![load](/main/templates/v1/img/load2.gif)
Ademais das imaxes, tamén a prensa e os documentos históricos fálannos de San Sadurniño no decurso do tempo: Podes velos en orde cronolóxico aquí , ou consultar algúns datos estatísticos
San Sadurniño, 1921
O verán de 1921 será moi especial nas lembranzas da marquesa Natividad Quindós. Serán as derradeiras vacacións que pase co seu marido, Francisco de Asis Arias-Dávila-Matheu, quen morrerá xustamente un ano mais tarde, en xullo de 1922.
Coma nos veráns anteriores, os marqueses chegaron ao seu refuxio da “vila da tranquilidade” en dous automóbiles. Como gran parte da élite do poder, están preocupados pola inestablidade polìtica e social española e mais aínda tras do asasinato do Presidente do goberno, o coruñés Eduardo Dato en marzo dese ano. Veñen un pouco mais tarde do acostumado, quizais porque o marqués xa non andaba ben de saúde. O día 12 de xullo pasaron por Lugo, “acompañados por la servidumbre”. Días mais tarde -o 22 de xullo- prodúcese outro feito que volverá a conmocionar a España enteira e moi especialmente aos marqueses: o Desastre do Annual en Marruecos, no que faleceron mais de 10 000 soldados e outros tantos prisioneiros. O desastre militar reactivará a Guerra en África coa mobilización xeral dos reservistas. O pazo permanecerá en silencio neste verán, sen músicas ou festas, agás a festa homaxe do 21 de agosto orgaizada polos colonos ao marqués, xa enfermo. A homaxe multitudinaria repetirase en Baltar a fins do mes de agosto.
Apenas se rexistraron visitas dos políticos e aristócratas habituais no verán de San Sadurniño, non só por mor da delicada saúde do marqués, senón tamén pola sensación xeral de abatemento que viven as xentes de toda idade e condición. Nomeadamente os moitos recrutas das parroquias que afrontan un destino incerto en terras africanas. Mesmo algúns desertarán das súas “obrigas” militares emigrando cara América.
En decembro, , un novo atentado contra o Paseo da Fraga porá en evidencia o enconado conflito que os marqueses manteñen cos veciños das parroquias de Igrexafeita e Naraio por mor do vello camiño.
A morte do vello administrador e párroco de san Sadurniño, Felipe Calvo Díaz, tamén é unha nova que afonda as feridas deste verán escuro e de negros presaxios sobre o futuro da vida dos marqueses. O novo administrador será Manuel López Sisto.
Na fotografía os marqueses no seu pazo de San Sadurniño.