Ademais das imaxes, tamén a prensa e os documentos históricos fálannos de San Sadurniño no decurso do tempo: Podes velos en orde cronolóxico aquí , ou consultar algúns datos estatísticos
San Sadurniño, 1909
1909 foi un ano especial para os labregos de San Sadurniño. Comezou en xaneiro coa campaña contra os foros, consecuencia da chamada do Directorio Antiforista de Teis. O xornalista e deputado republicano por Pontevedra Alfredo Vicenti levou ao Parlamento un proxecto de lei para eliminalos foros por “antidemocráticos, feudais e retardadores do progreso". Mais a reacción dos propietarios e aristócratas, entre os que figuran a Marquesa de San Sadurniño ou a condesa terratenente Emilia Pardo Bazán, conseguirán paralizar o proxecto.
As Asociacións agrarias do distrito electoral de Pontedeume- entre elas "La moralizadora" de San Sadurniño- intégranse nunha nova plataforma electoral "Solidaridad Gallega" que agrupaba aos colectivos sociais e políticos anticaciquís e que supoñían un desafío ao sistema político da Restauración. Nun mitin celebrado en San Sadurniño o 17 de xaneiro de 1909 acordan a súa inclusión na Federación de Sociedades Agrarias do partido xudicial de Pontedeume.
A pesar dos atrancos legais que tiveron ao principio e da campaña de desprestixio que sufriron polos partidos do "sistema" (conservador e liberal) que os acusaba de perturbadores e anarquistas perigosos, o movemento dos Solidarios prendeu forte nas terras do Eume e tamén chegou a San Sadurniño. O seu principal valedor foi o rico industrial e comerciante Luís Loureiro Pita, quen os apoiou economicamente, sendo ademais o Presidente local da Asociación agraria. O seu domicilio era a sede social do movemento solidario.
De feito, casi conseguen gañar as eleccións municipais parciais do 2 de maio de 1909 con catro concelleiros conservadores e tres Solidarios. Mais nas eleccións de decembro de 1909 os Solidarios arrasarán -como noutros 12 concellos coruñeses- con sete concelleiros electos da lista electoral. A nova foi saudada efusivamente pola prensa agrarista da época.
E así, a comezos de 1910, por vez primeira o concello de San Sadurniño estaba baixo control da Sociedade Agraria “La Moralizadora” e non do Partido Conservador.
A corporación municipal quedará constituida do seguinte xeito:
José Naveiras Barro. Alcalde (Igrexafeita)
Juan Fernández Calvo. 1º Tenente (Monte)
José Sueiras López. 2º Tenente
Bruno Bañobre Franco. Síndico
Ángel Naveiras Barro Suplente do Alcalde
Marcelino Pena Fernández. 1º Rexidor
Concelleiros: Manuel Couce Couce, Vicente Rodríguez Canosa (Bardaos); Simón Castro Casal, Manuel López Vigo (Monte); Benito Teijeiro Yáñez, Ángel Pouso Romero (Lamas) e Ángel García Fernández, (San Sadurniño).
Lamentablemente este trunfo tampouco arranxou os problemas dos "Solidarios" que se disolveron ao cabo dun ano por disensións internas. Pola súa banda “La Moralizadora” non deixará de seren unha asociación de ideoloxía moderada ata o final da Segunda República.
Podes descargar documentos con mais información.
Na ilustración cabeceira de "A Nosa Terra", voceiro de "Solidaridad Gallega"