San Sadurniño é un paraíso natural. Os miradoiros naturais da Serra de Forgoselo , brava área natural protexida pola Rede Natura 2000; A pena do Rei Mouro, un dos meirandes conglomerados de seixo de Galicia; O Coto Agudo cun absoluto control visual de toda a contorna; o Pico San Vicente, onde se mesturan lenda e historia; os paseos fluviais do Río Xuvia e o río Aceiteiro con máis de 4 km ás beiras do río; O río Castro que destaca polo seu valor natural, ecolóxico e paisaxístico considerado como Lugar de Interese Comunitario; As paisaxes megalíticas, as áreas recreativas das sete parroquias, as máis das 100 fontes do Concello, o arboreto ou a horta de conservación de froitas autóctonas conforman un Concello cun extraordinario patrimonio natural e paisaxístico.
Igrexafeita, 2015
2ª Chanfaina'Lab (19). Estrea venres, 1 de xullo do 2016
Director: Xiana Gómez-Díaz
Sinopse: "Unha limacha de Igrexafeita observada como nunca antes, nunha peza que converte o untuoso corpo en escultura, en criatura fantástica doutro mundo, en escuro universo e en campo para a contemplación marabillada."
Duración: 5’ 39’’
Gravada nos días 5 e 6 de setembro do 2015 nos arredores do Pozo de Lamas (Igrexafeita) dentro do programa da Chanfainalab. Seleccionada no Festival S8 (2016).
A cineasta luguesa Xiana Gómez-Díaz é doutora en Comunicación Audiovisual e Publicidade (UAB, 2012), especializándose en xénero, música e representación audiovisual. Mais ten xa unha prolífica traxectoria como realizadora e artista visual emerxente, fresca, estimulante e dificilmente clasificable. Foi co-fundadora da produtora audiovisual Walkie Talkie Films, orientada cara o cine documental de autor, vídeo experimental e videoarte. Nas súas obras ten explorado o relato íntimo, a construción da identidade, os roles de xénero, e a comunicación non verbal, así como, a nivel formal, as relacións entre imaxe e música. No mes de abril do 2016 foi a artista invitada do Centro de Cultura Contemporánea de Barcelona no ciclo "Un mes un artista". En xuño deste mesmo ano, o prestixioso festival S8 adicoulle un espazo especial "Artista en foco", onde figuraban as súas pezas máis relevantes. Actualmente está finalizando a longametraxe documental “Proxecto D” sobre a experiencia feminina adolescente a través de diarios íntimos
Xiana achegouse á San Sadurniño coa intención de gravar animais invertebrados: " Levo un tempo interesada na natureza, mais na natureza como "retrato", -como personaxe que pasa desapercibido- e non como paisaxe. Busco "desaparecer" na observación en centrarme no "outro", como cando se observa algo en profundidade e desaparece toda conciencia durante un bo rato. Os dous días da Chanfaina enxergueime completamente polas fragas de Igrexafeita e adiquei moitas horas gravando todo tipo de animais invertebrados, nomeadamente bolboretas e insectos que viven nas beiras do río Castro, ata que topei as dúas limachas atlánticas xigantes que saen no filme. Fíxeno con moita devoción e paciencia. Tireime ao chan e fun seguindo aos animais sen intervención miña durante moito tempo. Despois, na montaxe, tardei en dar co punto e a solución. Paréceme moi importante que para falar do "outro" os modos non impoñan os nosos discursos. Acompañalo sen intervencíón algunha e así coñecer a perspectiva, o ritmo, as cores, o son.. .para cambiar a nosa percepción do que pode ser outra forma de vida, unha experiencia que nos permita entender o descoñecido."
Así pois, a cineasta invítanos a coñecer mellor estas veciñas especiais e residentes na parroquia de Igrexafeita case transformadas en plásticas esculturas en movemento. Como escrebe o crítico Fernando Solla en Cinedivergente: "Fabuloso retrato cinematográfico de un ser invertebrado. De una babosa. Escultura y cuerpo vivo a la vez. Viscosidad casi lasciva. Planos detalladísimos que magnifican las dimensiones del animal, convirtiéndolo en un ser que de tan hermoso resulta monstruoso. Respiración en movimiento y fundido a negro. Lo que propone Gómez-Díaz aquí es una ruptura de las fronteras del documental, así como de las mismas formas de la naturaleza bajo su punto de vista y su mirada y capacidad de observación". De seguro que os espectadores deste filme mudarán para sempre o seu punto de vista sobre estes pequenos seres vivos, convertidos en animais fantásticos polo talento, a paciencia e a cámara de Xiana Gómez.
Temas: animais, Chanfaina'Lab, Igrexafeita, naturezas, vídeos, visitantes
Autor/a: Xiana Gómez Díaz
Vídeos:
Dúas pitas
Pantalla CCCB (promo)
Carretera de una sola dirección (teaser)