Outeiro, San Sadurniño, 1908
O 28 de xaneiro de 1906 promúlgase a lei de sindicatos agrícolas. Dita lei permite a asociación de campesiños en cámaras agrarias ou comunidades para a adquisición de abonos, trebellos, ou para acadar unha correcta exportación de produtos. Ao abeiro da lei creáronse numerosas asociacións agrarias en Galicia que ficarían por coordinarse e participar políticamente na defensa dos intereses dos labregos, como no movemento "Solidaridad gallega" .
En xuño de 1908 nace en San Sadurniño a Asociación labrega "La Moralizadora" cun certo caracter anticaciquil. A sede social inicial estaba na casa do seu Presidente, o adiñeirado comerciante Luis Loureiro Pita. En xuño de 1908 aprobáronse os Estatutos dunha sociedade á que podía pertencer "cualquier persona mayor de 18 años, hombre o mujer, avecindado en este distrito municipal, ya sea propietario o arrendatario de fincas rústicas o que se dedique a trabajar en el campo o en otras faenas que se relacionen directamente con el campo". A cuota para formar parte da sociedade "será de 25 céntimos. Podrán también ingresar en la Sociedad, sin satisfacer cuota alguna, los que sean probadamente pobres, pero su número no excederá del 5% y serán admitidos mediante informes de los vocales de las respectivas parroquias de que sean vecinos" . Esta limitación foi abolida en 1920. O artigo terceiro establecía que "a ningún socio se le preguntará si es creyente o no ni si profesa estas o aquellas ideas políticas, sino que defenderá por igual e indistintamente a todos sus socios".
O 15 de agosto de 1908 elíxese a Xunta directiva da Asociación, quedando constituída do seguinte xeito:
Presidente: Luis Loureiro Pita, propietario varios establecementos comerciais en San Sadurniño.
Vicepresidente: Eladio Rivas Suárez, farmacéutico (San Sadurniño)
Secretario: Manuel Vigo Pérez, labrego (Ferreira)
Vicesecretario: Fulgencio Sanmartín Fernández, labrego (Igrexafeita)
Contador: Ceferino González González (San Sadurniño)
Tesorero: Ángel Pouso Romero, comerciante (Lamas)
Vocales: Manuel Cobelo Castrillon (San Sadurniño); José Rodríguez Canosa (Bardaos); Rafael Muiño Fernández (Lamas); José Naveiras Barro (Igrexafeita); Manuel López Lamas (Igrexafeita); Antonio Méndez Yañez (Bardaos); Francisco Torrente Vigo (Naraío); Antonio García López (Naraío); Manuel López Fontao (Monte); Manuel López Vigo (Monte); José Castro López (Ferreira) e Guillermo Barro Casal (Ferreira).
Nun principio algúns non se quixeron afiliar ao Sindicato agrario e mesmo houbo algún tipo de liorta como a que lle aconteceu ao veciño de Ferreira e concelleiro municipal (1897-1905) Antonio Castro Varela, quen resultou agredido "por non afiliarse". No seu inicio "La Moralizadora" foi apoiada polos liberais e progresistas que vivían en San Sadurniño daquela como o notario José García de Quevedo ou o pintor Asterio Mañanós. En xaneiro de 1909 "La Moralizadora" pasou a integrarse no movemento Solidario e nas eleccións municipais de decembro de 1909 acadaron un aplastante trunfo botando do cargo á camarilla municipal presidida polo alcalde Angel García Fernández. Un dos vocais da Asociación, José Naveiras Barro, será o novo alcalde de San Sadurniño.
Lamentablemente os solidarios disolveránse por disensións internas, mais "La moralizadora" seguirá exercendo unha gran influenza política en San Sadurniño ata a súa disolución na Guerra Civil de 1936. Chegará a contar con 767 socios e políticamente eran afíns aos republicanos de centrodereita de Leandro Pita Romero. Un dos seus presidentes, Vicente Castro Naveiras, chegará a ser alcalde de San Sadurniño durante a 2ª República, así como varios concelleiros do goberno municipal republicano de 1931-1936. A sede da "Moralizadora" principiou no domicilio de Luis Loureiro Pita en 1908. Os concurridos mítines da sociedade celebrábanse na finca do mosteiro, propiedade de Loureiro Pita. En xullo de 1912 a sede social pasou á casa do industrial Víctor López de la Ballina; en 1916 no baixo dunha casa do comerciante José López Torre; en 1920 foise para Penavidrieira (Naraío) á casa do secretario Andrés Piñeiro. No ano 1924 trasládase ao lugar de Chao (Naraío) na casa de Juan Carregado; en 1927 estaba xa en Igrexafeita; durante a República estaba no lugar da Seara (Ferreira) nunha casa de José María García Tuimil.
Co sublevación militar do 18 de xullo de 1936 a Sociedade foi incautada pola Garda Civil o 18 de agosto de 1936. Foron requisados: unha silla, seis bancos, unha mesa, un armario, unha cómoda e 868’20 ptas. O local foi devolto ao seu arrendatario José Maria García Tuimil.
Descarga os documentos e o texto escrito por Xavier Brisset publicado en "Pegadas" (xaneiro 2007). Na ilustración, selo da Asociacón
Temas: labregos e labregas, traballos, Ferreira, asociacións históricas, conflitos, Igrexafeita, Naraío, San Sadurniño (Concello)
Autor/a: Manuel González Álvarez