San Sadurniño é un paraíso natural. Os miradoiros naturais da Serra de Forgoselo , brava área natural protexida pola Rede Natura 2000; A pena do Rei Mouro, un dos meirandes conglomerados de seixo de Galicia; O Coto Agudo cun absoluto control visual de toda a contorna; o Pico San Vicente, onde se mesturan lenda e historia; os paseos fluviais do Río Xuvia e o río Aceiteiro con máis de 4 km ás beiras do río; O río Castro que destaca polo seu valor natural, ecolóxico e paisaxístico considerado como Lugar de Interese Comunitario; As paisaxes megalíticas, as áreas recreativas das sete parroquias, as máis das 100 fontes do Concello, o arboreto ou a horta de conservación de froitas autóctonas conforman un Concello cun extraordinario patrimonio natural e paisaxístico.
San Sadurniño, 2017
4ª Chanfaina Lab (7). Estrea venres 23 de marzo do 2018.
Directora: Carmen Rey
Colaborador: Fran Gómez Regenjo
Sinopse:"Unha viaxe de exploración por Galicia sen saírmonos de San Sadurniño"
Duración: 5' 23''
Gravada en varias parroquias de San Sadurniño, dentro do programa da 4ª Chanfainalab.
Carmen Rey (Muros,1985). Estudou produción de audiovisuais na Escola de Imaxe e Son de Coruña (2009) e comunicación audiovisual en Pontevedra (2013). Comezou facendo prácticas de produción, mais deseguida pasou a traballar como operadora de cámara ENG en prensa. Como realizadora dirixiu as curtas, "Dobre ou nada" (2009) e "Todos para unha" (2010); mais tamén ten dirixido varios videoclips para artistas como Terbutalina, Medomedá, Xoán Curiel ou Ses. Na súa "canle de Youtube" pódense ver moitos dos seus traballos. En 2014 realizou un vídeo no que pedía ser presentadora do "Luar", que se viralizou nas redes, presentando o programa nun par de ocasións. No eido da comunicación cabe destacar a súa coñecida serie de 11 vídeos da "Esencia de Mazaricos" así como a imaxe corporativa da Asociación "Eu Son Mazaricos" (MZ).
Carmen achegouse a San Sadurniño despois de realizar unha intelixente e recoñecida campaña de posta en valor do seu territorio, Mazaricos. Non traía ningunha idea preconcibida, mais ben viña disposta a deixarse levar pola viaxe, explorando coa cámara as diferentes parroquias na compaña do novo poeta de Rianxo, Fran Gómez Regenjo. Axiña atopouse como "en casa", pois a súa mirada experimentada sobre o rural galego recoñecía temas, referencias visuais e historias que tamén se producían na súa terra: " Chegar a San Sadurniño coa intención de coñecer o entorno e explorar os seus encantos pode tomar máis de dous días. A idea era mostrar e achegar este concello viaxando por un entorno marcadamente familiar para quen vive en Galiza".
"O familiar envolve" é o resultado dese roteiro por Sansa; un fermoso paseo produto da contemplación, unha descrición acertada e chea de retranca da paisaxe natural, patrimonial e humana do municipio. Mais a mirada de Carmen fáísenos familiar, porque non se produce o estranamento do "outro", da mirada externa, - presente noutras pezas da Chanfainalab- xa que, neste caso, aínda que as circunstancias márcanas o lugar e o momento (San Sadurniño, setembro de 2017), a curta é en si mesma un retrato preciso do rural galego e, máis que nada, da idiosincrasia galega "Unha pasarela de imaxes de paisaxes naturais e sociais, estruturadas como una aproximación á road movie tan sinxela como un paseo por San Sadurniño. O espectador pode sentir como este concello mantén a esencia do rural cohabitando cos avances do día a día. É unha exploración dun entorno co que estamos familiarizados aínda que nunca viñeramos antes ata San Sadurniño ". Así pois, dispoñámonos a viaxar cos ollos de Carmen polos grandes e pequenos recunchos do concello, de quen nos mira como se fose "da casa", porque ben puidera ser que Carmen Rey non sexa só natural de Mazaricos, senón de calquera das parroquias de Sansa.
Fotografías de Cesar Galdo e Gabriel Tizón.