquel tempo cheo de incerteza. Baixo a súa canle, o incendio segue vivo. A través de exposicións longas e da cámara en man, os nosos movementos fúndense cos dos retratados, xerando un magma fluído e cambiante que avanza con cada vibración rexistrada. O son que a acompaña está composto a partir de gravacións de campo que inclúen hidrofonías realizadas no río Castro."
"Irmandade" é unha peza na que agroman nidiamente as marcas autorais e o estilo desta singular parella de cineastas. Nela partimos de textos medievais (Vasco da Ponte) e paisaxes atemporais, forxadas no devalar do tempo pola auga que xermola e modela á natureza, mais tamén aos seres humáns que alí viven. Veciños e veciñas de Naraío filmadas baixo corozas, dentro dun hórreo; fotograma a fotograma e con longas exposicións que se van superpoñendo adubadas con sons somerxidos do Río Castro. Como si Elena e Samuel estiveran a oficiar un ritual panteísta, invocando aos espectros da historia, aos nosos devanceiros, á Irmandade, agochada nas augas, a natureza e o tempo. En definitiva, filman ese espazo abstracto onde se funden os ronseis do pasado que aínda viven no presente, na propia bioloxía contemporánea, mais que non somos quén de velos. Elena e Samuel deseñan unha "clave de acceso" a esas realidades alternativas que non percibe o ollo humano, porque están compostas de memoria, historia e tempo: "Creemos no cinema como unha máquina do tempo capaz de invocar universos e experiencias que nos axudan a percibir aquilo que nos rodea de forma nova e reveladora" . Abramos pois as portas da percepción á brillante e rotunda metáfora destes grandes cineastas que enchen de orgullo aos que traballamos na Chanfainalab.
Como non puideron asistir á estrea da Chanfainalab na Casa de Cultura de San Sadurniño, Elena e Samuel enviáronnos este videosaúdo:
Fotografías de Cesar Galdo e Gabriel Tizón
Temas: castelo de Naraio, Naraío, ríos, vídeos, Chanfaina'Lab
Autor/a: Helena Girón e Samuel M. Delgado
Vídeos:
"Sin Dios ni Santa María"(fragmento)
“Montañas ardientes que vomitan fuego” (trailer)
“Plus Ultra”(trailer)