Ademais das imaxes, tamén a prensa e os documentos históricos fálannos de San Sadurniño no decurso do tempo: Podes velos en orde cronolóxico aquí , ou consultar algúns datos estatísticos
San Sadurniño, 1513
Inés de Castro e Lanzós é a muller que está soterrada á beira do altar maior da igrexa de San Sadurniño. Dona Inés debeu ter unha vida axitada e intensa, que estaría entre "Paseo por el amor y la muerte" (John Huston 1969), "Braveheart" (Mel Gibson 1995) ou a serie "A Game of Thrones" (2011) .
Foi a filla primoxénita do cabaleiro e líder irmandiño Alonso de Lanzós e da súa segunda muller, María de Castro e Montaos. Dende cativa coñeceu a dramática historia do seu vizoso pai, orfo e despoxado da herdanza familiar polos brutais e cobizosos Señores de Andrade. Tamén compartiu a loita permanente do seu pai por recuperar o patrimonio e a honra dos Lanzós que lle correspondía por dereito familiar, ata poñerse ao fronte da revolta Irmandiña en 1467, cando Inés tiña sete anos. E tras da derrota, de novo o espolio, a prisión e morte como perdedor na Coruña de 1480. Estes feitos marcaron profundamente a personalidade de Inés de Castro e Lanzós.
Debeu nacer un pouco antes de 1460, sendo a primoxénita das catro irmáns, ademais doutra irmanastra da primeira muller do seu pai. Supoñemos que as nenas viviron con intensidade a teima do pai por recuperar as terras, rendas e servos que lle foran arrebatados polo seu archinimigo Fernán Pérez de Andrade. Quizais durante a revolta Irmandiña tivera que agochárense coa súa nai e irmás por seren familia dun dos líderes da rebelión antiseñorial. Todo ese mundo violento e brutal conformou a personalidade da moza, rumiando a súa desesperación e impotencia, ollando como os condes de Lemos e Andrade quitábanlle títulos e posesións e metían en prisión ao capitán irmandiño. Esta inquedanza por acadar un futuro para a súa descendencia está presente no propio testamento de Alonso de Lanzós outorgado en maio de 1480 na Coruña. Aquí podes coñecer un pouco mais polo miúdo os avatares da herdanza dos Lanzós.
Inés debeu vivir pois, marcada por isa traxedia, vendo cómo a nobreza e bonhomía do seu pai era mancillada e humillada pola elite nobiliaria de Galicia. De feito,Inés xa aparece asinando coa súa nai a reclamación polos seus bens, “que permanecen secuestrados polo conde de Lemos e por Diego de Andrade”. Ao fin, en 1489 recuperan por sentenza dos Reis Católicos as posesións familiares "que Diego de Andrade les devuelva los cotos de San Sadornino, Ferreira y otros bienes"; a súa nai ratificará en 1500 o testamento do seu marido polo que os bens, rendas e terras dos Lanzós son para as fillas e dote de Inés -xa casada felizmente con Fernando de Andrade con quen tivo 12 fillos.
Pouco mais sabemos dela, agás o seu gusto pola lectura- acreditado no seu sartego- a súa relixiosidade, coa fundación do convento do Rosario en 1508, construído sobre das ruínas do antigo hospital templario, ademais da vontade inequívoca de fundar un morgado para garantir a continuidade da liñaxe dos Castro-Lanzós- e así evitar que os seus fillos e bens sufriran a mesma desventura que lle aconteceu aos seus devanceiros. Será a promotora das reformas das igrexas de San Andrés de Teixido, San Martiño de Cerdido ou Santa Margarita (Narón) entre outras.
Ela aportará ao Morgado de San Sadurniño parte destes bens fundacionais, mais non chegará a velo señorío creado, pois morrerá prematuramente arredor de 1513; será o seu seu marido, Fernando de Andrade -sen dúbida respectando a vontade da súa muller-, quen funde o Señorío de San Sadurniño en 1526 e que terá continuidade durante 427 anos ata 1953. A paradoxa da súa historia será que os bens dun líder antifeudal serán a base coa que se cree un dos señoríos feudais de maior pervivencia do Antigo Réxime na península ibérica.
Terá doce fillos con Fernando de Andrade:
1- Xoán Freire de Andrade e Lanzós, II Señor de San Saduniño.
2- Fernán Pérez de Andrade, casou con Ana Barbosa,dona do couto de San Mateo (Trasancos).
3- Pedro Bermúdez de Castro, crego das freguesías de San Román de Montoxo e San Cosme de Cervo (Cedeira)
4- Alonso de Lanzós.
5- Antonio de Andrade.
6- Nuño Freire de Andrade.
7- Dª Isabel de Andrade. Casou con Pedro de Miranda.
8- Dª Constanza de Andrade. Casou con Fernán Reymondez, Señor de Figueroa (Betanzos).
9- Dª Tareixa de Andrade.
10- Dª María de Andrade, monxa en San Paio de Antealtares (Santiago de Compostela).
11- Dª Beatriz de Andrade.
12- Dª Inés de Andrade
Ma ilustración, sartego de Inés de Castro co emblema da casa Lanzós-Castro.
Temas: San Sadurniño (Concello), Señores de San Sadurniño, Convento do Rosario, Pazo da Marquesa
Autor/a: Manuel González Álvarez