Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.
San Sadurniño, 1711
Podemos valorar a boa parte das mulleres que exerceron o Señorío de San Sadurniño durante 427 anos como enérxicas e de gran relevancia social e cultural, entre elas a fundadora Inés de Castro e Lanzós ou Francisca Ventura de Andrade, derradeira gran Señora que habitou permanentemente no Pazo de San Sadurniño ata 1717, honrando así aos seus devanceiros. Os seus sucesores, até o fin do Señorío en 1953 só morarán esporadicamente en San Sadurniño ou en períodos de lecer.
Josefa Cayetana Pardo foi unha extraordinaria muller que ben podería figurar nalgunhas secuencias de “Barry Lindon” (Stanley Kubrick, 1975), “Las amistades peligrosas” (Stephen Frears 1988) ou “La duquesa” (Saul Dibb, 2008), mais tamén obviando as estritas regras sociais da pequena aristocracia rural reflectidas nas primeiras novelas de Jane Austen.
Cayetana Pardo foi muller ilustrada e culta, unha pioneira das "Salonnières", animadoras e promotoras dos salóns ilustrados que animaron a vida social de Europa no século XVIII.
Nacida en 1711 no seo dunha familia da pequena aristocracia de Ferrolterra no suntuoso Pazo de Baltar, construído a finais do século XVI. Os seus pais foran Pedro Pardo de Andrade III e María Antonia de Cora Moscoso e Ulloa.
Pouco sabemos da súa infancia e adolescencia na feliz e acomodada casa familiar. Nesta época ás mulleres estáballes prohibido o acceso ás aulas universitarias, mais isto non representou un obstáculo para acadar unha excelente formación cultural; debeu ter uns magníficos preceptores no Pazo de Baltar, frecuentando faladoiros en conventos e casas fidalgas, o que provocará en Cayetana unha insaciable curiosidade polo coñecemento científico, filosófico e literario. Posiblemente a inqueda Marquesa fora lectora precoz de Frei Benito Xerónimo Feijoo (1676-1764), nomeadamente do seu discurso “Defensa de la mujer" (1726), que cuestionaba a opinión común e a misoxinia da época sobre a inferioridade da muller, defendendo a igualdade intelectual entre homes e mulleres, a dignidade moral da muller e o seu dereito a acceder ao coñecemento da ciencia e a tecnoloxía, as artes e as industrias. Aquela moza ilustrada e rebelde de 18 anos casará nun matrimonio concertado co seu parente e veciño José Jacinto Quindós e Reynoso Andrade e Figueroa, XII Señor e 3º Marqués de San Sadurniño.
A voda representaba un trunfo para ambas casas que así amoreaban unha gran facenda e abondosas rendas nobiliarias. O patrimonio conxunto das dúas casas San Sadurniño-Baltar era moi sólido, un morgado rico en rendas, prata, alfaias, móbeis e terras de todo tipo, dende as salinas da Lanzada a señoríos espallados por Lugo, Ourense e boa parte de Ferrolterra, conformando así unha das sagas familiares máis sobranceiras da provincia de Betanzos ou a diocese de Mondoñedo. Mais non será doado controlar ese inmenso patrimonio. Durante toda a súa vida, o matrimonio afrontou preitos de todo tipo con caseiros e labregos pola posesión de terras ou rendas atrasadas, como no caso do "pleito de la cebada" con labregos de Cerdido, ou foreiros do morgado, -como os Luaces, polas terras da Rubiña-, ademais dun bo feixe de litixios e preitos (38) co Convento do Rosario de San Sadurniño. Daquela, a riqueza radicaba na propiedade da terra. As grandes casas nobiliarias ociosas vivían das rendas dos vasalos, polo que supervisaban constantemente os seus intereses para controlar a produción agraria e dispor de rendas case ilimitadas para manter o seu nivel de vida. Non había marxe para solicitar xustiza ou unha acaída igualdade porque así o determinaba o mandato divino.
Mais a comezos da década de 1730, recén casados Jacinto e Josefa, o destino dos Señores de Quindós/Baltar está a piques de mudar para sempre. A fortuna tíñalles reservado unha gran oportunidade que vai trocar a tradición familiar do señorío, até conformarse como un espazo de poder e influencia social de gran relevancia na contorna.
A decisión de 1726 do Rei Felipe V de construír os Estaleiros Reais e o Departamento marítimo de Ferrol vai transformar por enteiro a vida socioeconómica de Ferrolterra. A decisión tórnase imparable en 1733, cando o rei Felipe V outorgaba a Ferrol a condición de ”vila de reguengo” (pertencente ao estado), cesando o pouco apreciado señorío xurisdicional dos condes de Andrade, Vilalba y Lemos.
Ferrol convértese nunha cidade libre dos ronseis do feudalismo e capital da ilustración. O incremento vertixinoso da poboación e a economía ferrolá estimulará a demanda de materias primas, bens e servizos, ofrecendo novas posibilidades de enriquecemento e ascensión social ás familias nobiliarias, artesáns e comerciantes da comarca. Xentes de toda España acoden á nova cidade das luces. Aquel agromar incesante representaba unha oportunidade para a pequena aristocracia local e así o debeu percibir o xove matrimonio; a posibilidade de prosperar subindo varios chanzos na escala social e asentar sólidos alicerces de futuro para a marca familiar de San Sadurniño.
Cayetana demostrou ser unha muller ilustrada, intelixente e moi especial para a súa época. Posiblemente debeu ser a "culpable" de trasladar a residencia familiar para instalarse na nova cidade de luces e prodixios a finais da década de 1730. Porén, o Pazo de Baltar representará sempre unha referencia emocional da familia; de feito, alí nacerán parte dos seus fillos e no Pazo construirá o panteón familiar onde van enterrar a familia ata a súa cesión aos claretianos en 1910
A casa da Marquesa de San Sadurniño recibirá con expectación curiosa todas as ideas ilustradas procedentes do mar, e amosará un gran interese en favorecer as artes e as letras. Nos salóns da nova casa dos marqueses en San Francisco 6, organizábanse acotío festas e bailes para a sociedade máis chic de Ferrol e os círculos intelectuais ilustrados, sendo frecuentada por militares, artistas, músicos, mariños e científicos. Moitos serán os xefes e enxeñeiros militares amigos de Cayetana, como o intendente e comisario de guerra Antonio Perea, Cosme Álvarez de los Ríos (responsable das obras do Arsenal e Estaleiro de Ferrol), o militar, enxeñeiro e arquitecto Julián Sánchez Bort, os seus amigos íntimos, o comandante Cosme Álvarez, e Francisco Orozco, Miguel Gastón; o acaudalado terratenente José María Bermúdez. E de cando en vez, a Marquesa agasallou a sobranceiros visitantes ocasionais como o mesmísimo Marqués de la Ensenada, secretario de Facenda, Guerra, Mariña e Indias, posiblemente o ilustrado Jorge Juan, Juan Luis Roche, ou Martín Sarmiento entre outros. Arredor de 1753 o Cura de Fruime visitará San Sadurniño e adicaralle un poema á Marquesa.
Poderíamos asegurar que, para calquera ilustrado que se achegara a Ferrol, visitar a casa de Cayetana Pardo era unha obriga e unha oportunidade. A Casa de San Sadurniño/Baltar é unha das familias máis influentes e poderosas de Ferrolterra arredor de 1750, o ano da morte de Johann Sebastian Bach.
Podes seguir lendo esta historia aquí
,
Temas: Señores de San Sadurniño, Pazo da Marquesa, Convento do Rosario, conflitos, patrimonios, Sagas, xente
Autor/a: Manuel González Álvarez