Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018 Chanfaina Lab seleccionada no banco de boas prácticas da xestión cultural Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

xentes

Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.

Vicente Castro Naveiras, alcalde republicano

A Fraga, Ferreira, 1931

Alcalde de San Sadurniño 1931-1936
Vicente Castro Naveiras “Vicente, o da Fraga” era fillo dos labregos Andrés Castro Castro “o Vinculeiro” e Josefa Naveiras Castro (Naraío). Os pais morreron relativamente novos, polo que Aquilino, Antón e Pedro os tres irmáns maiores da casa, emigraron a Montevideo e nunca mais retornaron.
Vicente naceu o 15/9/1882 no casal da Fraga en Ferreira. Aprendeu a ler e escribir nun mes cun mestre de ferrado en horario nocturno, mais logo foi mellorando “a lus do candil nos ratos libres, cando podía”. Casou con Dolores Piñeiro Moreira e terán sete fillos: Modesto, Nicasio (irán a Guerra); Andrés, Marina -casada con Urbano Álvarez Cobelo, zoqueiro en Ferreira-, Josefa, Claudina e Matilda. Terá que traballar duro para sacar adiante aos sete fillos e mais dous afillados que tamén criou. Como pequeno propietario ingresa e participa activamente na Sociedade agraria “La Moralizadora”, da que foi Secretario en 1913, Presidente en 1930 e Vicepresidente en 1931..

Participou activamente na constitución da candidatura republicana de San Sadurniño nas eleccións do 12 de abril de 1931. Os agraristas da "Moralizadora" obteñen un éxito rotundo, polo que remudarase completamente a corporación municipal formada por militantes de Unión Patriótica, afíns á Ditadura de Primo de Rivera. A lista electoral de Vicente Castro está ligada ao Partido republicano Galego, nomeadamente ao futuro deputado, Leandro Pita Romero. Leandro será o “xefe político” da nova corporación municipal e xestionará en Madrid algúns asuntos de San Sadurniño.
Vicente Castro -con 38 anos- será upado polos seus compañeiros de candidatura á alcaldía de San Sadurniño pola súa sona de “home bó e xusto”, substituíndo ao derradeiro alcalde da Monarquía de Alfonso XIII Manuel Dopico.
A composición do primeiro concello republicano en San Sadurniño será a seguinte:.
Alcalde: Vicente Castro Naveiras.(Ferreira); José García López, 1º tenente alcalde. (Igrexafeita); Ángel Sixto Rivera, 2º tenente alcalde, (Lamas). Morre o 18/3/1935; Angel Carregado Felgar, alcalde síndico.(Naraio); Marcelino Campos Hermida. Interventor municipal, (Ferreira). Morre en setembro de 1932 por un accidente de automobil; Vicente Rodríguez Canosa, (Bardaos); José Bastida López, (San Sadurniño); José Salgado Salgado, (Igrexafeita); Antonio Seijas Goti, (Igrexafeita). Morre en marzo de 1933; José Castro Rodríguez (Lamas); Ramón Acción Sardina (Naraío); Manuel Dopico Díaz, (San Sadurniño). Dimite en 1934 "por razóns de idade"; Benigno Ferreira Felgar, (Monte); José Fernández López, (Monte).
A constitución do novo concello terá lugar dez días despois das eleccións. A primeira decisión de Vicente Castro será pagarlle un tratamento antirrábico (175 pesetas) a Manuel Vila de Lamas polo accidente acontecido ao seu fillo Eladio Vila.
A corporación republicana comezará axustando contas coas corporacións dos tempos da Ditadura: Demandará ao secretario José María Pita Corral, por non presentar a contabilidade do Concello dende 1923, sendo ademais suspendido de emprego e soldo. Tamén despedirá ao seu fillo Edelmiro Pita Couce “por no tener legalidad su nombramiento” e axiña contratará a un novo secretario Juan Rilo (9/8/1931). Asemade esixirán responsabilidades a varios interventores e alcaldes nos anos de Primo de Rivera como Manuel Mera Hermida, Avelino López Sisto e Senén López Loureiro.

Do mesmo xeito que na España republicana, a corporación de Vicente Castro ocupouse –e moito- do desatendido ensino público. Tras dunha análise da situación educativa nas sete parroquias que definen como "bochornosa", farase un gran esforzo orzamentario en educación: acondiciónanse todas as escolas do concello e mércanse libros, reloxos e mobiliario. Créanse novas unidades escolares como a de nenas de Rivoira, Santa Mariña ou Camiño Arriba. Despois dunha tensa e longa negociación mércanse ao fin as escolas de Ferreira sufragadas polos emigrantes de Arxentina e Uruguay (1934).
Outra das teimas da Corporación republicana será a construción de pontes que resolvan os atávicos problemas de comunicación entre as parroquias do concello: Así podemos enumerar a de Pereiras (Naraío); a ponte da Fraga (Ferreira); Ponte de Amido (comunica con Somozas); ponte da Portela (Cornide); Sabanda (Monte); Remicieiro (Igrexafeita); ponte do Vilar en Couto e Felgosa (Lamas); asemesmo constrúese unha fonte e lavadoiro en Camiño Arriba no lugar de Rego do Espiño.
Para racionalizar o gasto público dun cativo orzamento que pasou de 32 606 ptas en 1932 a 40.275 en 1935, redúcense gastos como a rescisión do aluguer da oficina de Telégrafos ou non asumir os custes dun teléfono no cuartel da Garda Civil. Aínda que Vicente Castro manifesta oficialmente a súa intención de solicitar a construción dun novo cuartel, dacordo co comandante do posto Juan Rodríguez Rabanal, polas desastrosas condicións da Casa Cuartel. Por certo, será esta corporación quen instale a luz eléctrica no Concello, -que custará 100 pesetas- realizada por Electra de Naraío no verán de 1932. Nese mesmo ano inaugúrase o primeiro cine de San Sadurniño, o "Salón Tampico" .

Respecto da actividade política, o concello solicitará formalmente a súa adhesión ao proceso de Estatuto de Autonomía de Galicia, participando activamente na Asamblea de Municipios de Compostela e estará representado polo secretario municipal Juan Rilo e o comerciante de Igrexafeita José Eiroa representando ao Sindicato labrego "La moralizadora".Tamén contribuirá economicamente na campaña a prol do Estatuto de Galicia no Plebiscito do 28 de xuño de 1936.
O Concello amosará en varias ocasións a súa fidelidade ao político conservador de Pita Romero, celebrando o seu nomeamento como Deputado, ou a chegada a Roma como embaixador da República ante o Vaticano no goberno dereitista no nadal de 1935. O Concello rendiralle unha homenaxe "por paisano y benefactor de este municipio"" no establecemento de Andrés López Loureiro, cun custe de 96 pesetas para as arcas municipais.
Sen embargo, o concello sosterá un enfrontamento aberto cos socialistas, cos que manterá tensas relacións durante todos os anos da República. O carácter conservador da corporación ponse de manifesto na felicitación ao goberno lerrouxista por sofocar a revolución de 1934 que "ha conseguido el triunfo de los buenos españoles contra el repulsivo movimiento anárquico"
Repecto das reiteradas acusacións dos socialistas de que o alcalde é un "lacayo da ex-duquesa", cabería matizalas. A corporación republicana obrigará á Marquesa de San Sadurniño ao derribo dun muro perimetral e liberar un camiño de uso público que atravesaba a Fraga (1933) e tamén protestarán nun pleno pola rebaixa das contribucións da Marquesa coa nova Lei de arrendamentos de 1935. Iso abonda na sona do alcalde como "home xusto". Cara o final da República semella que melloran as relacións coa marquesa pola doazón de Natividad Quindós de 1.500 metros para a construción dun cuartel da Garda Civil. O Concello envialle unha nota de agradecemento "le expresamos la gratitud por su bondad y altruismo" (1935).
Polo demais, tamén durante a Segunda República, San Sadurniño seguirá a ser a “Vila da tranquilidade” agás algún "incidente illado" ou un crime mediático. Segundo se decía nun pleno: "Este es el partido judicial de Ferrol que menos delincuencia tiene". Tampouco se teñen novas de conflitos ou problemas coa Igrexa a pesar da secularización dos cemiterios e mesmo na franquista Causa General de 1941 recoñécese que non houbo ningún tipo de incidente durante os seis anos de mandato de Vicente Castro.

Posiblemente unha das derradeiras actividades do ferreirés Vicente Castro como alcalde fora a inauguración do palco de música da súa parroquia, o 17 de xullo de 1936. Mantivo a vara de alcalde con dignidade ata o 26 de xullo de 1936, no que foi cesado polo teniente da Garda Civil de Ortigueira, Maximino Lobo Navascués e substituído polo comerciante local Pelayo Casal. Non sufriu represalias por mor da moderación amosada durante o seu mandato, mais sobre todo, polos informes positivos do cura de Ferreira e o sarxento da Garda Civil. Sen embargo, durante os primeiros anos do franquismo pasou moito medo. Dolores, a súa muller, dicía moitas veces “Mañán xa non estaremos aquí”. Mais Vicente retornou á vida labrega co sacho e a madeira. "Sempre foi un home xusto, educounos para que nunca odiaramos a ninguén. Nunca o vin enfadado e non se perdía un informativo da televisión" segundo lembran as suas netas Margarita Álvarez Castro e Julia Álvarez Castro.
Morreu na súa casa da Fraga en Ferreira o 27 de xaneiro de 1979, aos 96 anos de idade. Só faltaban 30 días para a celebración das primeiras elecións municipais democráticas dende 1931.
Na fotografía, Vicente Castro Naveiras, o único alcalde republicano e labrego de San Sadurniño, arredor de 1960.

  • Vicente Castro Naveiras, alcalde republicano

  • Sinatura de Vicente Castro

  • Casa familiar de Vicente Castro Naveiras na Fraga (Ferreira)

  • Sinaturas dos concelleiros da corporación republicana

  • O concello merca un retrato de Azaña

  • Ahdesión ao Estatuto de Autonomía de Galicia

  • Situación do ensino en San Sadurniño en 1932

  • Ponte da Portela.Ano de construción 1933

  • Ponte da Portela

  • Parabéns ao goberno de Lerroux pola derrota da Revolución de 1934

  • Castro Naveiras labrego, arredor de 1975

  • Casa de Vicente Castro Naveiras (2015)

  • Felicitación de Pita Romero 1935

  • Felicitacion de Nadal 1935

  • Tumba de Vicente Castro Naveiras no cemiterio vello de Ferreira

load

Documentos:

Doazóns do Concello de San Sadurniño tras dos sucesos de 1934
O alcalde republicano e os socialistas (1933)
Vicente Castro e a Marquesa de San Sadurniño (1933)
Solicitude de novas escolas (1933)

Comentarios

Jose Luis Bravo Castro

2017-03-31 19:58:41

Soy bisnieto de D. Vicente Castro Naveiras y su hijo, Nicasio, fue mi abuelo. Supe de esta página por un pariente y la verdad, nos ha emocionado muchísimo saber algo más de su historia como alcalde. Desde Málaga, donde residimos, os agradecemos la importante tarea de recordar a vuestros paisanos. Un saludo y enhorabuena.

Adriana

2018-08-27 12:44:48

Yo también soy su bisnieta, en mi caso nieta de Marina Castro y Urbano Álvarez (o zoqueiro). Me alegra mucho que se dé difusión a su figura, ya que tengo entendido que fue un hombre muy querido y respetado en la época. Desde el punto de vista político me siento muy orgullosa, y su ideología ha traspasado a alguna generación familiar, como en mi caso.

Finita Novo Castro

2024-04-06 20:55:26

Vicente también es mi bisabuelo. Recuerdo pasar muchos días de mi niñez allí. Tengo muy buenos recuerdos de esa época.

Irene

2024-04-06 20:58:11

Llego a esta página ya que mi abuela me hablo de mi tatarabuelo que fue un alcalde muy querido. Creo que esta muy bien saber y difundir la historia de nuestro pueblo y familia, y me alegro de leer sobre ello aquí.

Máis imaxes

Temas: Alcaldes de San Sadurniño, Ferreira, San Sadurniño (Concello), xente

Compartir en: