Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018 Chanfaina Lab seleccionada no banco de boas prácticas da xestión cultural Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

mirada propia

Creacións audiovisuais, literarias ou artísticas realizadas por autores naturais ou residentes en San Sadurniño: creador@s, escultura, Revista Pumariño, músicos, pintura, poesía, teatro

"Porte exprés"

Naraio, 2023

7ª Chanfaina Lab (19). Estrea: venres 23 de xuño do 2023
Guión, dirección e montaxe: Ángela Arnosa
Reparto: Kevin Lorenzo e Martín Prieto
Sinopse: "Un rapaz experimenta unha peculiar situación nunha marquesiña."
Duración: 1´40"
Gravado nas marquesiñas dos Foxos e A Ferrería en Naraío, dentro do programa da 7ª Chanfainalab



Ángela Arnosa (Naraío, 1996) é graduada en Química e estudante de doutoramento en Ciencia de Materiais. O seu entusiasmo coa ciencia e a comunicación levárona a desenvolver unha inclinación pola divulgación científica, que xa lle valeu algún que outro premio. Ángela foi desde sempre unha activa espectadora de obras do audiovisual galego. Hai uns anos deu un paso para poñerse diante da cámara con pequenos papeis en curtas e series web, así como en filmes producidos no marco da Chanfaina como "Sibila" de Carla Andrade ou "Breixo" de Kevin Lorenzo&Javier Seoane. Todas esas inquedanzas culturais e artísticas foron o detonante de que Ángela se puxera do outro lado da cámara e debutar, ao fin, como cineasta con voz propia. Así, nas pasadas edicións presentou as súas primeiras curtas, “Síntese” e “Un ninguén máis” .

Nesta edición dispuña de pouco tempo e pretendía facer unha peza sinxela e breve, mais Ángela xa é veterana e deseguida topou un fío do que tirar: "o bo da Chanfainalab é que permite probar e experimentar diferentes xéneros, estilos, composicións... En "Porte exprés" procurei unha variación con respecto ás miñas curtas de edicións anteriores, para desenvolver novos retos na creación audiovisual. A primeira idea foi utilizar as marquesiñas dalgún xeito, xa que en parte, son estruturas moi presentes na idiosincrasia do rural. Unha marquesiña non é só un lugar onde agardar o autobús (de feito moitas quedaron sen esta función a día de hoxe), senón unha construción de reunión baixo a que vexo a persoas maiores sentar á sombra para falar e pasar o tempo, ou para repousar un anaco a descansar do seu paseo. Despois apareceu a intención de incorporarlle ese toque fantástico que escapa ao entendemento do protagonista, algo que non agardas. E isto último veu da man co emprego do branco e negro e eliminar o son gravado para convertela nunha peza que evoque ao cine mudo. Hei salientar que, para o curta que foi a peza, levou máis tempo do previsto gravala, pois botamos a maior parte do tempo falando cos veciños que pasaban polo lugar e paraban a conversar... pero iso é parte da experiencia chanfaineira".

Se tiveramos que encadrar "Porte exprés" nun xénero debería ser no de ciencia ficción pois todo xira sobre unha cabina de teletransporte: "Para min foi ademais unha oportunidade para crear unha peza con referencia ao cine mudo, algo do que tiña ganas. Recordo coller percepción dos inicios do cine, en branco e negro, sendo unha nena coa serie “As leis de Celavella”, ambientada no 1925, na que mostraban as primeiras proxeccións que se podían ver en Galicia. Anos máis tarde, no instituto, aprendín sobre os inicios do cinema cos irmáns Lumière. Pouco despois, "The Artist" de Michel Hazanavicius trouxo de volta o cine mudo con grande éxito a nivel comercial. Todas estas obras viñeron á miña cabeza cando pensei nese estilo. O resultado final pode conter un guiño ao mundo de Georges Méliès, pero con ambientación actual, de feito o protagonista envía unha nota de voz co seu móbil. Todos os aspectos mesturados nesta peza crean unha combinación estraña, pero cuns contrastes entre o antigo e o novo, entre o real e o máxico, que rematan por encaixar e, agardo, que por sorprender ao espectador". De seguro que a talentosa Ángela o consigue. E quen sabe, quizais esa marquesiña que quedou sen uso por falta dunha liña de autobús ten agora unha nova funcionalidade...
Fotografías de César Galdo.

  • "Porte exprés"

  • Ángela Arnosa na foto de familia do VII Chanfaina Lab

  • Ángela Arnosa con Kevin Lorenzo e Abel Vega

  • Ángela, Maruxa, Carmiña e Cruz na gala do VII Chanfaina

  • Ángela Arnosa, Kevin Lorenzo e Pablo Martínez na gala da VII Chanfaina

  • Ángela Arnosa na gala do VII Chanfaina

  • Ángela Arnosa presenta a curta "Porte exprés"

  • Ángela Arnosa presenta "Porte exprés" na gala da VII Chanfaina

  • Ángela Arnosa na foto de familia na gala da VII Chanfaina

  • Público asistente á gala da VII Chanfaina Lab 2023

  • Ángela Arnosa presenta a peza "Porte exprés"

load

Comentarios

Máis imaxes

Temas: Chanfaina'Lab, cinema, creador@s, lecer, lendas, Naraío, vídeos

Autor/a: Angela Arnosa

Compartir en: