Olladas das xentes que visitaron San Sadurniño e deixaron testemuñas en forma de textos, imaxes, pinturas ou filmes: visitantes senlleiros,
Naraío, 2023
7ª Chanfaina Lab (21). Estrea: venres 7 de xullo do 2023
Dirección e montaxe: Toño Chouza
Idea e guión: Jorge López
Sinopse: “Videoclip de Guadi Galego. Os contrarios dialogan e os extremos tócanse, pero non achegándose desde unha longa distancia, senón recoñecéndose como partes dunha mesma realidade.”
Letra e música: Guadi Galego
Reparto: Alicia Armenteros, Elena Seijo
Dirección de Fotografía: Marcos del Villar
Etalonaxe: Leticia T. Blanco
Son directo: Daniel Ameneiro Rey
Duración: 4' 42"
Gravado en dixital e 16mm na parroquia de Naraío, dentro do programa da 7ª Chanfainalab. Mellor Vídeo Musical nos XXI Premios Mestre Mateo (2023). Selección Oficial no Festival di Cinema di Cefalù (Sicilia, Italia, 2023). Selección oficial Festival de Cans (2023) e ONED art/experimental Film Festival (Beijing, China) (2023).
Toño Chouza (Boiro). Graduado Superior en Dirección Cinematográfica (ESCAC), licenciado en Filoloxía (USC) e actualmente estudando a licenciatura de Filosofía (UNED). Aínda que a súa carreira enmárcase como director de cine, Toño Chouza tamén é guionista, editor, fotógrafo, publicista e filólogo. A súa traxectoria como cineasta componse de varias curtametraxes, videoclips, fashion movies, videoarte que acadaron premios en festivais nacionais e internacionais. Comezou dirixindo dúas longametraxes documentais para o Consello da Cultura Galega, ainda que a súa carreira derivou á cinematografía publicitaria, como director en Pueblo (España) e Bomba (México). Colaborou con axencias publicitarias de prestixio internacional e para marcas como Coca-Cola, Adidas, Burger King, eBay, Nestlé, Desigual, Abanca, Turismo de Canarias, Almond Breeze, FOX TV o Granada C.F. l. Mais o seu obxectivo é dirixir os seus proxectos persoais en ficción e documental. Recibiu a axuda de Talento AGADIC para a escrita do guión "Unidade Mínima", adaptación libre de "Ensam" (August Strindberg, 1903).
Toño aproveitou a invitación da Chanfainalab para realizar un proxecto no que andaba matinando neses mesmos días. Veu a Sansa cos deberes feitos e un plan de traballo milimetrado: "Facía tempo que Guadi Galego contactara comigo para poñer en imaxes a súa canción NOA. Púxenme en contacto co meu amigo, -tamén director e publicista-, Jorge López, quen pensou unha idea e un guión base, e a partires dela xa tiñamos a peza en proceso. Desde o principio, pensei en NOA como unha peza de contrarios, de extremos que se aproximan, non só na temática, senón na forma, por iso decidimos rodar en celuloide e dixital. O reto consistía en sacar partido á casa de turismo rural na que nos aloxábamos e conseguir diferentes interaccións da actriz principal con ese elemento co que xogan todos os cineastas: a luz. En definitiva trátase dunha peza cunha alta dose de produción creativa, que sen o apoio do ChanfainaLab sería inviable".
"Noa", é un videoclip resultón, de factura visual brillante e fresca que compre á perfección o punto de partida. Tanto Guadi Galego como o equipo ficaron moi contentos co resultado da peza final que ademais foi galardoado co premio Mestre Mateo ao mellor videoclip no 2023:"As primeiras probas non ían acadando os nosas intencións iniciais, sobre todo en relación a factores de produción, pero é algo que acontece sempre e non pode ser unha escusa. Porque o relevante foi que, debido a esas diversas carencias, de repente xurdiron solucións que quizais sexan a alma do videoclip. Mellor non comentar as intencións, e deixalas nun non-lugar. Non partíamos dunhas referencias concretas, pero sí tíñamos ganas de rodar en celuloide e de experimentar esa espera polo proceso de revelado dunhas intencións. Non é un referente concreto, pero gústame a frase da cineasta Maya Deren: "Uso creativo da realidade", que é certo que se pode expandir a practicamente todo o cinema, pero que é a pedra angular tanto do ChanfainaLab coma da nosa peza". Pois iso, deixarvos engaiolar pola frescura visual e a música deste videoclip, chamado a converterse nun clásico polo acreditado talento do cineasta boirense.
Fotografías César Galdo.
Temas: cancións, Chanfaina'Lab, cinema, música, Naraío, vídeos, visitantes
Autor/a: Toño Chouza