O devalar no tempo do traballo: os labores agrarios e gandeiros, artesáns, as feiras, comerciantes e taberneiros: animais , bares e tabernas, emigración, feiras , gandería , labregos e labregas, oficios artesanais, tecidos, o traballo nas hortas datos estatísticos
Igrexafeita, 2016
3ª Chanfaina'Lab (6). Estrea venres, 24 de marzo do 2017
Director: Abel Vega.
Sinopse: "Documental sobre o proceso da elaboración de pan nun forno de casa labrega, segundo os métodos tradicionais".
Duración: 12'18”
Gravada nos días 5 e 6 de setembro do 2016 na parroquia de Igrexafeita dentro do programa da 3º Chanfaina' Lab.
O veciño de Igrexafeita Abel Vega xa nos sorprendera na 2º edición da Chanfainalab coas súas creacións audiovisuais. Abel traballou arreo durante toda a vida na construción, mais unha enfermidade laboral apartouno do seu oficio. Inquedo e activo, aos seus 58 anos, segue a vivir unha segunda xuventude. Como él mesmo afirma con humor, agora dispón de tempo para atender ás catro galiñas da casa, colaborar no que pode coa Asociación veciñal Adiante Igrexafeita, tocar o acordeón e gravar vídeos con vocación didáctica, que perpetúen a memoria local tanto a nivel patrimonial como etnográfico. Podes ver algúns dos seus filmes en Fálame de San Sadurniño para comprobar o seu amor polos fermosos recunchos da paisaxe humana e natural da súa patria da infancia, a querida parroquia de Igrexafeita.
Nesta edición, Abel tivo tempo para cavilar sobre o tema do seu filme. Despois de gravar varias videocartografías dos muíños do seu entorno, pareceulle natural continuar o proceso da fariña moída ata o seu seguinte fito: a fabricación do pan en forno de leña. Abel pensa que a civilización moderna está botando a perder unha das costumes mais enxebres do campo galego: a elaboración do pan en fornos de casa. "É unha tradición que había e que desgraciadamente estase a perder. Antes aquí, en Igrexafeita, cocíase en todas as familias. Eu construín un forno na miña casa e gravei o vídeo para que quede o recordo de cómo se facía. Todo canto se ve é o proceso sinxelo e natural , tal como o fago, con imaxes e procesos auténticos, sen fantasía algunha, como me gustan a min as películas. Non hai moito máis que explicar: vese o proceso de preparación do forno, a elaboración das masas, o afornado, etc, para que as novas xeracións tomen conciencia do traballo que hai detrás de cada fogaza ou bolo de pan"
"Mañá cocemos" é un documental de corte clásico que pretende amosar o traballiño que supón a produción caseira de pan para consumo familiar. Coa cámara de Abel percorremos o seu ciclo completo, dende a limpeza e preparación do forno ata o apetitoso resultado final. Unha actividade humana nacida hai miles de anos, fundamental na economía e vida cotiá das familias labregas de sempre, mais que hoxe resulta case imposible coñecer de preto. Mágoa que o vídeo aínda non incorpore o sentido do olfacto para ulir o arrecendo marabilloso a pan recén feito que sae do forno de Abel. De interese especial para todos aqueles que non coñecen este proceso. "Pensei en facer este vídeo porque a xente nova coida que ao mellor o pan sae dándolle au botón e descoñece os traballiños e tarefas que leva a elaboración dunha simple peza de pan", afirma este veciño bo e xeneroso, comprometido coa memoria e transmisión dun xeito de vida que esmorece pouco a pouco. Reflectir a autenticidade, este é o obxectivo deste veterano sen complexos e decidido a participar na Chanfainalab ata que o corpo aguante.
Fotografías de Cesar Galdo
Abel contra a “maría”
Temas: Chanfaina'Lab, creador@s, gastronomías, Igrexafeita, labregos e labregas, receitas, traballos, vídeos
Autor/a: Abel Vega Vega
Vídeos:
"A pena dos tres pés"
"O Muiño dos Gaiteiros"
"Muiño de Solposto"
"O muíño do Porto"