Olladas das xentes que visitaron San Sadurniño e deixaron testemuñas en forma de textos, imaxes, pinturas ou filmes: visitantes senlleiros,
Naraio, 2016
3ª Chanfaina Lab (1). Estrea venres 17 de febreiro do 2017.
Directora: Marta Piñeiro
Sinopse: "Unha fin de semana en Naraío deu nalgo “celestial” grazas a Gelis. Poderes que xurden do ceo e da terra, o "temor de Deus" e a influencia da igrexa no cotidiano móstranse con desenfado a través das relacións e vivencias desta muller brava".
Participantes: Ángela Puentes Galdo, José María Ladra, Lucita María Permuy, Francisco Soto e Juan Grandal
Duración: 14' 52''
Produción: Xabier Macías
Posprodución de son: Santi Jul e Iván Laxe
Posprodución de imaxe: Enrique Moro.
Gravada nos días 3 e 4 de setembro do 2016 na parroquia de Naraío dentro do programa da Chanfainalab.
A cineasta alaricana Marta Piñeiro é unha experimentada realizadora de moitas series clásicas da TVG dende “ Rías Baixas”, “Libro de Familia”, ”Padre Casares”,”O Nordés” ou “Matalobos”, acadando o premio Mestre Mateo á Mellor Realización en 2009 e 2011 polas dúas últimas.Tamén realizou outros programas da Televisión de Galicia como “A vida aberta” ou “Xcanto”. Mais Marta tamén está a desenvolver unha traxectoria como creadora independente en pezas mais persoais como "Aprendendo a cambiar o conto" ou "Tempo líquido" entre outras, onde ten amosado o seu compromiso coa igualdade de xénero e a procura dunha sociedade máis xusta e igualitaria. Tamén impartiu formación en diversas entidades ou institucións como a SGAE e centros de ensino medio e universitario.
Marta achegouse á Chanfaina coa intención de abordar a historia dunha muller: "Despois de ler e escoitar moitas das historias de mulleres que aparecen no proxecto “Fálame de San Sadurniño”, un día vin a fotografía dunha moza –Gelis- sentada nun coche nos anos 60 que provocou o meu interés por coñecela. Ese foi o punto de partida da miña peza. Logo comezamos a conversar ao pé da fonte de San Roque en Naraío e alí o seu escepticismo retranqueiro ganoume definitivamente o corazón. A verdade que é unha muller incrible e fíxome pasar uns días marabillosos. Lembro que soaron as campás da Igrexa, saíu o cura José María Ladra e varias veciñas, entre elas Lucita. Tamén observaba as mazás da parroquia aniquiladas pola avespa velutina e como sempre me interesou a influenza da igrexa na vida cotián das xentes, o tema do filme agromou de xeito natural. Conectei todo isto cunha cita da Biblia sobre as pragas divinas: "E o teu Deus enviará incluso avespas para destruír aos que quedasen" e logo vin a posibilidade de unir as avespas e a relixión de xeito irónico".
"Deuteronomio 7:20" invítanos a percorrer algúns recunchos dos arredores de Naraío da man de Ángela Puentes. A cámara de Marta visita relaxadamente a parroquia na procura de anacos de realidade ou trazos visuais do tempo detido: os poderes do cura José María Ladra, a saída fashion da misa parroquial, as persoais ideas e lembranzas de Gelis ou o poema recitado por Lucita na casa familiar. Tod@s eles e elas como representantes dunha comunidade que vive baixo da ameaza visual e sonora de molestos insectos alados, convertidos en castigo divino pola perda da fe relixiosa na sociedade contemporánea.
Marta tece con agarimo e delicadeza o seu filme, paseniñamente, de xeito natural, ateigándoa con toques retranqueiros de humor intelixente e sen pretender en apariencia ningunha mensaxe trascendente, mais ofrecendo un punto de vista singular e orixinal que se dirixe directamente á cabeza do espectador. Como asegura con ironía a propia cineasta: "que cada un saque as súas propias conclusións".
“Deuteronomio 7:20”, de Marta Piñeiro, primeira estrea virtual do Chanfaina Lab
Temas: Chanfaina'Lab, cinema, igrexas parroquiais, muller, Naraío, vídeos, visitantes
Autor/a: Marta Piñeiro
Vídeos:
"Aprendendo a cambiar o conto"
"Gurgullar"
"Ás doce"
"Tempo para pensar"