Ademais das imaxes, tamén a prensa e os documentos históricos fálannos de San Sadurniño no decurso do tempo: Podes velos en orde cronolóxico aquí , ou consultar algúns datos estatísticos
San Sadurniño, 1907
Tamén o verán de 1907 transcorreu con placidez na “vila da tranquilidade”, entre paseos e merendas na fraga, partidas de tenis, tertulias na terraza e misa diaria... Son os lánguidos veráns da “Belle Époque”, onde se goza do “dolce far niente”. Nestes primeiros anos do século XX, a aristocracia española está a poñer de moda “tomar vacacións”, unha nova costume en España, por suposto "para quen pode", que son moi poucos. Porque os labregos que traballan nas terras da marquesa están mais atarefados que nunca coa seitura, a malla, o gando, a recollida da herba e as froitas... para pagarlle as rendas aos Señores. Tampouco as clases obreiras teñen vacacións, que consideran unha actividade "só para os ricos".
Coma dende 1902, veranea no pazo, ademais da marquesa e o seu home, Rosalía Arias-Dávila, marquesa de Almaguer e irmá do duque. Os invitados deste ano tamén pertencen á elite próxima de Alfonso XIII: o aristócrata, católico conservador e mordomo de semana do rei, Javier Palacio y García Abárzuza, III conde de Las Almenas, casado con Francisca Maroto y Polo. Tamén veñen por San Sadurniño Soledad Boado, muller de José Ferrándiz y Niño, Ministro da Mariña, e Asunción Antón.
Fotografía: visitantes do Pazo a primeiros de século paseando pola fraga da marquesa.
Temas: visitantes, Pazo da Marquesa, San Sadurniño (Concello)
Autor/a: Manuel González Álvarez
Fotógrafo/a: Arquivo municipal de San Sadurniño