9ª Chanfaina Lab (1). Estrea: venres 7 de marzo do 2025 Duración: 10' 30'' Guión e dirección: Xosé Bocixa e Mónika Chorén Fotografía e montaxe: Xosé Bocixa Música: Orquestra Varela,"Mambo gallego" Casting: Kevin Lorenzo e Ángela Arnosa Reparto: Consuelo Picos (avoa cociña); Lorena Vergara (muller fritideira); Inés Fraguela (nena boneca); Mª Dolores García (avoa da fonte); Julio Anidos (rapaz da fonte); Manuel Hermida (home do cabalo); Unai García (neno do patinete). Sinopse: "Sansa[nicar]. RAG: verbo transitivo. Mover, axitar ou facer oscilar [unha persoa ou cousa]. [...]nicar ESTRAVIZ: v. tr.
1. Picar com o bico [a ave]
2. Aniquilar, destroçar
3. Romper ou erodir algo sem chegar a crebar.
4. Fissurar-se, não acabar de romper.
Sansanicar San Sadurninho. Nicar nel para mirar pola fenda do tempo"
Gravado en varias parroquias de San Sadurniño dentro do programa da 9ª Chanfainalab
Xosé Bocixa (As Encrobas, 1967), fillo e neto de labregos é un músico, xornalista e cineasta, vocalista da banda de rock Zënzar, a banda máis veterana do rock en galego (30 anos). Ao longo da súa prolífica traxectoria desenvolveu numerosos traballos audiovisuais como director, editor, músico e produtor. A Bocixa non lle gusta a etiqueta de director, ou o cine producido para a "alfombra vermella", vese coma un labrego do audiovisual e ten a sorte de sachar, gradar e cainzar con esta arte en encargos publicitarios, culturais, sociais, políticos, eventos, videoclips, reportaxes etc, nun sen parar onde se mestura a creación co activismo social. Tamén vese na obriga de poñer o seu tempo e ollada colaborando na defensa da Terra e dos dereitos das persoas cando é preciso e o ánimo e a vida llo permiten. No ámbito do vídeo xornalismo traballou para A Nosa Terra Dixital, Praza Pública, Nós televisión ou Galicia Confidencial. Realizou documentais de contido social e activismo medioambiental como "As Encrobas a ceo aberto" (2007), "100 anos de A Nosa Terra"(2008), “Rosa de Corcoesto” (2013), “A ameaza do cobre” (2018), "Estruturas, Pel contra pel"(2019), “12 leiras” (2019), “Redes contra a política do expolio” (2019), “A vivenda, un bem social” (2020) entre outras. Así mesmo realizou as curtametraxes “Silencio” e "Unha muller que pasa" (2016) gañadora do Certame Curtas para Rosalía da Asociación Socio-Pedagóxica Galega.
Na peza producida para a Chanfainalab participa activamente Mónika Chorén, (Compostela 1974), aínda que voraz consumidora desta e das outras artes, unha ninguén [literal] neste eido no que embarca por primeira vez.
Bocixa e Mónika achegáronse a San Sadurniño seguindo coa cámara o ronsel dun vello poema do pedagogo progresista coruñés Darío García Taboada, mais a gravación resultou accidentada polo que adiaron a receita final da peza. De feito, o material acaído do poema conforma unha especie de "bonus track" despois dos títulos de crédito da curta: "O noso pequeno monstro bicéfalo parte do poema "Oda al valle de San Saturnino" “ escrito no 1888, mais ao cabo, o noso primeiro contacto con San Sadurniño resultou totalmente infrutuoso e non conseguimos cadrar o que buscabamos co que recollemos nese primeiro contacto. Recuncamos en Sansa pouco antes da data de entrega e a curta e o lugar tomounos a nós: as cores, a choiva, -un cabalo que ía ser un carro con bois-, os lóstregos, gañáronnos o espazo e deixámolos facer. A esencia do barruntado ficou pero con traxe novo, vida propia e dúas cabezas."
"Sansa[nicar]" é un díptico documental onde se reflicten dous xeitos complementarios de achegamento ao territorio, o que preconiza a reinvención mediante a intervención directa na posta en escena -a cabalo entre ficción e documental- e a que acariña a paisaxe con mimo, empatía e paciencia con fondo alento poético: "Sansanicamos Sansa, fendemos o tempo para mirar cara as dúas beiras, enfrontando as referencias oníricas do poema de Darío García Taboada co San Sadurniño actual, con máis ruído, con cores máis vivas, con máis velocidade. Quedaron atrás referencias a algún filme [Wan] e non se puido utilizar a versión de "Mambo Gallego" de Tito Puente pero a da Orquestra Varela é igual de magnífica. Poida que aquelas persoas que se acheguen ao filme recollan ese sentimento enfrontado do que foi, do que é e do que será. Que reflexionemos sobre o camiño que traza o ser humano e se deberiamos fuxir de tanto asfalto e formigón, de tanta tecnoloxía que nos abafa e de tanto trafego insoportable.".Así pois, gocen con esta proposta visual de Mónika e Bocixa que garda fidelidade co seu estilo libre, activista e comprometido no devalar harmónico da Terra. Un orgullo e un luxo como apertura da 9ºª Chanfainalab.
Fotografías de César Galdo.
"Sansa[nicar]"
Xosé Bocixa a piques de "Sansa[nicar]"
Bocixa na "Eira de cineastas"
Publico asistente a "Eira de cineastas" da 9ª edición da Chanfainalab
Mónika Chorén
Mónika e Bocixa
Bocixa e Mónika
Bocixa sansanicando
Mónika e Bocixa recollendo a Lola Chanfaineira
Bocixa, Mónika e Pablo na gala da 9ª Chanfainalab
Bocixa e Mónika na Gala da 9ª Chanfainalab
Gravación de "Sansa[nicar]"
Preparando un plano de "Sansa[nicar]"
Bocixa e Monika na foto oficial da 9ª Chanfainalab