Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018 Chanfaina Lab seleccionada no banco de boas prácticas da xestión cultural Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

xentes

Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.

Manuel Couce Díaz, alcalde

San Sadurniño, 1877

Alcalde de San Sadurniño (1877-1883)
Pedro Couce é un adiñeirado propietario de Monte que aparece como concelleiro imprescindíbel nas primeiras corporacións municipais de San Sadurniño en 1838, 1841, 1842, 1846, 1850 e 1854. Casou con Antonia Díaz coa que tivo varios fillos, alguns deles foron concelleiros en diferentes corporacións municipais. Un deles será Manuel Couce Díaz, home que formaba parte das "boas familias" do San Sadurniño daquela e moi afín ao partido conservador canovista. Tiña ademáis probada experiencia municipal, pois estivera co alcalde Justo Álvarez Sierra en 1850 e 1856 e tamén foi o 1º tenente de alcalde con José Díaz Aneiros . Quizais sexan as razóns polas que fora elixido polo gobernador Civil para substituilo o 19 de agosto de 1877 por enfermidade.
Manuel Couce casara con Antonia López Ferrer coa que tivo seis fillos: Andrés, Juan, Antonio, (emigrantes en Cuba), Amalia, Manuela (casada con Domingo López) e María Josefa Couce López (casada ao seu pesar con Luis Loureiro Pita).
Contará coa mesma corporación: Manuel Piñón (Ferreira) pasa a 1º tte alcalde; Julián González 2º tte alcalde; Tomás Cobelo Fernández, síndico (Lamas); Antonio Pérez; Domingo Fernández Fernández; Francisco Fernández; Francisco Ramos; Vicente Castrillón Mesía (Lamas); Manuel Piñón (Ferreira); Juan Campos; Juan Carregado e José María Castro.No 1881 entran Juan Rico; José Bouza e José Meizoso. Tomás Rico é o xuíz municipal

Ao mes de tomar posesión, o Goberno canovista publica a "Lei municipal de 1877" que establece o regulamento da actividade municipal na nova etapa política iniciada coa Constitución de 1876 e que estará en vigor ata 1924. A nova lei restrinxía a autonomía municipal e convertía os Concellos nun simple órgano económico-administrativo controlado polo goberno de turno. Só podían participar nas eleccións - e ser elixidos- os maiores contribuíntes do municipio. O primeiro mandato do novo alcalde será unha auditoría completa das contas municipais dende 1867. Saen ben parados os balances das anualidades do 67-68; 68-69 e 69-70; nas do 70-71 xa case non apareceu documentación, faltando numerosos comprobantes de todo tipo; as do 71-72 e 72-73 presentan erros administrativos dabondo. Por outra banda, moitas das actas están sin asinar e moi descoidadas pola ineficiencia do Secretario municipal Serafín Alende..
En consecuencia, Antonio López Torrens será nomeado secretario oficialmente “por hallarse adornado de las dotes de aptitud honradez y capacidad ...”(18/7/1878).
Manuel Couce semella un alcalde que se toma a peito o seu traballo. Lamentablemente faltan as actas municipais dos anos 1879,1880, 1881 e 1882, polo que dispoñemos de escasa información sobre a súa traxectoria durante os case seis anos de mandato.Sabemos que cara o final do seu mandato, en 1882, o Marqués comezou a reforma integral do Pazo dos seus devanceiros.
A novidade mais importante será a posta en servizo sanidade pública en San Sadurniño, concello cunha mortalidade infantil do 40%. Un concurso público trae ao fin un médico para atender ás familias pobres en 1878. O médico interino será Manuel Constenla da Cal, veciño de Xubia. Serafín Alende acada o posto de practicante. Segundo o contrato, o médico debe atender aos pobres do distrito sen cobrarlles honorarios. Serán considerados pobres os que non teñan declaradas en territorial 25 pesetas de riqueza liquida impoñible. Tamén deberá expedir certificados de defunción aos pobres gratuitamente e aos non pobres 1 peseta por certificado. Asemade teñen a obriga de asistir aos casos de urxencia xeral que se declaren no municipio, colaborar nos exames médicos aos quintos dos reemprazos ou asesorar ao Concello en cuestións sanitarias.
Os impostos seguen a ser xestionados polos establecementos comerciais en lugar de ultilizar medios públicos. Os donos de establecementos que cobran os impostos de consumo neste distrito en decembro de 1878 son Ángel Saavedra, Luis Loureiro Pita, Antonio Gil; Placido Cal (Igrexafeita); José Rodríguez –en nome da súa nai Antonia Osorio-; Miguel López (Igrexafeita); Tomas Cobelo (Lamas); Vicente Cobelo (Ferreira) e Teresa López (Monte).
Polo demais, as brigadas parroquiais para o arranxo de camiños e pontes acometen algunhas obras de vital importancia como a ponte de Pielas en Naraio ou o "pedrón da riveira" en Igrexafeita.
O 1 de xullo de 1883, o goberno municipal xa estaba ao cargo de Juan Casal Fernández.
Manuel Couce falece en San Sadurniño o 9 de xullo de 1883 de andocarditis.

  • Manuel Couce Díaz, alcalde

  • Sinaturas da corporación municipal de Manuel Couce

load

Comentarios

Máis imaxes

Temas: Lamas, Alcaldes de San Sadurniño, San Sadurniño (Concello), xente

Compartir en: