Ademais das imaxes, tamén a prensa e os documentos históricos fálannos de San Sadurniño no decurso do tempo: Podes velos en orde cronolóxico aquí , ou consultar algúns datos estatísticos
San Sadurniño, 1926
Sen dúbida este tamén foi un verán difícil para a Duquesa da Conquista porque Rosalía Arias-Dávila, marquesa de Almaguer falecía en Madrid o 27 de maio de 1926 na casa da rúa San Bernardo que ambas compartían. Rosalía, ademais de cuñada, era súa mellor amiga, confidente e cómplice; foi sempre unha asidua veraneante de San Sadurniño dende 1902. A raíña María Cristina e a Infanta Isabel acudiron persoalmente a presentar as súas condolencias. Aínda non reposta da perda do seu home en 1922, Natividad Quindós, que xa ten 65 anos estase a quedar sen referentes persoais e o seu único refuxio a partires de agora será a práctica relixiosa.
A finais de xullo a prensa galega anuncia profusamente a inminente chegada do Príncipe de Asturias a Ferrol e San Sadurniño, mais por motivos de saúde do Príncipe Alfonso, a viaxe tivo que suspendérense. A Marquesa decidiu facer unha longa viaxe por Italia.De todos os xeitos durante o verán, a marquesa exerceu o dereito de representación, un privilexio do antigo réxime, que lle permitía escoller os curas das parroquias da súa xurisdición. Nesta ocasión será na parroquia de San Félix de Esteiro e Santiago de Pantín.(Ver imaxes relacionadas).