Naraío, 2024
8ª Chanfaina Lab (14). Estrea: venres 12 de abril do 2024
Guión e dirección: NaraíoMedia
Edición e montaxe: Brais Varela, Brianda García e Antonio Fraga.
Reparto: Brianda García, Abel García, Aldara Dopico, Abel Vega, Manolo Varela, Angela Arnosa , David Dopico, Kevin Lorenzo, Lucía Sedes e Soraya Yáñez
Sinopse: "Todos coñecemos a Pedro Chosco, ese personaxe que durme aos nenos con suaves e agarimosos aloumiños. Pero, é realmente a historia tal e como nola fixeron crer? Nesta curta, NaraíoMedia amosa esa cara de Pedro Chosco que ninguén coñece e conta as historias que non puideron ser contadas. Algo tan normal como o soño dunha rapaza acaba tendo consecuencias inimaxinables, traspasando a barreira da realidade cun desenlace que desenmascara a verdadeira cara do protagonista: un Pedro Chosco que nunca quererás atopar nos teus soños..."
Duración: 6' 31
Gravado en Naraío dentro do programa da 8ª Chanfainalab
NaraíoMedia é un colectivo creativo formado por Brais Varela (Naraío, 1987), Antonio Fraga (Naraío 1989) e Brianda García (Neda, 1992). Ningún deles ten relación ou se dedica profesionalmente ás artes audiovisuais, mais comparten este pasatempo dende hai uns anos. Naraío foi ata agora a parroquia elixida para a gravación de todas as súas pezas: Debutaron con gran éxito na Chanfaina do 2019 con "O Roubo da Droja II", no 2022 consagráronse no trepidante thriller de terror rural "The porquer" e agora a sua nova curta "Pedro Chosco", coa que dan un pasiño máis na súa andaina audiovisual.
No Chanfainalab andabamos expectantes co que ía a sorprendernos nesta edición o mocerío de Naraío despois do éxito de "The Porquer" da edición anterior. Algún dos seus membros aínda botaron un cabo nas pezas de cineastas da Chanfainalab como “O pano de seda”, mais coa peza elixida foron fieis a si mesmos e ao seu estilo: "Como xa é tradición, en NaraíoMedia quixemos escoller unha temática galega que os espectadores puideran coñecer e que atraera o seu interese. Pero un ano máis, o protagonista da curta, Pedro Chosco, adoptou ese perfil de personaxe misterioso que tanto nos caracteriza. A nosa intención foi manter o suspense ata o final da peza, de forma que ninguén relacionara o acontecido na primeira escena con algo máis que un soño. A forma que eliximos para contar a historia ó espectador é novidosa para nós, xa que por primeira vez decidimos non introducir diálogos na curta. No seu lugar, fixémolo a través do día a día dunha rapaza, que transmite cos seus actos que algo estraño está a pasar dende que tivo aquel soño, desencadeándose no descubrimento do personaxe principal cun terrible desenlace que amosa un ano máis ese xénero de thriller rural propio de NaraíoMedia".
"Pedro Chosco" é un desacougante thriller de terror rural que engancha. Coma sempre, as cineastas de NaraíoMedia van experimentando novos retos, edición tras edición. Ise proceso de procura activa nótase nos seus filmes, cada vez máis maduros e cun acabado absolutamente profesional: "Podemos dicir que neste ano afrontamos tres retos: O primeiro, a nivel interpretativo, toda a responsabilidade que tiña Brianda para contar a historia a través da súa actuación sen ningún tipo de diálogo. O segundo, a nivel de montaxe, o plasmar o paralelismo realidade-soño que tan ben imaxinabamos nas nosas cabezas, pero que non tiñamos claro se o espectador o entendería. Por último, un reto máis persoal que consistía en mellorar aspectos da gravación de anos anteriores, como experimentar con diferentes planos, facelos máis cortos, coller máis detalles, coidar a iluminación... En definitiva, aprender dos erros pasados, poñer ó límite as nosas capacidades e intentar darlle un aire diferente ó feito ata entón. Finalmente, podemos dicir que estamos moi contentos co resultado, e pensamos que as ferramentas e experiencias adquiridas ó longo destes anos participando no Chanfainalab foron esenciais para superar estes retos e transmitir os efectos e a mensaxe que desexabamos". E así é. Habilmente contada, cun ritmo áxil e ateigado de retranca, NaraíoMedia sácalle un excelente partido aos recursos dispoñíbeis e aos actores e actrices locais; en definitiva representa un gran chanzo na evolución do colectivo de Naraío.
Fotografías de César Galdo.