Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018 Chanfaina Lab seleccionada no banco de boas prácticas da xestión cultural Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

xentes

Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.

Juan Fernández Calvo, alcalde

Baluarte, Monte, 1916

Alcalde de San Sadurniño (1916-1917)
Juan Fernández Calvo naceu en Monte-Baluarte en 1856. Era fillo de José Fernández e Josefa Calvo. Do seu matrimonio con Dolores Couce nacerán tres fillos: Manuel, Ignacio e Josefa Fernández Couce. Xa andaba pola corporación municipal en 1897 co alcalde José María Díaz Rodríguez e Antonio Cibreiro Pérez ata 1905. Repetiu de novo como concelleiro en 1909 con Ángel García Fernández; en 1910 foi primeiro tenente de alcalde con José Naveiras e seguiu como 2º tenente de alcalde con Pelayo Casal e José Yáñez Pena. E dicir, xa levaba no Concello 16 anos e ao fin, con 62 anos de idade acadou o bastón da alcaldía o día 1 de xaneiro de 1916. Os seus compañeiros de corporación serán: Antonio Bouza Garcia ( tte alcalde), Rivoira; José Sueiras López (2º tte alcalde) Silvalonga; Manuel Dopico Díaz (Síndico), Albeiro; Cipriano Casal Castro ,( Interventor), Naraío; José Yáñez Pena (Igrexafeita); Francisco Mera Hermida, (Ferreira); José Salgado Salgado (Igrexafeita); Jose Piñeiro Moreira, Enrique Vellón Fernández (Lamas) e Manuel Pita (Monte).
A pesares da moita experiencia municipal de Fernández Calvo, pouco se fará durante o seu mandato pola crise económica, política e institucional que vive España nos anos 1916 e 1917. No verán estoura a primeira folga xeral da historia de España. Os prezos están polas nubes, mentres os salarios baixan ou se manteñen. De feito o orzamento municipal apenas se incrementa nestes anos, arredor de 21 000 ptas.

Un dos primeiros actos presididos e patrocinados polo alcalde Juan Fernández Calvo será a "Festa da árbore" en Igrexafeita a mediados de febreiro de 1916. Será ademais o alcalde que asuma ao fin, o custe do aluguer da casa cuartel da Garda Civil -400 ptas anuais- ao seu propietario Luis Loureiro Pita, eximindo aos Duques da Conquista do seu abonamento por petición do alcalde anterior José Yáñez Pena. O Concello acorda “testimoniar su agradecimiento por su generosidad demostrada en el año 1916”. Por outra banda, no mesmo ano, esixen aos Duques que arranxen xa o polémico camiño dos Feás aprobado polo alcalde Pelayo Casal en 1912 e que aínda segue sen ser construído. Nese verán os marqueses non veñen por San Sadurniño, pois Natividad Quindós anda moi atarefada como Presidenta do Comité Orgaizador do monumento conmemorativo ao Sagrado Corazón. Precisamente en xullo de este ano presidirá o Acto de colocación da primeira pedra do proxecto no Cerro dos Ángeles inaugurado en 1920. Nese verán de "ausencia aristocrática", un incendio intencionado afectou a 18 hectáreas da Fraga da Marquesa. Sen embargo en 1917 -case coincidindo coa revolución rusa- o alcalde Juan Fernández asistirá á procesión dunha nova asociación relixiosa patrocinada pola piadosa duquesa da Conquista. Tampouco se oporá a construción dunha canalización privada de augas -atravesando o campo da Feira- "para que estas lleguen en perfecto estado de pureza a mi casa palacio"

Como os anteriores gobernos municipais, un dos problemas mais importantes segue a ser o mantemento das escolas, pois todas funcionan en réxime de aluguer. Juan Fernández Calvo solicita ao Gobernador a construción de sete edificios que palien o déficit crónico do ensino en San Sadurniño. Xa vimos que o seu mandato comenzou apoiando a petición do mestre de Igrexafeita para celebración da festa do Árbol, costeando o transporte dos nenos de Lamas e Bardaos en carros. Tamén se plantan árbores nas beirarúas da estrada de San Sadurniño e proxéctase mellorar a praza diante do Concello: “hermosear la plaza que existe entre la casa consistorial y la iglesia parroquial y la carretera del estado que lleva a la feria; se procederá al desmonte del terreno que comprende dicha plazoleta” (4/2/1917). Arránxase a ponte de Pielongo (525 ptas), que fora arrasada no duro inverno de 1914.

Como datos curiosos rexistramos o atentado con bomba na casa do secretario municipal José María Pita Corral, suceso non aclarado, aínda que na prensa fálase de "motivos políticos". Nun acto de nepotismo o Secretario nomea "escribiente auxiliar del Secretario" ao seu propio fillo, Edelmiro Pita Couce, que contaba daquela trece anos. Tamén a comezos de 1917 abre as súas portas a primeira farmacia de San Sadurniño
Juan Fernández Calvo seguirá desenvolvendo cargos na estrutura municipal co seu sucesor José Salgado Salgado (1918-1919). E dicir, que estivo mais de vinte anos ocupando postos de responsabilidade no Concello de San Sadurniño. Morrerá dez anos despois, o 15 de xullo de 1930 aos 74 anos de idade.


  • Juan Fernández Calvo, alcalde

  • Solicitude para construir escolas en San Sadurniño 1916

  • Colocación da primeira pedra do Monumento ao Sagrado Corazon ( xullo de 1916)

  • Asistencia a procesións 4/9/1917

  • Canalización privada de augas 1917

  • Solicitde para a celebración da festa do árbol 1916

load

Documentos:

Primeira pedra do monumento ao Cerro de los Ángeles (1916)

Comentarios

Máis imaxes

Temas: Alcaldes de San Sadurniño, San Sadurniño (Concello), Santa Mariña do Monte, xente

Compartir en: