Olladas das xentes que visitaron San Sadurniño e deixaron testemuñas en forma de textos, imaxes, pinturas ou filmes: visitantes senlleiros,
A Cortiña, San Sadurniño, 2015
2ª Chanfaina'Lab (5). Estrea venres, 18 de marzo do 2016
Director: Miguel Mariño
Coa participación de: María Teresa Pouso, Teresa Castro, María Teresa López, María Rodríguez, Icía Fernández, Carla Castrillón.
Formato de filmación: 16mm. Tódolos procesos de revelado e efectos de postprodución foron realizados artesanalmente polo autor
Sinopse: Nunha pequena vila de Galicia existe unha Horta singular na que crecen múltiples variedades autóctonas de árbores froiteiras. Con esta singular arca de Noé dos sabores, os veciños de San Sadurniño transmiten de xeración en xeración a memoria da súa propia terra.
Duración: 5’ 25’
Filmada nos días 5 e 6 de setembro do 2015 dentro do programa da Chanfaina' Lab.
Miguel Mariño é un cineasta singular na procura de novos xeitos de abordar o audiovisual, un explorador na rebusca de novos camiños e corredoiras polos que nunca camiñara, para ver ata onde é quen de chegar no tratamento dos soportes fotoquímicos da imaxe. A única brúxula que utiliza son os vínculos afectivos que axuden a aportar unha perspectiva máis subxectiva e emotiva ao tema a tratar. Miguel ten demostrado dabondo o seu talento en proxectos tanto industriais como persoais, nomeadamente no terreo do cinema expandido e as ‘film performances’, sendo un dos primeiros creadores galegos a percorrer esta senda, con máis dunha ducia de títulos seleccionados en prestixiosos festivais da vangarda cinematográfica.
O punto de partida de "O tempo da mazá" foi un vídeo de Carlos Fornos no que evocaba o sabor das mazás da súa infancia: "Aquelas descricións trouxeron á miña memoria as incursións que de pequeno eu facía na horta dos meus avós: ano tras ano, das mans da miña avoa, ía descubrindo e desfrutanto dos sabores característicos das cereixas, pexegos, peras e mazás da Terra Chá lucense. A utilización de material e técnicas analóxicas artesanais no proceso de realización da curtametraxe responde a unha intención de achegar os traballos da imaxe aos traballos da horta. Así a rodaxe en negativo cinematográfico foi a miña plantación da semente. O revelado manual, a auga, o sol e o abono. As tesoiras utilizadas na montaxe e edición aseméllanse moito ás empregadas na poda. E por último, a proxección, ese momento no que recollemos o froito do traballo e degustamos a calidade dos seus sabores".
Así pois preparémonos para recuperar o ancestral sabor da mazá a través do gusto de seis mulleres de distintas idades e sensibilidades, mais o filme non é só iso, a conservación das tradicións, o coidado das raíces, a posta en valor dunha agricultura sustentable e a importancia da transmisión de coñecementos entre xeracións son tamén sensacións e ideas que agroman polo sabor dunha humilde mazá.
Temas: labregos e labregas, muller, naturezas, nenos e nenas, paseos, roteiros, San Sadurniño (parroquia), xente, visitantes, vídeos, Chanfaina'Lab
Autor/a: Miguel Mariño
Vídeos:
Procesos#20
O descubrimento de Américo