Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018 Chanfaina Lab seleccionada no banco de boas prácticas da xestión cultural Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

xentes

Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.

Justo Álvarez Sierra, alcalde 1863

Casal, San Sadurniño, 1863

Alcalde de San Sadurniño (1846-1848); (1850-1854); (1856-1860), (1863-1864); (1868-1869)
A comezos de 1863 Justo Alvarez Sierra inicia o seu cuarto mandato substituíndo a Hilario Fernández. Pouco o nada coñecemos deste bienio porque as actas de 1863 non están no Arquivo municipal e as de 1862 apenas conteñen información. Sabemos que o equipo de incondicionais do todopoderoso "Don Justo" son vellos coñecidos: José Cibreiro Fernandez, 1º tte alcalde, (Monte); Marcos González (2º tt alcalde); Francisco Bastida (SS); Gregorio Beceiro (Monte); Pelayo Grandal (Ferreira); Gregorio Rey Rodríguez (Lamas); Pascual Durán (Naraío); Nicolás Fernández; Domingo Fernández Fernández; José Salas Lago (SS); José Sisto Viladoniga (Bardaos); Félix Soto Lago (Naraio); Domingo Luaces Domínguez (Ferreira); José Piñón Alonso (Igrexafeita) e Rafael Freire (Igrexafeita).

A través da revista "Pumariño" coñecemos o feito mais importante deste bienio e un dos mais significativos do século XIX en San Sadurniño: a utilización do edificio do Convento do Rosario para a instalación da Casa consistorial e as escolas públicas.
Foi o 3 de xuño de 1863 cando a corporación municipal de Justo Álvarez Sierra vese na obriga legal de aplicar a Lei en San Sadurniño e buscarlle digno acomodo aos novos mestres, Tomás Mariño e María Áurea Mariño López, de cara o seguinte curso académico. Unha comisión formada por catro concelleiros (Cibreiro, Salas, Rey e Bastida) tentará inutilmente topar cun local axeitado en San Sadurniño; tras de rebuscar por toda a parroquia, conclúe no seu informe: “que ni uno solo (edificio) halló que reúna las condiciones más indispensables y por consiguiente tuvo que fijarse en el ex-convento de Dominicos, cuya capacidad ofrece, en gran escala, suficiente espacio no solo para excelentes salas de enseñanza y habitación de los maestros, sino también para la casa Consistorial”.
Porque, aplicado o Real Decreto de 25 de xullo de 1835, que suprimía os mosteiros e conventos que no tivesen doce individuos profesos, había xa 27 anos que o mosteiro pasara a ser de propiedade pública, mais o concello tivera o pouco tino de manifestar que “o edificio non tiña ningunha utilidade”, e de feito tentou poñer en venta o antigo convento, aínda que sen éxito algún. Por motivos relixiosos, o edificio adicouse por enteiro a casa reitoral, mentres pagábanse alugueres polas escolas e as oficinas do concello.
O párroco de Santa María de San Sadurniño daquela, Manuel Moreira, aceptou de bo grado a petición municipal e ofertou espazos do xa deteriorado edificio conventual para sede do Concello, escolas e vivendas de mestres: “el edificio que desde la escalera principal sube al claustro hasta la sacristía en el bajo; y en el alto hasta la pieza que fue depósito”, ademais dalgúns arranxos menores. Na sesión municipal celebrada o 17 de xuño de 1863 aceptábase a proposta do párroco. O “ingeniero de caminos y canales José Portela, que está construyendo la carretera” será o encargado do proxecto técnico "no seu tempo libre". Ao fin, o Bispo de Mondoñedo en oficio de 13 de outubro de 1863 aproba o proxecto definitivo da cesión.
Así foi cómo o Concello de San Sadurniño disporá dunha sede digna durante os seguintes 150 anos, xusto ata o 23 de xuño do 2014, no que se trasladou para o Pazo da Marquesa.
O final do bienio, o gobernador civil procedeu ao relevo normal da alcaldía a José Piñón Alonso. Mais o incombustible Álvarez Sierra ainda terá un quinto mandato en 1868

Justo Álvarez Sierra, alcalde 1863

Documentos:

Os comezos do Concello de San Sadurniño

Comentarios

Máis imaxes

Temas: San Sadurniño (Concello), Alcaldes de San Sadurniño, xente

Compartir en: