Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018 Chanfaina Lab seleccionada no banco de boas prácticas da xestión cultural Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

extramuros

Olladas das xentes que visitaron San Sadurniño e deixaron testemuñas en forma de textos, imaxes, pinturas ou filmes: visitantes senlleiros,

"Soli, soli"

A Cortiña, San Sadurniño, 2016

3ª Chanfaina Lab (12). Estrea venres 5 de maio do 2017.
Director: Eloy Domínguez Serén
Sinopse: "Un deambular polas beiras do río Xuvia na procura de espazos furtivos, de intimidade e confidencia, nos que o amor nace, crece e morre."
Con diálogos de "Le notti bianchi" (Luchino Visconti, 1957), "L'avventura" (Michelangelo Antonioni, 1960) e "La notte", (Michelangelo Antonioni, 1961).
Duración: 7' 34''
Gravada no Paseo do río Xuvia de San Sadurniño o día 3 de setembro dentro do programa da 3ª Chanfainalab



Nado en Simes, Pontevedra, (1985) e residente en Estocolmo, Eloy Domínguez Serén está considerado como un dos mais orixinais e prometedores cineastas galegos contemporáneos. Licenciouse en Comunicación Audiovisual pola Universitat Autònoma de Barcelona, onde cursou tamén o "Máster en Teoría e Práctica do Documental Creativo". No ano 2010 comeza a súa actividade no ámbito do cinema como crítico na Radio Galega e codirixindo A Cuarta Parede, primeira revista dixital escrita en galego adicada á crítica cinematográfica. En 2011 escribe e dirixe a súa primeira curtametraxe documental, Fills de Samsó, co-producida por Televisió de Catalunya. En 2012 trasládase a Estocolmo, onde comeza un extenso proxecto de diario filmado e unha correspondencia fílmica con Marcos Nine. De ambos dous proxectos, xurdiu a multipremiada curtametraxe: Pettring (2013). No 2014 é seleccionado polo Festival Punto de Vista para participar na cuarta edición do Proxecto X Films. Nese ano rematou en Estocolmo a curtametraxe No novo céio e Jet Lag en Guillarei (Pontevedra). No 2015 realizou a primeira longametraxe, un diario filmado onde narra a súa experiencia como emigrante en Suecia en No cow on the ice e gravou no deserto do Sáhara Yellow brick road. En 2016 estreou a curtametraxe Rust no FIDMarseille e seleccionado en numerosos festivais internacionais.

Os filmes de Eloy móvense, sobre todo, arredor do denominado "cinema do eu", un cine de non ficción no que, a partires da observación do entorno inmediato -sempre aberto ao agromar do inesperado-, reflexiona sobre o "eu" mediante o diálogo con elementos cotiáns: a paisaxe, o traballo, a fala, mesmo os sentimentos persoais do cineasta, enxertándose emocionalmente e fusionando a propia vida co material que filma. Eloy achegouse a San Sadurniño con pouco tempo, pois só dispuña dun día escaso para gravar. Mais nas beiras do río Xuvia non tardou en dar coa "alma" da súa peza: " A idea concreta de 'Soli, Soli' naceu durante un paseo matinal pola beiras do río Xuvia. O azar e a fortuna fixeron que topara de súpeto coa folla danzante que se ve na última escena da peza. Aquela folla, folieira e infatigábel, fíxome lembrar outra moi semellante que achara varios outonos atrás nun bosque de Suecia, en circunstancias moi diversas, e que filmara para a miña película 'No cow on the ice'. Naquel tempo, aquela outra folla, agonizante, simbolizara para min a fugaz transición entre o curto verán e o longo inverno escandinavo; unhas últimas rabexadas de vitalidade, talvez unha sacudida rebelde, ante a inminente chegada do frío e a escuridade. Mais a folla que atopei na beira do Xuvia, polo contrario, celebraba con ritmo harmónico e elegante un verán estirado que se resistía a ser reemprazado polo manto outonal. O movemento circular, acorde e insistente daquela folla danzante activou na miña imaxinación os primeiros acordes e os primeiros versos dunha das miñas cancións italianas favoritas: “tu mi fai girar / tu mi fai girar / come fossi una bambola”. Con esta escena en mente, comecei un deambular pola beira do río na procura de espazos furtivos, de intimidade e confidencia, nos que o amor nace, crece e finalmente morre, antes de transformarse e rexurdir, como as augas do Xuvia, nalgún outro lugar."

En "Soli soli" a folla danzante do río tamén será a espoleta que active as lembranzas do cineasta na súa estadía en Milán, cando era un estudante de vinte anos e onde abriu os ollos á cultura italiana e ao seu cine mediante sesións maratonianas coas pezas claves dos seus grandes referentes: Rossellini, Antonioni, Visconti ou Fellini: "Foi aquel un valioso e intenso proceso de aprendizaxe paralela do idioma, da historia do cinema deste país e (como estudante) da propia linguaxe cinematográfica. Case unha década despois, revisito o traballo daqueles mestres que tan fonda pegada deixaron na miña experiencia e memoria cinéfila. Aos meus vinte anos, aquelas visións enardecidas, tráxicas e letais das relacións amorosas estableceron para sempre na miña imaxinación un vínculo fondo e perdurábel do cinema italiano co amor e coa morte, así como cun senso particularmente dramático da vida." Así pois, a próxima vez que paseen polas beiras do Xuvia, teñan na cabeza este filme, activen a imaxinación e déixense levar por esta deliciosa e suxestiva viaxe italiana polo "devalar do amor" e ilustrada polas augas do fermoso río de San Sadurniño. "Soli, soli", por dereito propio e o talento de Eloy, xa forma parte do patrimonio inmaterial das terras do Xuvia.
Como non puido asistir á estrea da Chanfainalab na Casa de cultura de San Sadurniño, o cineasta enviounos este videosaúdo dende Berlín:

Fotografías de Cesar Galdo.

  • "Soli, soli"

  • Eloy Domínguez na Chanfainalab

  • Eloy na charla preparatoria na aula Cemit

  • Eloy, turista en San Sadurniño con Marcos lourido, Sabela, Lara e Noa

  • Eloy c@s chanfaineir@s con Manolo Rico (1923), memoria viva de San Sadurniño

  • Eloy no Pazo do Concello

  • Eloy na expo de Tizón con Abel Vega

  • Eloy na visita turística rodeado pol@s chanfainer@s

  • Eloy con Lois Patiño e Abel Vega

  • Eloy presentando a "eira de cineastas" con Sebas, Lara e Noa

  • Eloy presentando a "eira de cineastas"

  • Eloy entre o público da eira de cineastas

  • Eloy no xantar en Bardaos

  • Rumbo á aventura da Chanfaina con Marcos Lourido

  • Preparando á camara

  • Gravando nas beiras do río Xuvia

  • Eloy no río Xuvia e a folla danzante

  • Eloy e a folla bailarina

  • Presentando virtualmente "Soli, soli" dende Berlín

  • Eloy na foto oficial da Chanfainalab

load

Comentarios

Máis imaxes

Temas: Chanfaina'Lab, cinema, lecer, naturezas, paseos, ríos, San Sadurniño (parroquia), visitantes, vídeos

Autor/a: Eloy Domínguez Serén

Vídeos:
"No novo ceo"(2014)
Jet lag (2014), trailer
"No Cow on the ice" (2014), trailer
"Yellow brick road" (2015), teaser
Rust (2016), teaser

Compartir en: