Ademais das imaxes, tamén a prensa e os documentos históricos fálannos de San Sadurniño no decurso do tempo: Podes velos en orde cronolóxico aquí , ou consultar algúns datos estatísticos
San Sadurniño, 1990
As eleccións municipais de maio 1987 deixaron un resultado complicado para a gobernabilidade do Concello: catro concelleiros do PSOE, catro de "Alianza Popular" e tres dos "Independientes". Era un goberno inestable e imposible sen pactos electorais. A falta de acordo entre Populares e "Independientes" levou por segunda vez á alcaldía ao socialista Manuel José Lamas, gobernando en minoría, mais tendo por diante unha lexislatura convulsa, incerta e difícil -con ampla repercusión na prensa galega- e que rematará cunha moción de censura tres anos despois.
De feito, dende o principio, a meirande parte das propostas do equipo de goberno non contarán co apoio da oposición, ben sexan os orzamentos municipais, as obras de comunicación coa zona industrial ou calquera iniciativa dos socialistas. Alianza Popular
aproveita esta situación para denunciar a paralización administrativa, mentres as vellas arelas do concello como o Centro de Saúde ou o mal estado da praza do Concello non se afrontan. Tamén os "Independientes" critican ao goberno municipal de "despotismo, oscurantismo, rutina e inercia administrativa".
No verán dese ano prodúcese a catástrofe ecolóxica do Xuvia, que encirrou aínda máis á opinión pública local.
Case a finais do ano 1988, os catro membros do equipo de goberno non son capaces de sacar adiante os orzamentos municipais, ante a oposición activa dos sete concelleiros da oposición. Esta esixe acordos para "normalizar" a actividade municipal, amagando coa presentación dunha moción de censura que non chegará a materializarse, segundo se dicía na prensa, entre outras razóns pola "incompatibilidade das persoas".
De feito, en xullo de 1988, o alcalde xa recoñecía a necesidade dun pacto cos "Independientes": "Sabemos que no tenemos la mayoría y que tenemos que pactar". Durante varios días a través da prensa pódese asistir as ofertas, contraofertas, e acusacións mutuas de "Independientes" e "Populares" polo fracaso da moción de censura.
Ao fin, a mediados de novembro de 1988 acádase o ansiado pacto de goberno entre Socialistas e "Independientes". O acordo desbloquea a inestabilidade municipal que se vivía en San Sadurniño dende maio de 1987. O pacto inclúe os nomeamentos de Fernando Barro como 1º tenente de alcalde e Serafín Gudín Sabín coa Delegación de Urbanismo. O programa do "bipartito" comezou coa aprobación dos orzamentos de 1988 entre as críticas dos populares á xestión municipal de PSOE e "Independientes".
O programa incluía ademais a construción do Centro de Saúde, a remodelación da praza do Concello, a Casa de cultura, o Centro de Ensino Secundario, a aprobación dunha normativa urbanística favorecedora da creación de vivendas no centro de San Sadurniño, o polígono industrial e a construción en cada parroquia dunha pista polideportiva.
Mais o matrimonio PSOE e "Independientes" -agora integrados no Partido Nacionalista Galego (PNG)- durou un ano escaso. Asinouse ao fin o convenio co Bispado para os solares do Centro de Saude, a casa de Cultura ou os terreos da futura Área recreativa de Currás e xuntos sufriron o fiasco da papeleira Papelga; presentáronse as normas subsidiarias que provocaron airadas protestas de algúns veciños desconformes pola previsión de rúas lonxitudinais na Avda de Figueroa, por consideralas moi negativas para as súas propiedades e o comezo das obras da Praza do Concello.
A primeira manifestación pública do divorcio anunciado foi cando os socios do PNG, non acoden a unha xuntanza do grupo de goberno de xaneiro de 1990, molestos polas criticas socialistas ao labor de Serafín Gudín en Bardaos. O alcalde retíralle varias competencias aos seus socios nacionalistas. A partir desde feito, a espiral de críticas e contracríticas foi en aumento, chegando mesmo a votar coa oposición. O alcalde Lamas cesa aos dous concelleiros do PNG, dándose por disolta a coalición de goberno. A recén creada asociación do BNG en San Sadurniño -que conta con só 24 militantes- publican o seu primeiro comunicado acusando ao PNG de "caciquismo light" e de practicar unha política de bandazos. Polo demais, tamén os socialistas descalificaron as novas posicións adoptadas por Fernando Barro e o PNG.
Como non podía ser doutro xeito, a lea remata o 21 de abril de 1990 cando trunfa a moción de censura e o alcalde Lamas acepta con deportividade democrática a súa derrota. Considera que o seu principal legado é a industralización de San Sadurniño (Intasa, El Cisne, Papelga, Maffezini), a mellora substancial na comunicación entre os diferentes lugares e aldeas do concello e as normas urbanísticas que tiñan como estratexia a creación dun centro urbano. Por outra banda, Fernando Barro xustifica o seu cambio de postura cunha frase de Churchill: "No hay enemigos eternos ni amigos permanentes"
O novo alcalde será Constantino Bedoya do Partido Popular.
Na ilustración, reportaxe sobre a moción de censura en San Sadurniño publicado na Voz de Galicia o 22 de abril de 1990