Olladas das xentes que visitaron San Sadurniño e deixaron testemuñas en forma de textos, imaxes, pinturas ou filmes: visitantes senlleiros,
Sillobre, Fene, 2015
A terra de Escandoi é un territorio mítico-literario onde acontecen historias cruzadas, ecos de voces vivas ou mortas e singulares aventuras de cabaleirescos personaxes que agroman do maxín do escritor e xornalista Ramón Loureiro.
A Terra de Escandoi - a terceira Bretaña- abrangue o norte de Coruña e ben chega ata a Terra Chá e Mondoñedo. Así pois, as sete parroquias de San Sadurniño pertencen por dereito propio ao territorio máxico de Escandoi. O mesmísimo Señor do Morgado afirma en “O corazón portugués” (pax 106) que “a xente de mamá viña dos Piñeiro que foron casteleiros no Alcázar de Naraío (os que despois entroncaron cos Esquío e algo cos Morgados de Escandoi)".Tamén o seu admirado Cunqueiro escollera Naraío como espazo mítico dun relato escrito a mediados do século XX.
Outro lugar literario de Escandoi será o Pico Ferreira. En “As galeras de Normandía” (pax 132) cóntase que "no Pico de Ferreira vive unha vella que nunca se meteu cun veciño, que garda certo parecido con Madriña do Ceo, que reza para que a ninguén lle falte que comer e que conta historias dos que posúen a clarividencia necesaria para detectar os avisos da morte nas pegas que se meten nas casas". E dende os arredores do mítico cumio "veña o Noso Señor que anda preto do Pico de Ferreira, onde un santo de terra dentro, a falta de devotos que lle sacasen a efixie nun retablo, deixou a súa estampa gravada na pedra cando se deitou a durmir, pero non pintándoa, senón furando o penedo e labrando un leito coa forma do seu corpo.
- Outra cama tan dura non a hai."(Pax 130)
Ao fin, o mesmo cronista e gran Señor de Escandoi escribiu expresamente para “Fálame” estas palabras que acreditan a San Sadurniño como "unha das capitais da última de todas as Bretañas posibles".
2015-03-14 19:14:54
Que eres el mejor.Sin lugar a dudas.