Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018 Chanfaina Lab seleccionada no banco de boas prácticas da xestión cultural Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

extramuros

Olladas das xentes que visitaron San Sadurniño e deixaron testemuñas en forma de textos, imaxes, pinturas ou filmes: visitantes senlleiros,

"Un rastro de luz"

San Sadurniño, 2023

7ª Chanfaina Lab (2). Estrea: venres 24 de febreiro do 2023
Guión, dirección e montaxe: Celia Parra
Son: Alejandro Almau
Sinopse :"Buscando a pegada da deusa Navia atopamos o que queda de nós cando marchamos ao alén."
Duración: 3'
Gravado na Parroquia de Ferreira: escola da Leiriña e arredores, campo da festa. Parroquia de San Sadurniño: presa do muíño do Pepe, paseo do Río Xuvia (a carón da que foi a ponte da Marquesa e xunto ao restaurante Mesón da Granxa), co gallo da 7ª Chanfainalab.



Celia Parra (Ourense, 1990) ten a lingua dividida en dúas linguaxes, a poética e a audiovisual. A metade poeta é autora de No berce das mareas e Pantallas; pola súa obra recibiu varios recoñecementos, foi traducida a diversas linguas e incluída en múltiples antoloxías de poesía contemporánea. A metade audiovisual especialízase en produción no Máster en Produción e Xestión Audiovisual (MPXA) e traballa en produtoras como Setembro Cine, Esferobite, Frida Films ou Vaca Films, ademais de coordinar durante algúns anos a Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG). As súas pezas como videopoeta acadaron numerosos premios e seleccións en festivais internacionais. É creadora da idea orixinal e produtora executiva do documental experimental Versogramas , dirixido por Belén Montero e Juan Lesta, considerado o primeiro sobre o panorama internacional da videopoesía. Versogramas ten tamén unha edición en libro-DVD (Galaxia, 2018) e un proxecto transmedia desenvolvido xunto con Juan Lesta e Belén Montero. Ás veces, Celia morde a lingua, mestúranse as metades e xa non sabe en que está falando. Así que intenta seguir pouco a pouco traballando e aprendendo a falar -ou a trabarse- mellor.

"Fun a San Sadurniño con varias ideas de videopoemas, e alí acabou cristalizando unha delas. Como punto de partida, quixen ir en busca da pegada da deusa Navia en San Sadurniño. Non me interesaba rexistrar as manifestacións tanxibles que hai erixidas na súa homenaxe, senón imaxinar unha certa presenza incorpórea da deusa e enchouparme dela.
Busquei previamente localizacións que me permitisen xogar con dous conceptos. Por unha parte: o movemento da luz e o movemento da auga, por ser, sobre todo esta última, a materia prima que máis directamente encarna á deusa. Por outra parte: espazos aparentemente baleiros onde a acción xa non está, lugares vitais de paso e encontro nos que quedase dalgún xeito patente esa ausencia humana, coa intención de poboalos de ecos a modo de presenza audible do que xa marchou. Plantexei a rodaxe con encadres amplos, cámara fixa e tomas largas, nas que se apreciase un movemento interno máis ou menos intenso de elementos naturais.
Unha vez en San Sadurniño, e con iso en mente, aínda que me cinguín bastante ao plan inicial, o proceso consistiu máis ben en deixarme levar. Gravei nas localizacións que buscara e atopei outras novas por casualidade ou deixándome aconsellar polo Equipo de cociña da Chanfaina. Sempre me gusta deixar espazo á experimentación e ao xogo durante a gravación, así que aproveitei a liberdade da fin de semana para facer moito ensaio-error. Despois, en montaxe desbotei moitos (moitísimos) planos, abandonei metáforas visuais que me gustaban pero non acababan de funcionar e acabei cunha selección mínima daquelas imaxes que para min tiñan máis forza.
O poema que fai de fío condutor da peza é unha exploración persoal arredor dos atributos aparellados a esta deidade precristiá: Navia a protectora, Navia a deusa das augas das que abrolla a fertilidade, pero tamén Navia a barqueira que leva as ánimas ao alén. Unha das fontes que empreguei como referencia á hora de escribilo foi "Mariña, de deusa a santa", de Rafael Quintiá Pereira (Galaxia, 2017). Tamén lle botei un ollo ao libro V de "Os Eoas", de Eduardo Pondal (Galicia Editorial, 1992), por aparecer referenciado na escultura de Navia que esculpiu Carlos García, ubicada xunto ao Pozo dos Donceis, no Arboreto. Aínda que nas miñas pezas adoita ocorrer o contrario, neste caso o poema veu despois da imaxe, acomodouse ao resultado da investigación e ao fluír da montaxe. Nesta peza interesábame darlle moito peso ao espazo sonoro, para o que contei coa axuda de Alejandro Almau. Traballamos coa idea de crear unha textura calmada entre atmosférica e acuática, que tivese moita presenza e fluíse acompañando á imaxe pero con entidade propia. Construímola mesturando sintetizadores, desnaturalizando dixitalmente sons orgánicos e entretecendo algúns sons ambiente".

"Un rastro de luz" procura aquilo que define a poesía dende o principio dos tempos: que o espectador/a deixe levarse pola maxía da beleza de palabras e imaxes nunha fermosa aventura exterior e interior: o resultado é un videopoema breve que, ademais de xirar arredor da deusa Navia, contén unha reflexión sobre o que queda de nós cando marchamos: un rastro de luz prendido na memoria dos outros. Un concepto que, para min -e oxalá tamén para quen vexa a peza-, penso que pode reflectirse dalgún xeito no plano final: “ánimas” que a corrente non arrastrou de todo, “estreliñas"” brillantes crepitando sobre o ceo das augas". Grazas Celia por estes tres minutos máxicos e intensos de poesía visual.
Fotografías de Cesar Galdo

  • "Un rastro de luz"

  • Recepción de cineastas coa deusa Navia

  • Cineastas ante a deusa Navia na Cortiña

  • Celia Parra na presentación "Eira de cineastas"

  • Celia Parra nos xardíns da Casa do Concello

  • Xantar do VII Chanfaina Lab

  • Celia Parra na capela de San Cristovo en Ferreira

  • Gravación da peza "Un rastro de luz"

  • Celia Parra frente á capela de San Cristovo

  • Celia na procura "dun rastro de luz"

  • Celia Parra gravando

  • Celia na foto de familia do VII Chanfaina Lab

  • Celia Parra no xantar do VII Chanfaina Lab

  • Celia no momento da despedida en setembro

  • Gala do VII Chanfaina Lab en febreiro

  • Público "entregado" na gala do VII Chanfaina Lab en febreiro 2023

  • Agasallo do VII Chanfaina Lab "Lolas Chanfaineras" das Lolas da Cascarilla

  • Celia Parra recolle a "Lola Chanfainera"

  • Celia presenta a súa peza

  • Cineastas participantes na gala do VII Chanfaina Lab

  • "Un rastro de luz" estrea 24 febreiro 2023

  • Estrea 24/02/2023

load

Comentarios

Máis imaxes

Temas: Chanfaina'Lab, cinema, Escultura, Ferreira, fontes, lendas, naturezas, poesía, ríos, vídeos, visitantes

Autor/a: Celia Parra

Compartir en: