Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018 Chanfaina Lab seleccionada no banco de boas prácticas da xestión cultural Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

xentes

Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.

Pedro Vigo, alcalde

Agra de abaixo, San Sadurniño, 1843

Alcalde de San Sadurniño (1843-1844)
O ano 1843 representa un tempo de mudanzas na historia de España. Comeza baixo a Rexencia do liberal progresista Espartero, mais rematará co goberno autoritario de Narváez e a nena Isabel II coroada como Raíña de España. A fin da Rexencia e o golpe de estado moderado de Serrano e Narváez agroman nas actas municipais o 5 de xullo de 1843 por un escrito do Coronel en xefe da columna de operacións da Coruña instando a colocar piquetes de vixiancia polas parroquias para que “no pase persona alguna con víveres u otros recursos a la villa de Ferrol y que de parte de cualquier novedad que pueda ocurrir".

A comezos de 1843 as eleccións municipais poñen á fronte do Concello ao veciño da parroquia de San Sadurniño Pedro Vigo, relevando a Domingo Vicente Rivera. Son tamén concelleiros: Gregorio Pita, 1ºtt alcalde (San Sadurniño); Vicente Sisto (San Sadurniño); Andrés García (Igrexafeita); Salvador Rodríguez; Pascual Durán (Naraío); Antonio Cibreiro (Monte); Juan Beceiro, síndico, (Monte); José Goti (Ferreira).
Pedro Vigo debía ser un home enérxico, liberal e preocupado polos veciños aos que representaba. Comeza poñendo orde na xestión municipal: as sesións celebraranse os xoves as 8 da mañá. Imporase multa por cada falta de asistencia aos plenos, diñeiro que pasará ao capítulo de gastos imprevistos
A primeira decisión da nova corporación o 4 de xaneiro de 1843 foi o cese fulminante do secretario José Ramón Brandariz, “por no merecer confianza y no tener cubiertos los libros del registro civil con arreglo a la Ley por los que viene percibiendo un real diario desde 1840, como igualmente hallarse sin nota o índices de los expedientes, órdenes y demás papeles correspondientes a la secretaría y últimamente por la sorpresa que ha padecido este sencillo cuerpo municipal de sus firmas en varias actas y acuerdos, según aparecen del año pasado 1842 en los libros e las mismas como son las añadiduras a los presupuestos de gastos municipales.. etc; por lo que se le hace saber la separación de su función y de que se prepare en el término de 8 días a rendir cuentas judiciales ante el expresado cuerpo y que el nuevo secretario provisional sea Manuel Azcona, por ser el único en el que podemos depositar nuestra confianza". Tamén se lle reclaman os papeis e documentos do Concello que se levou a súa casa de Ferreira, así como unha revisión dos fondos municipais dende 1837 coa presenza do propio Brandariz. O Concello abrirá unha causa xudicial que xestionará o escribán Fermín Formoso. Mais o citado Brandariz debía ser un paxaro de coidado, pois humildemente solicitoulle ao alcalde que non o cesara e que él mesmo presentaría unha acta de renuncia, que o Concello aceptou. Mais o cesado secretario achegouse ao encargado do posto da Correos daquela e "colleu" a documentación coas peticións, confiando que o Gobernador Civil non chegaría a coñecer nin a renuncia nin o cese. Porén foi pillado “in fraganti" mentres substraía a documentación. O pleno municipal condena o intento de engano criticando “el absoluto desprecio que tiene Brandariz con esta municipalidad” e afirma que é “incorregible”. De feito un mes despois, a Deputación provincial ordena a súa reposición no cargo, mais o Concello en pleno amaga coa dimisión se non se acepta a recusación de Brandariz. O novo secretario será o ex-alcalde Manuel Azcona.

Mais, anécdotas aparte, o problema fundamental do ano da alcaldía de Pedro Vigo será a escasez de liquidez do Concello e os complicados tributos, arbitrios e os "encabezamentos municipais" ou cuota fixa que o Estado impón aos municipios, sen ter en conta “la general indiferencia y pobreza que aflige a este distrito”, agravado pola herdanza envenenada da desastrosa xestión do Secretario Brandariz. Os pobres labregos teñen que pagar a “contribución especial de guerra”, o novo “imposto de culto e clero”, carne, sal, "paja e utilidades", alcohois, etc.. Nos libros de actas municipais a asfixia económica está omnipresente: os apremios dende Coruña para pagar impostos atrasados, a tortura dos pedáneos para cobrar aos veciños morosos que falsean a información para non pagar os tributos, etc. O Concello non deixa de advertir inutilmente á autoridade superior das complicación de implementar impostos en territorio tan extenso, disperso e pobre, “que no se puede llevar a efecto sin dedicarle mucho tiempo. De tan complicada ejecución os recaudadores parroquiales ocuparían el año entero sin permitir dedicarse a otra cosa, les imposibilitaría de hacer su oficio y modo de vida, fatigaría a los repartidores". Mesmo tentan reestructurar os repartimentos das diferentes parroquias, mais Pedro Vigo non deixa de amosarse belixerante durante todo o seu mandato contra a función recadatoria do Concello na forma e no fondo. En decembro de 1843 conclúe que “no hay cosa de la que echar mano para atender los gastos comunes de este ayuntamiento”.

Outra das teimas de Pedro Vigo será a orde pública. En febreiro de 1843 díctanse bandos “prohibiendo las reuniones nocturnas bajo nombre o pretexto de molinada y que a las 8 de la noche se cierren las tabernas en los meses de invierno y a las 9 en verano sin permitir que pasada dicha hora pueda estar en la taberna persona alguna bajo la multa de un ducado a cada uno de los que se encuentren em molinos, tascas o tabernas u otras reuniones y a los dueños de las casas y doble por segunda vez sin perjuicio de formación de causa por la tercera vez”. Tamén se prohibirá soltar tiros nas festas baixo multa de un ducado.

Probablemente neste ano comeza a o proceso de venda das terras do Igrexario que circundan o desamortizado e abandoado Convento do Rosario porque Tomas Sieira, cura párroco solicita o nomeamento du perito para tasar os catro ferrados do conventos pertencentes ao cura párroco “correspondiente al desahogo de la iglesia, casa rectoral y camino de la fuente, ante la inminente venta del cercado del convento” seguindo o ronsel da Desamortización de Espartero.
En xaneiro de 1844 –xa baixo mandato do goberno moderado- ordéase confeccionar as listaxes electorais conforme a antidemocrática Lei de Concellos de 1840. Está claro que Pedro Vigo non vai ser elixido alcalde por elección popular, e así será, porque en marzo de 1844 o novo rexedor -xa nomeado a dedo polo gobernador Civil- será o moderado Antonio Sisto. Ningún dos membros da corporación presidida por Pedro Vigo retornará ao Concello ata á revolución progresista de 1854 con Fermín Formoso e Juan Salas, ano no que serán repostos nos seus cargos por orde do Goberno progresista. Mais Pedro Vigo xa falecera anos antes.
Na ilustración, sinaturas da equipa de goberno de Pedro Vigo.

Pedro Vigo, alcalde

Comentarios

Máis imaxes

Temas: xente, San Sadurniño (Concello), Alcaldes de San Sadurniño

Compartir en: