Ademais das imaxes, tamén a prensa e os documentos históricos fálannos de San Sadurniño no decurso do tempo: Podes velos en orde cronolóxico aquí , ou consultar algúns datos estatísticos
San Sadurniño, 1915
Estamos en 1915. Entre as novas que chegan da primeira Guerra Mundial co “imparable avance alemán”, celebrábase o Ano Santo Compostelán. Mais no verán da “vila da tranquilidade”, alleos aos debates de aliadófilos e germanófilos, os moi católicos Marqueses de San Sadurniño abrirán encantados o seu refinado pazo para aloxar durante dous días a un invitado moi especial: Monseñor Ragonessi, Nuncio do Papa e máxima autoridade relixiosa en España.
Por suposto, o coche do Duque da Conquista estará a disposición do ilustre invitado durante toda a súa estadía do 21 ao 24 de xullo. O pazo encheuse dun rosario de autoridades eclesiásticas -entre eles os bispos de Mondoñedo ou Salamanca,- e párrocos da contorna que o converteron en lugar de referencia relixiosa. El correo Gallego publicou unha extensa crónica co programa completo.
O verán serguirá marcado polas actividades relixiosas, pois días despois terá lugar a entronización do Sagrado Corazón no Pazo dos Marqueses, : "un acto que a todos afecta, cristianamente democrático"
Asemade o Ano Santo Compostelán de 1915 levou aos Marqueses ata Santiago “para ganar o xubileu”. Aproveitarán a viaxe para pasar uns días no Balneario da Toxa e visitar o mosteiro de Herbón acompañados pola Condesa de Mina entre outros “selectos invitados en tres magníficos automóviles”. Tamén achegouse ata o Pazo o membro da familia real -primo de Alfonso XIII- o infante Fernando de Baviera o 27 de xullo. Tamén van os Duques do Infantado e os seus fillos.
O resto do verán -e tempo da seitura- o lecer de Natividad Quindós e os seus ilustres invitados transcorrerá entre paseos pola fraga, partidas de tenis, sestas ao fresco, misa diaria e tertulias na terraza, como sempre foi costume dende 1902.. O resto dos habitantes do Concello están a sufrir unha profunda crise económica pola suba espectacular dos produtos de primeira necesidade que obrigará ao Goberno a promulgar a Lei de subsistencias (1915) e que tamén chegará ao concello presidido por José Yáñez Pena.
Podes descargar o documento con mais información ou ver unha reportaxe sobre o ano santo de Compostela de 1915, rescatado pola Filmoteca Portuguesa (na parte dereita, pestana vídeos)
Temas: visitantes, Pazo da Marquesa, San Sadurniño (Concello)
Autor/a: Manuel González Álvarez
Fotógrafo/a: Arquivo municipal de San Sadurniño
Vídeos:
Ano Santo Compostelán de 1915