Olladas das xentes que visitaron San Sadurniño e deixaron testemuñas en forma de textos, imaxes, pinturas ou filmes: visitantes senlleiros,
San Sadurniño, 2016
3ª Chanfaina Lab (15). Estrea venres 26 de maio de 2017.
Directora: Claudia Brenlla
Sinopse: "Tres “videohistorietas” de humor absurdo inspiradas nas desconcertantes obras ilustradas de Edward Gorey. Nun mundo seccionado en latitudes e lonxitudes, salpicado de idiomas e signos, varias personaxes actúan instintivamente..
1.- As Xemelgas xordomudas: unha ancestra cuxa existencia descoñecen é a causante do fervor relixioso e das inclinacións musicais de dúas adolescentes xemelgas xordomudas inglesas.
2.- O camiño do Norte: Dúas peregrinas estranxeiras gozan da súa primeira experiencia nun campo de verzas.
3.- A verzafilia e outras filias de Pastora Naraío: A rica vida interior dunha solitaria labrega de Naraío. "
Intérpretes: Lara e Noa Castro, Yan Yan, Xuejun Xiong, María Sánchez Seixo.
Produción: Marta Blanco
Duración: 6' 30''
Gravada nos días 3 e 4 de setembro do 2016 en varias parroquias de San Sadurniño dentro do programa da 3ª Chanfainalab.
De pai e nai galegos, Claudia Brenlla naceu en Brasil en 1964. Licenciada en Dereito, introduciuse no cinema da man do Cineclube Lumiére e da rodaxe de "The last Patrol" (Cora Peña, 2000). Como integrante do colectivo vigués "La Casa Mortimer" aprendeu os distintos oficios do cinema en rodaxes de ficción fantástica. Entre 2001 e 2004 realizou dous documentais etnográficos para a serie de TVE "Sound stones, músicas del mundo", gravados en Cabo Verde e Santo Tomé e Príncipe, titulados "Cabo Verde Morabeza" e "Leve–leve, unha rumba africana". A partir de entón comeza proxectos dunha maior implicación persoal, como o documental"O club dos sen teito" (2008), gravado durante unha longa estadía en Brasil. As imaxes rexistradas nese país levárona a desenvolver un proxecto de longametraxe experimental sobre as emocións, "Animus mutandi", que non chegou a rematar. Tamén en 2008 presentou a curtametraxe "Bata por fóra (muller por dentro)" un filme de linguaxe arriscada que continúa a ter proxección en festivais e foros documentais, educacionais e artísticos e foi emitido no programa "Metrópolis" (TVE). A comezos de 2016 a cineasta dirixe "Ambos mundos" para o ciclo "Visións" , película colaborativa composta por dez curtametraxes realizadas por mulleres cineastas da provincia de Pontevedra.
Claudia achegouse á "cociñar" na Chanfainalab cunha idea-fixa e un par de ingredientes, mais disposta a xogar coa experimentación libre: "Cando cheguei a San Sadurniño os ingredientes da miña receita eran as verzas, a “viñeta visual”, a obra ilustrada de Edward Gorey e os audios radiofónicos da historiadora colombiana Diana Uribe.
A idea de ensaiar cun concepto de viñeta visual leva comigo moitos anos: un plano fixo no que se desenvolve unha acción que pode complementarse cun texto breve. Cada viñeta da paso a outra nun breve espazo de tempo e isto pode supor unha valiosa ferramenta de sobresaltos de emocións. Este prantexamento visual lévase ben co estilo de Edward Gorey. Desfruto moito coas súas personaxes introspectivas e intrigantes, co seu humor tan negro e ao mesmo tempo tan naif. En canto ás verzas encántanme todas elas, a súa forma ofrece grandes posibilidades expresivas que espero seguir indagando. O Chanfaina Lab pareceume unha ocasión boa para ensaiar combinacións de todos estes elementos, de información textual, visual e sonora e comprobar os seus efectos. Tiña pensado centrarme soamente nunha muller “verzafílica”e solitaria cuxa afección pola radio a puña en contacto co resto do mundo, levándoa moito máis aló da súa leiras.
Acudín a San Sadurniño cunha radio antiga, unha lupa para facer algún planiño dos pulgóns das verzas e algo de vestiario. O equipo da Chanfaina púxome en contacto coa fantástica María Sánchez, de Naraío e a súa cadela Bernike. Mágoa que María non dispuña de toda a fin de semana así que o domingo ás marabillosas compañeiras Lara e Noa Castro -“personaxes Gorey”cento por cento-, aceitaron participar nuns planos. Como tiña a teima de contar con verzas moi altas e non as atopara en San Sadurniño, a videohistorieta “O camiño do Norte” graveina preto de Vigo, onde vivo.
No proceso de edición tratei de presentar unhas figuras humanas que constrúen a súa vida e os seus momentos dun xeito libre, sen impoñerse limitacións paralizantes: as xemelgas xordomudas cantan, as peregrinas chinesas mergúllanse sen medo nun bosque de plantas descoñecidas e Pastora vive nun mundo tan ancho como pode imaxinar".
“Tres videohistorietas” é unha filme que procura reflectir o moi particular sentido do humor do singular artista estadounidense Edward Gorey, cun humor entre macabro, absurdo e bizarro. Claudia utiliza o territorio de Sansa para poñer nel un universo estrafalario que pretende acadar a perplexidade, mais tamén a complicidade d@s espectador@s: "Agardo que o espectador pase un bo rato aínda que me gostaría que o seu visionado causara unha reacción o máis parecida posible á que experimento eu ante algúns dos textos e das ilustracións de Gorey: sorpresa e desconcerto seguidos dun sorriso, moitos interrogantes, curiosidade e ata afecto polas personaxes."
Así pois, nesta ocasión a Chanfainalab invítavos a degustar un menú ben exótico composto por tres pequenos pratos , con chinesas peregrinas, xemelgas inquietantes, un titorial de usos creativos das verzas e variadas sorpresas con estéticas, músicas e audios doutras culturas. Todo elo mesturado e aderezado con mimo e agarimo polo talento enerxético de Claudia. De seguro que non deixará a ninguén indiferente.
Fotografías de Cesar Galdo.
Temas: animais, Chanfaina'Lab, cinema, visitantes, vídeos, Naraío
Autor/a: Claudia Brenlla
Vídeos:
"Bata por fóra (muller por dentro)"