O devalar no tempo do traballo: os labores agrarios e gandeiros, artesáns, as feiras, comerciantes e taberneiros: animais , bares e tabernas, emigración, feiras , gandería , labregos e labregas, oficios artesanais, tecidos, o traballo nas hortas datos estatísticos
San Sadurniño, 1862
En 1862 o VI Marqués de San Sadurniño verase obrigado a realizar un expediente oficial sobre a súa fortuna persoal de cara a iniciar a súa carreira política como Senador do Reino. A categoría de senador nos tempos de Isabel II estaba reservada para quen fora capaz de acreditar que posuía máis de 100.000 reais de rendas netas por ano. No expediente que se garda no Arquivo do Senado podemos comprobar a elevado numero de propiedades do Marqués, algunhas en Ávila ou Burgos –procedentes da familia da súa nai, María Segunda de Tejada- mais a meirande parte das rendas proceden de diversos Concellos de Ferrolterra como Ferrol, Cerdido, As Somozas, Cedeira, Moeche, Ortigueira e por suposto San Sadurniño. O expediente consegue declarar rendas por valor de 106.000 reais netos dos cales arredor de 20.000 saen das súas propiedades en San Sadurniño nas parroquias de Monte, San Sadurniño, Ferreira e Lamas. O marqués será nomeado Senador o 18 de outubro de 1861.
Grazas a ese expediente coñecemos os nomes de 54 caseiros e colonos que pagaban rendas ao Marqués á altura de 1862. O recadador dos intereses do Marqués foi o tamén alcalde durante quince anos Justo Álvarez Sierra, quen por certo vivíu e morreu no Pazo en 1872. Entre os colonos e caseiros recoñecemos algúns alcaldes de San sadurniño: Manuel Azcona; Antonio Sisto; José Salas ou Vicente González. Asemade moitos dos concelleiros das corporacións do século XIX foron caseiros e colonos do Marqués como José Beceiro; Juan Beceiro; Antonio Sisto; Jacobo Bastida; Manuel Couce; Gregorio Rey; Santiago Lois; Francisco Bastida Alvariño (1821-1905), fillo do primeiro alcalde; Martín Montero; Pedro Sueiras ou Fabián Grandal entre outros. Algúns deles son a o punto de partida de sagas familiares de San Sadurniño como o pai do alcalde Tomás Rico, José Valcarcel Mejía, ou os Cibreiro de Monte.
Na ilustración, recibos do pago de rendas da familia de Vicente Vigo na Rubiña de 1860 a 1864.
Agradecemento especial á familia López Pouso pola información