San Sadurniño é un paraíso natural. Os miradoiros naturais da Serra de Forgoselo , brava área natural protexida pola Rede Natura 2000; A pena do Rei Mouro, un dos meirandes conglomerados de seixo de Galicia; O Coto Agudo cun absoluto control visual de toda a contorna; o Pico San Vicente, onde se mesturan lenda e historia; os paseos fluviais do Río Xuvia e o río Aceiteiro con máis de 4 km ás beiras do río; O río Castro que destaca polo seu valor natural, ecolóxico e paisaxístico considerado como Lugar de Interese Comunitario; As paisaxes megalíticas, as áreas recreativas das sete parroquias, as máis das 100 fontes do Concello, o arboreto ou a horta de conservación de froitas autóctonas conforman un Concello cun extraordinario patrimonio natural e paisaxístico.
San Sadurniño, 2015
Chanfaina'Lab (8) Estrea venres, 13 de marzo do 2015
Título: Madeira de Piñeiro e Nova Zelanda non quedaba tan lonxe
Director: Brais Breijo
Edición: Dani Lema
Duración: 4' 23"
Sinopse: "Xogo irónico que localiza en San Sadurniño superproducións de Hollywood ou populares series de TV."
Gravado nas parroquias de Igrexafeita, Naraío e San Sadurniño o 6 e 7 de setembro de 2014 dentro do programa da Chanfaina' Lab
Brais Breijo nado en San Sadurniño está a comezar a súa traxectoria como actor, músico e director. Integrado no Coro Gaos alterna participacións actorais en curtas, teatro e series de TV coa realización de filmes como "Vida mariñeira: a pesca no Gran Sol" que foi o seu proxecto de graduación na Facultade de Comunicación de Coruña. Na peza que realizou para a Chanfaina'lab mestura dous aspectos do audiovisual que lle apaixonan: as localizacións e a música. Brais homenaxea ao seu concello natal cun xogo retranqueiro que amosa diversos lugares de San Sadurniño como territorio de posíbeis localizacións para películas ou series de contrastado éxito popular: A través de "Madeira de Piñeiro e Nova Zelanda non quedaba tan lonxe", percorremos varios lugares do concello como si fosen Lothlórien, o mítico país dos elfos (Igrexafeita); Invernalia de "Juego de Tronos" (Naraío); Wisteria Lane de "Mulleres desesperadas" (Marqués de Figueroa); o máxico Colegio Hogwarts de "Harry Potter" (Convento do Rosario); a elegante "Downton Abbey" (Pazo da Marquesa) e a sordidez de "American Horror Story" (cemiterio de San Sadurniño). "Pretendo amosar con humor e ironía o potencial do concello para facer grandes cousas que non teñen nada que envexar ás localizacións mais recoñecidas e populares internacionalmente”.
De xeito que, reláxense e gocen das posibilidades visuais deste concello, porque calquera lugar fermoso ou especial do planeta pode "localizarse" tamén en San Sadurniño.
"Ben, o título se cadra é algo críptico pero ten a súa explicación. A primeira é unha chiscadela cinéfila: "Madeira de pino" en inglés sería Pinewood, o nome que levan os estudios nos que se filmaron as entregas de Harry Potter e parte das localizacións da exitosa serie británica Downton Abbey, entre outras. Por outro lado, en Nova Zelandia -país natal de Peter Jackson- é onde se rodou a adaptación cinematográfica da saga de Tolkien "O señor dos Aneis". Para Brais Breijo tanto a unha como a outra ben se poderían ter feito en escenarios de San Sadurniño e de aí que a peza ironice en certa maneira sobre a necesidade de marchar "tan lonxe" para facer estas e outras producións." Da web do Concello
Temas: castelo de Naraio, Chanfaina'Lab, cinema, Convento do Rosario, creador@s, Igrexafeita, Naraío, naturezas, Pazo da Marquesa, San Sadurniño (Concello), San Sadurniño (parroquia), vídeos, videocartografías
Autor/a: Brais Breijo