Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018 Chanfaina Lab seleccionada no banco de boas prácticas da xestión cultural Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

gastronomía

Receitas e xantares singulares das terras de San Sadurniño: mesóns, bares e tabernas. Os pratos tradicionais do concello son a chanfaina, o bacallau, o o raxo, a carrilleira e o churrasco. E de postre o requeixo ou pastelón.

"O caldo de Marina"

Bardaos, 2024

8ª Chanfaina Lab (7). Estrea: venres 22 de marzo do 2024
Guión e dirección: Bieito Beceiro
Duración: 8' 54"
Música: Kevin MacLeod (incompetech.com) Licencia Creative Commons: By Attribution 4.0 (https://creativecommons.org/licenses/by/4.0/)
Sinopse: “Seguimos moi de preto a preparación do prato máis recoñecido de Marina Gudín: o caldo.”
Gravado na parroquia de Bardaos, dentro do programa da 8ª Chanfainalab



Bieito Beceiro (San Sadurniño, 1998) é un mozo da parroquia de Bardaos. Actualmente está a realizar unha estadía de investigación no Lawrence Berkeley National Laboratory para o seu doutoramento en informática na Universidade de A Coruña. Se ben é certo que para o seu desenvolvemento profesional escolleu o ámbito da informática, dende novo tamén amosou interese polo audiovisual coa realización de varios vídeos sobre a historia local para a materia de Historia durante os seus estudos de bacharelato. Por exemplo, a recreación da "Toma de posesión de Bernardino de Andrade". Ademais dos vídeos “para clase”, o cineasta local tamén realizou pezas como "Pregón do San Pipote", “A vista de cabalo do demo” e "Reparacións interdimensionais" . Estas dúas últimas para as 5ª e 6ª edicións do Chanfaina Lab, respectivamente. Na 5º chanfaina tamén acreditou as súas dotes de actor en "Breixo" de Javier Seoane. Por último, na sétima edición do Chanfaina Lab, ademais da realización de "As vacas desaparecidas", Bieito colabora como co-director e actor da magnífica peza “Interxeneracional” de Xavier Villaverde.

Como en anteriores edicións podemos ollar a xenerosidade de Bieito botando un cabo no que faga falla nos traballos doutros cineastas como "O pano de seda" de Kevin Lorenzo ou "Xangal, detective paranormal" de Xoán R Caridad. Desta volta, despois de darlle unha longa pensada, apostou por homenaxear ao prato estrela da súa infancia e adolescencia: o caldo da súa avoa Marina: "Para esta edición do Chanfaina LAB intentei partir dunha idea concreta e non lanzarme a gravar sen ter nada planeado. En setembro tiña a idea dunha curta de ficción que involucraba as protestas polos parques de macroeólicos, pero non avancei moito, así que decidín cambiar a unha idea máis sinxela. Despois de moitas voltas, pensei en facer algo coa familia, e ocorréuseme retratar a elaboración dun prato de gran relevancia na nosa familia: o caldo de miña avoa Marina. Nun principio, a curta ía comezar cunha escena para motivar a preparación do caldo. A escena, cun carácter cómico, involucraría a miña irmá chegando da escola e dicíndolle á avoa que tiña ganas de caldo e que a ver cando o podería preparar. Chegamos a gravala, pero ao final decidín eliminar a ficción e enfocarme na preparación da receita. Para os planos dende ópticas "peculiares" (como o plano picado dende o reloxo) inspireime na serie Breaking Bad (que volvín a ver por segunda vez hai uns meses). Na serie, este tipo de planos aparecen en numerosas ocasións, e persoalmente gústanme porque reforzan a idea de que o espectador é simplemente un observador. Respecto ao son, estiven valorando se utilizar música de fondo, pero non conseguín atopar nada que me convencese e decidín deixala só nos créditos finais".

"O caldo de Marina" é un potente exercicio narrativo cun punto de partida aparentemente sinxelo: a elaboración dunha pota de caldo. Mais Bieito vai o gran e debulla sistematicamente, plano a plano, todo o proceso gastronómico con sinxeleza de medios, mais cun dominio da elipse que converten esta peza nalgo singular e que para Bieito terá un longo percorrido no devalar da súa vida: "A miña intención con esta peza era retratar dende moi preto a forma na que miña avoa elabora o caldo para preservar o coñecemento, e tamén para homenaxear a relevancia deste prato na nosa familia. Non buscaba crear unha video-receita, senón proporcionar un punto de vista de observación do proceso. Por suposto non é imposible aprender a elaborar a receita de Marina a través da curta. Persoalmente creo que os documentais ás veces poden facerse "pesados", por iso intentei darlle ritmo mediante planos dende ópticas extravagantes e cambiando de plano con bastante frecuencia. En xeral, estou bastante satisfeito co resultado". E non é para menos, porque estamos diante dunha peza fermosa, sólida e madura, como un gran documental que, ademais, mantén ese punto de humor retranqueiro tan característico de Bardaos para que o público remate cun sorriso.
Fotografías de César Galdo


  • "O caldo de Marina"

  • Bieito e Anxela na 8º Chanfainalab

  • Bieito Beceiro na "Eira de cineastas" da 8º Chanfainalab

  • Bieito Beceiro na "Eira de cineastas"

  • Na 8º Chanfainalab. Bieito Beceiro

  • Bieito preparando a ferramenta en Bardaos

  • Público na VIII Gala da Chanfainalab

  • Videosaúdo de Bieito dende California

  • A protagonista, Marina Gundín disfrutando da gala

  • Bieito Beceiro, Raquel Piñeiro e Angela Arnosa na 8º Chanfainalab

  • Onde estaba Bieito na Gala da Chanfainalab?

  • Bieito, actor en "O pano de seda"

  • Imaxe 1 de "O caldo de Marina"

  • Imaxe 2 de "O caldo de Marina"

  • Imaxe 3 de "O caldo de Marina"

  • Imaxe 4 de "O caldo de Marina"

  • Imaxe 5 de "O caldo de Marina"

  • Imaxe 6 de "O caldo de Marina"

  • Imaxe 7 de "O caldo de Marina"

  • Bieito Beceiro presenta "O caldo de Marina"

load

Comentarios

Máis imaxes

Última imaxe

Temas: Bardaos, gastronomías, creador@s, receitas, vídeos, Chanfaina'Lab

Autor/a: Bieito Beceiro

Compartir en: