Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018 Chanfaina Lab seleccionada no banco de boas prácticas da xestión cultural Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

xentes

Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.

José Yáñez Pena, alcalde

Cargadoiro, Igrexafeita, 1914

Alcalde de San Sadurniño (1914-1915)
José Yáñez Pena naceu en Cargadoiro, (Igrexafeita) en 1863. Era fillo de Juan Yáñez e María Pena. En 1886 xa figuraba na listaxe de propietarios de Igrexafeita e no 1897 era un dos peritos do Concello. Como pequeno propietario labrego participou activamente na creación e desenvolvemento da asociación agraria “La moralizadora” da que chegou a ser Presidente en 1913. Casou con María Canido e tiveron oito fillos: Avelino, José, Dolores, Juan, Jesús, Rufina, Laureano e Sara Yáñez Canido.
O 1 de xaneiro de 1914 -con 50 anos- toma posesión como alcalde de San Sadurniño, substituíndo ao comerciante Pelayo Casal. Os seus compañeiros de corporación serán: Juan Fernández Calvo, tte alcalde, (Monte); Vicente Rodríguez Canosa , 2º tte alcalde (Bardaos); Francisco Mera Hermida, síndico (Ferreira); Antonio Bouza García (Lamas); Cipriano Casal Castro, interventor (Naraío); José Sueiras López (Silvalonga); Antonio Tuimil Ferreira (Ferreira); Antonio Soto Couce (Igrexafeita); Benito Romero Castro; Enrique Vellón Fernández (Lamas) José Cabada Fraga (Monte).José Naveiras Barro será o recadador municipal co 3% do que recade. O novo médico municipal Enrique Fentanes Portela cobrará 1.500 ptas e deberá atender a 300 familias pobres (14-1-1914)
A nova corporación segue o ronsel iniciado por José Naveiras Barro, esixindo responsabilidades aos alcaldes e concelleiros municipais do cambio de século. Comeza un expediente administrativo a Antonio López Rodriguez, José María Díaz Rodríguez, Juan García Varela, Antonio Cibreiro Pérez, Domingo Soto Seijas, José López Romero, Blas Soto Prieto, Manuel Romero López, Santiago Calvo e Antonio Castro Varela pola súa actuación na corporación municipal de 1894 a 1895. Reclámanselle os impostos de consumo de 1894 e 1895, en total 1192 ptas.

No verán de 1914 estoura a Primeira Guerra mundial e aínda que o goberno español mantén neutralidade no conflito, a xente non pode evitar escindirse entre os "xermanóficos" (partidarios de Alemania) e aliadófilos (partidarios dos paises aliados).. Mesmo un bando municipal prohibirá que no entroido as comparsas utilicen disfraces alusivos aos países belixerantes para evitar problemas de orde público.Porén, a inxente demanda de produtos dos países belixerantes, provocaran problemas de subsistencia na poboación española durante 1915. A suba espectacular do prezo do pan forzará ao Goberno a promulgar unha Lei de Subsistencia que garanta o prezo dos produtos básicos. Tamén en San Sadurniño o alcalde terá que empregarse a fondo para impedir o acaparamento de produtos de primeira necesidade como trigo, millo, centeo ou patacas, coa Carda Civil patrullando os camiños para multar aos acaparadores infractores.
Mais os problemas dos pobres non entran no Pazo da marquesa, que continua a vida de sempre coa visita da Infanta Isabel, o Nuncio do Papa monseñor Ragonessi e o infante real Fernando de Baviera entre outros ilustres visitantes.
Unha das novas mais importantes do mandato de José Yañez Pena será a longamente agardada notificación oficial para a construción da estrada de Cruz de Lamestra a San Sadurniño. O Pleno de 21/3/1915 declara sentirse moi satisfeito e agradecido “por las acertadas gestiones del diputado a Cortes por este distrito”. Tamén llo agradecen a "los excmos Señores de la Conquista que han cooperado con su gran valimiento y acuerda tributarles el imperecedero agradecimiento de este ayuntamiento por tan importante beneficio”.
Os emigrados ferreireses residentes en América toman a decisión de constituírense como Asociación para construír escolas na súa parroquia natal. Daquela os cativos e cativas de Ferreira estudan nun local alugado a Luís Loureiro Pita. O concello saúda o nacemento da asociación : “Gran satisfacción que le ha producido la altruísta sociedad: La educación e instrucción de los niños es la base de una sólida cultura, único y eficaz medio de lograr el progreso y el bienestar de los pueblos”.
Polo demais coas cativas 20 000 ptas de orzamento anual pouco se pode facer. O inverno do 1914 foi moi duro e deixou intransitábeis numerosas pontes do concello: Cotillon, Saavanda, Pielas, Piegolongo, Mestas, Porto e Gulpilleira. A corporación municipal apenas pode facer fronte á reparación dalgunhas; de feito pedirán axuda urxente á Deputación porque non poden pagar as reformas necesarias. Por outra banda, o concello deberá volver a pagar o aluguer da casa cuartel da Garda Civil, e pídeselle aos Duques da conquista que axuden no aluguer durante un ano.
Entre as decisións curiosas desta corporación figura a doazón de 10 pesetas para un Monumento conmemorativo de Vasco Núñez de Balboa no Canle de Panamá.
José Yáñez Pena deixará o bastón de mando a Juan Fernández Calvo o 1 de xaneiro de 1916, mais seguirá como concelleiro dous anos mais ata 1918. Anos despois -1924- afiliarase a Unión Patriótica na ditadura de Primo de Rivera e volverá a ocupar a cadeira dunha concellaría con Avelino López Sisto (24-28). Falece uns días antes de comezar a Guerra Civil o 12 de xullo de 1936, aos 73 anos.

  • José Yáñez Pena, alcalde

  • Casa de José Yañez en Cargadoiro

load

Documentos:

Sobre acaparamento de produtos de primeira necesidade (maio 1915)

Comentarios

Máis imaxes

Temas: Alcaldes de San Sadurniño, Igrexafeita

Compartir en: