Olladas das xentes que visitaron San Sadurniño e deixaron testemuñas en forma de textos, imaxes, pinturas ou filmes: visitantes senlleiros,
San Sadurniño, 1899
No verán de 1899 instálase en San Sadurniño José García de Quevedo y Rodríguez, o novo notario. É un xove avogado palentino moi afeccionado á poesía coa que leva gañado varios premios literarios por toda España. Deseguida farase notar na prensa rexional, mais tamén na política municipal de San Sadurniño ao que definía como"desventurado distrito municipal que debe redimirse de las garras del caciquismo, verdadera lepra de este municipio".
Nacera en Palencia no seo dunha familia liberal e progresista; A súa nai chámase Elvira Rodríguez Cavanzón, o seu pai Ángel García de Quevedo ( -13/6/1887), concelleiro na corporación palentina que participara activamente na revolución gloriosa de 1868 baixo a bandeira do Partido Demócrata para evolucionar cara o Partido Fusionista (liberal) de Sagasta.
José García de Quevedo estuda Dereito en Madrid e deseguida mestúrase no ambiente axitado e intenso do partido republicano de Ruiz Zorrilla. Publica numerosos poemas en diarios e revistas literarias e publica o seu primeiro libro de poemas en 1888: "Ecos del Carrión: colección de composiciones poéticas serias y festivas". Dirixe o xornal progresista "El canario" (1889), colabora en "El día de Palencia" e chegará a ser secretario do último comité republicano progresista no 1891. Un dos seus "correlixionarios políticos" daquela era Juan Bautista Mañanós Vidal - o seu sogro- e pai do pintor Asterio Mañanós.
Tras da morte do seu pai, José García de Quevedo casa con Purificación Mañanós Martínez e comeza a carreira profesional como notario. En 1894 está destinado en Páramo (Lugo). Dende alí, comeza a relacionarse cos círculos liberais da provincia luguesa e mesmo participa nunha homenaxe ao político liberal Sexismundo Moret en Lugo. En 1899 acada a praza de notario de San Sadurniño onde permanecerá ata abril de 1912, ano no que se traslada a Quiroga (Lugo). A nivel familiar o poeta- notario non terá sorte en San Sadurniño: perderá unha filla -Josefa Leonor- en decembro de 1900 polo sarampión e no 1903 ao seu fillo de cinco meses José María. A súa muller, Purificación Mañanós, pertencerá a Xunta local de instrucción de San Sadurniño en 1902.
Nos 13 anos que vivíu no noso concello como notario, publicou varias poesías na prensa galega daquela, como “El progreso” o “El Correo”, a pesares de opinar que “Las musas están reñidas con el cargo notarial”. Algúns dos poemas escritos en San Sadurniño foron: "Melancólicas" (1900); "La calumnia" (1901); "Pilar de Zaragoza" (1901); "Ayer y hoy" premio en Valladolid, “Al eminente poeta gallego D. Manuel Curros Enríquez” (1904) ou o poema satítiro "Al secretario del Ayuntamiento de San Saturnino" (1908). Podes descargar aquí unha pequena escolma deles.
Os seus sogros -de avanzada idade- deciden trasladarse a San Sadurniño para seren coidados pola súa filla. Será no noso concello, onde falecerá o seu sogro Juan Bautista a finais de agosto de 1908.
Para un liberal de corazón republicano como García de Quevedo, o ambiente conservador e caciquil de San Sadurniño a prol do político e cacique Marqués de Figueroa debeulle parecer duro. Ao principio tentará integrarse nas élites locais. Podemos velo asistindo ao funeral do VI Marqués e participando activamente na procesión das festas de Santa Isabel no 1900 e 1902 . Mais no tocante a política municipal, García de Quevedo amosará nidiamente a súa oposición aos conservadores, alindándose cos intereses da Asociación "La moralizadora" e do seu líder daquela, o rico comerciante Luís Loureiro Pita. O notario aparece a miúdo nos mitins da sociedade agraria -verán de 1908- e na prensa escribe poemas satíricos contra do Secretario Municipal Eugenio Bañobre de Río, ao que tilda de gran cacique á par que iñorante. Coa vitoria electoral dos Solidarios en 1909, o novo alcalde, José Naveiras Barro, pídelle a García de Quevedo a reorganización do arquivo municipal. O seu compromiso co partido liberal ficará patente no poema “A Canalejas” co gallo do seu asasinato en 1912, cando xa xestionaba a notaría de Quiroga (Lugo).
O pintor Asterio Mañanós veu en repetidas ocasións a visitar a súa familia en San Sadurniño. Algúns dos seus lenzos desta etapa retratan tipos e costumes galegos inspirados nos labregos e paisaxes do noso concello. José García de Quevedo, posiblemente sexa o notario que figura no lenzo "Testamento de aldea", pintado en San Sadurniño arredor do ano 1908 polo seu cuñado Asterio Mañanós. O óleo -de 90 x 137 cm- foi doado ao político liberal galego Eugenio Montero Rios en 1912.
Unha historia que lle aconteceu en San Sadurniño será a base de "A farsa das zocas" de Carbalho Calero.
Temas: Pazo da Marquesa, San Sadurniño (parroquia), visitantes, pintura, poesía
Autor/a: Manuel González Álvarez