Olladas das xentes que visitaron San Sadurniño e deixaron testemuñas en forma de textos, imaxes, pinturas ou filmes: visitantes senlleiros,
Ferrol, 1755
O erudito e ilustrado galego Frei Martín Sarmiento visitou en dúas ocasións a cidade de Ferrol. A primeira vez foi en 1745 percorrendo o "Camiño Inglés". A segunda estadía do sabio galego producirase dez anos despois, do 12 ao 23 xuño do 1755, ,“para ver las obras de Ferrol”, atraído pola sona que estaba a acadar a cidade departamental como núcleo tecnolóxico e ilustrado de Galicia, e onde se estaba a construír o arsenal naval máis innovador do seu tempo.
Nesta segunda viaxe chegou ao Mosteiro de Xuvia o día 12 de xuño cara a noitiña. O día 14 saíu para San Andrés de Teixido polo vello camiño de San Andrés pasando ao carón do monte Esperón e a parroquia de Santa Mariña do Monte. O día 16 retorna ao Ferrol, sendo invitado de honra da viúva de 43 anos Josefa Cayetana Pardo de Moscoso, III Marquesa de San Sadurniño, que daquela xa vivía en Ferrol na rúa San Francisco 6-9 agasalla con dous opíparos xantares ao ilustrado beneditino. Deberon ser de moito interés as conversas entre o sabio beneditino, que tiña daquela 60 anos e a marquesa, ao parecer favorecedora das artes e das letras. Casualmente no mesmo mes -11 de xuño de 1755- oxesuíta José Francisco de Isla. (1703-1781) visita Ferrol. Ignoramos se entrou en contacto coa marquesa. O propio Sarmiento da conta persoal do trato coa viúva Cayetana:
“He tenido el honor de visitar á mi Señora la Marquesa de San Saturnino, quien se esmeró en favorecerme, y regalarme. Y he celebrado muchísimo tan feliz ocasión; pues, aunque había oído grandes elogios de las altas prendas de su Señoría me enseñó la experiencia, que habían quedado cortos los que me habían informado”.
Podes ler en Documentos un artigo de Juan J. Burgoa sobre a viaxe de Frei Martín Sarmiento ao Ferrol.