Naraío, 2019
6ª Chanfaina'Lab (26). Estrea xoves, 9 de abril do 2020
Dirección: NarahíoMedia
Montaxe e posprodución: Antonio Fraga, Ricardo Noval, Brais Varela, Brianda García.
Canción: "Diñeiro" do grupo Arrhythmia
Reparto: Brais Varela (xornaleiro), Oscar Torrente (traficante), Iago Varela (neto do traficante), Sagrario Fraga (camareira), Antonio Fraga (descargador 1), Geray Arnosa (descargador 2), Brianda García (neta do Teso), Verónica Castrillón (neta d’Oleghario); Manuel Varela (transeunte).
Sinopse: "O roubo da droja II conta unha historia de vinganza acontecida na parroquia de Narahío, en San Sadurniño. Trinta anos despois dun roubo de droja do que aínda hoxe en día se fala, as netas do Teso e d’Oleghario teñen o plan perfecto para recuperar o que lles foi arrebatado aos seus avós aquel día. O que comezou sendo un día normal na parroquia, acabará dando un xiro inesperado para moitos dos personaxes. Secuela de “O roubo da droja""
Duración: 9' 23”
Gravado en Naraío durante a fin de semana do 6 ao 8 de setembro do 2019 dentro do programa da 6ª Chanfainalab
NarahíoMedia é un colectivo de mozos e mozas de Naraío formado por profesionais novos sen relación algunha coas artes audiovisuais ata o de agora: Brais Varela, (Naraío 1987), enxeñeiro industrial; Iago Varela (Naraío 1996), estudante de enxeñería industrial; Brianda García (Neda, 1992), pianista profesional e profesora de Conservatorio; Antonio Fraga, (Naraío 1989), mecánico industrial; Ricardo Noval, (Neda 1987), técnico comercial e de produción; Geray Arnosa, (Naraío 1989) operario de produción; Oscar Torrente, (As Pontes, 1988), transportista e Verónica Castrillón, (Lamas 1992), educadora social. En xuño do 2019 decidiron constituírense como colectivo para participar por vez primeira na Chanfainalab.
Nesta edición un grupo de amigos e amigas de Naraío decidiron dar un paso adiante a partires dunha curta mítica gravada na parroquia en 1996, “O Roubo da droja": "Despois de asistir como público á edición anterior do ChanfainaLab, os integrantes de NarahíoMedia decidiron formar parte desa experiencia dándolle forma a unha idea que xa andaba nas súas cabezas por aquel entón: rodar a segunda parte de “O roubo da droja", unha curta considerada “de culto” por moitos dos veciños do concello, rodada nunha tarde de aburrimento por catro amigos no ano 1996. Sen experiencia previa no sector audiovisual, cun trípode prestado e un móbil como cámara de vídeo, os amigos de NarahíoMedia implicáronse ao máximo no que foi a súa primeira toma de contacto coa produción, dirección e montaxe. "O roubo da droja II" ofrece aos espectadores unha intensa historia de vinganza, unha trama de thriller con acción, violencia, e un final inesperado. Haberá unha terceira parte? Seguirá a vinganza pasando de xeracións en xeracións? Quén sabe, para descubrilo terán que pasar outros trinta anos..."
"O roubo da droja II", ten dous aspectos moi salientábeis: por unha banda é un thriller, un xénero inédito nas 130 pezas gravadas polo de agora na Chanfainalab; a curta está construída eficazmente segundo os códigos do xénero: ten ritmo, acción, violencia, tramas de vinganza e mesmo un xiro inesperado. En segundo lugar é unha "secuela", un filme producido despois doutro e que se desenvolve no mesmo "universo", pero nun tempo posterior, utilizando planos e localizacións nos mesmos espazos que a obra orixinal, como un ronsel do mundo no que se inspira: "O maior reto para o equipo foi crear unha peza na que o espectador puidera seguir o argumento sen coñecer a primeira parte. Isto explica as numerosas mencións que se fan á curta precedente de maneira sutil, dando a entender a relevancia que tivo aquel suceso acontecido trinta anos antes, do cal aínda se fala nos bares entre os veciños. De maneira máis clara, e como homenaxe ós creadores da primeira parte, NarahíoMedia introduce un “flashback” da curta en forma de recordo duns dos protagonistas". Hai que recoñecer que o colectivo sae ben airoso do reto e máis aínda tratándose da súa primeira incursión no audiovisual. Dende a organización da Chanfainalab sentimos que a participación deste destemido e valente feixe de mozos e mozas enche de sentido á nosa actividade. Xa nos están tardando máis pezas colectivas ou individuais de NaraíoMedia na vindeira edición.
Fotografías de Cesar Galdo
Temas: cinema, creador@s, Naraío, vídeos, castelo de Naraio, Chanfaina'Lab
Autor/a: NarahíoMedia
Vídeos:
O roubo da droja
Canle de Brianda García