Olladas das xentes que visitaron San Sadurniño e deixaron testemuñas en forma de textos, imaxes, pinturas ou filmes: visitantes senlleiros,
A Vella Morta, Santa Mariña do Monte, 2015
2ª Chanfaina'Lab (3). Estrea venres, 4 de marzo do 2016
Directora: Sandra Sánchez
Participantes: Matías Bescós Antón e Pancho Bescós Palacios
Sinopse: "Matías ten oito anos, e vive nunha casa illada rodeada de bosques. Alí, o neno creou o seu pequeno e secreto universo".
Duración: 10’ 29’’
Gravada nos días 5 e 6 de setembro do 2015 no lugar de A Vella Morta, parroquia de Monte, dentro do programa da Chanfaina' Lab.
A peza viaxou por varias localidades de Galicia e foi seleccionada en Zinebi (Bilbao), Three Wolves Film Festival (Eslovenia), finalista en el II Certamen de Cine Lento (Guadalajara), Cinema Crianza (Ames, A Coruña), Shortcup World Film Festival (Brasil), Cine en mi Barrio (Colombia).
Nada en Narón, Sandra Sánchez está considerada unanimemente como unha das cineastas máis relevantes do audiovisual galego. Guionista, realizadora e montadora de longa traxectoria na industria, acadou renome internacional coa multipremiada longametraxe documental "Tralas luces", coa que acadou sona e prestixio no ámbito da crítica cinematográfica.
Sandra achegouse a San Sadurniño coa intención de realizar un documental sobre Matías, un neno de oito anos que vive en A Vella Morta, un lugar illado e rodeado de bosques na parroquia de Santa Mariña. Mais ao coñecer ao neno protagonista, a cineasta tirou do fío sutil que conduce á mestura de documental e ficción: "A historia de Matías foime levando por outros camiños e comecei a concibir o filme como un conto, sobre a perda da infancia e do universo máxico dun neno, como unha parábola do paraíso perdido. Son temas que sempre me interesaron como cineasta: o devalar do tempo sobre as cousas e o mundo da infancia".
A cámara de Sandra rexistra e acompaña os soños e fantasías de Matías, aventurándose polos seus cinco bosques secretos. Mais quizais o neno está a piques de deixar de selo e no camiño perda tamén ese universo propio, como os adultos perdemos nalgún momento a inocencia. "Matías" é un pequeno gran filme que destila lirismo, tenrura e fermosura, cargando de sentido o obxectivo dunha verdadeira cineasta: amosar, revelar e ir mais aló do mundo inmediato que temos diante. O filme invítanos a lembrar os paraísos perdidos de cada espectador e apela directamente a ese momento preciso en que lembramos a infancia como un soño.
Temas: animais, visitantes, Santa Mariña do Monte, nenos e nenas, vídeos, lendas, Chanfaina'Lab
Autor/a: Sandra Sánchez
Vídeos:
Tralas Luces (trailer)