4ª Chanfaina Lab (14). Estrea venres 11 de maio do 2018.
Director: Óliver Laxe
Colaboración: Nadia Acimi
Sinopse :"Facer unha película é querer domar o salvaxe, capturalo. Este nos atrae e estimula: un mundo salvaxe, unha vida salvaxe, un amor salvaxe... Esta película é un retrato de seres indomables. "
Duración: 26' 44''
Gravada nos días 2 e 3 de setembro do 2017 nas instalacións de "Andadura Hermanos Casanova" (Bardaos) e o Forgoselo (Naraío), dentro do programa da 4ª Chanfainalab.
Óliver Laxe naceu en París en 1982 no seo dunha familia de emigrantes galegos. Cando tiña seis anos regresaron a Galicia para instalarse na Coruña. Despois de estudar cine e realización na Pompeu Fabra de Barcelona, marchou a Londres onde realizou en 2006 a curtametraxe en 16 mm. “E as chemineas decidiron escapar” en colaboración con Enrique Aguilar. Ata o verán do 2017 residiu en Marrocos. Alí realizou en 2007 "Soa a trompeta, agora vexo outra cara". Nese mesmo ano volve a Galicia para filmar a curtametraxe en 16 mm París #1, que obtivo o primeiro premio no Filminho e o premio ao mellor documental galego no PlayDoc. En Tánxer creou e desenvolveu Dao Byed, un obradoiro de creación cinematográfica en 16 mm. con nenos en situación de exclusión social. “Todos vós sodes capitáns”, nacido no marco desta experiencia, foi a súa primeira longametraxe. Estreouse internacionalmente na Quincena de Realizadores do Festival de Cannes do 2010, onde gañou o premio FIPRESCI. Coa segunda longametraxe, Mimosas (2016) gañou o Gran Premio da Semana da Crítica de Cannes e foi escollida pola revista "The New Yorker" entre os 35 mellores filmes do ano 2017 estreados nos Estados Unidos.. Actualmente está a filmar a súa terceira longametraxe "Aquilo que arde" nas terras bravas do Caurel.
Óliver participou na Chanfainalab nunhas circunstancias verdadeiramente especiais. Tras case dez anos residindo en Marrocos, chegou a San Sadurniño literalmente co camión da mudanza ás costas e xunto coas cousas de toda unha vida. Como él mesmo explica: "Gravamos esta carta cinematográfica xusto ao chegar coa nosa mudanza a Galicia tras moitos anos vivindo en Marrocos. Estábamos moi moi cansos da viaxe. Deixáronos unha cámara de vídeo para facer a peza no marco do Chanfaina Lab; facía anos que non operaba unha cámara e a sensación era estraña. A verdade é que non tiñamos moitas intencións nin buscábamos nada, simplemente retratar o momento que estabamos a vivir. Penso que isto é interesante. Cando como cineasta me poño a buscar e me poño tenso con intencións, proxeccións ou coa técnica non aparece nada: as angustias e os medos son inimigos da creatividade. Desta volta, a verdade é que estábamos moi tranquilos, intentábamos pasar un bo momento tras o estrés da mudanza e dos moitos cambios que se produciran nas nosas vidas. A Nadia gústanlle moito os cabalos, ten unha conexión especial con eles. Cos cabalos síntese verdadeiramente libre."
"O salvaxe leva o seu tempo" é un anaco de vida cargado de sentido e verdade, filmado por un dos directores mais singulares que ten dado o audiovisual galego na súa historia. A paixón polos cabalos de Nadia Acimi, a compañeira de Oliver, será o punto de partida para explorar a relación humana co cabalo. O cineasta debulla esa simbiose a xeito de videocarta enviada por Nadia aos seus fillos, -Esteban e Kaïna- para explicarlles como é a terra na que van comezar a vivir. Na primeira parte contextualiza a figura do cabalo vencellada á historia e o progreso da humanidade, pero tamén ao lado máis escuro como as guerras e o dominio cruel sobre o animal. A segunda parte lanza unha mensaxe de comuñón coa natureza e de volta á orixe, cando a relación persoa-animal era unha relación case de igual a igual. O filme foise construíndo libremente diante da cámara, sentimento a sentimento, fluíndo ao natural, para reflectir verdade a base de xestos, palabras e miradas como ese "cine con alma" que sempre reivindica Oliver e que nesta ocasión resultou felizmente: "Estou moi contento con esta película, penso que é unha das máis vivas de todas as que fixen". Porque toda ela flúe coma a auga cristalina dunha fervenza de primavera, pola frescura e naturalidade elegante que agroma por todos os poros e píxeles da peza. Un fermosísimo filme feito co corazón e cara o corazón d@s espectador@s, emoción e poesía, un agasallo para San Sadurniño dun dos cineastas mais universais e relevantes da nosa terra.
Fotografías de Cesar Galdo e Gabriel Tizón
"O salvaxe leva o seu tempo"
Oliver Laxe na Chanfainalab
Nadia e Oliver
Oliver e Nadia na sesión preparatoria na Aula Cemit cos outr@s chanfaineir@s
Oliver no roteiro por Sansa
Co alcalde Secundino Garcia
Oliver na Eira dos cineastas
Oliver na Eira dos cineastas con Carlos e Miguel
Oliver e Nadia na fotografía oficial da Chanfainalab
Oliver no fotocall con Cruz Piñón
Oliver no fotocall coas "Sun girls"
Oliver Laxe na "Eira dos cineastas"
Oliver no fotocall coas veciñas de Lamas Ana e Carmen Couce