Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018 Chanfaina Lab seleccionada no banco de boas prácticas da xestión cultural Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

xentes

Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.

José Naveiras Barro, alcalde

Remicieiro, Igrexafeita, 1910

Alcalde de San Sadurniño 1910-1911
Jose Naveiras Barro naceu en Remicieiro, Igrexafeita en 1856, sendo fillo dos labregos Antonio Naveiras Rodríguez e Vicenta Barro Fernández. Casou con Francisca García Paz. Tivo un único fillo Ángel Naveiras García. Pequeno propietario, foi membro fundacional da Asociación agraria La moralizadora que nas eleccións municipais de 1909 acadaron un sorprendente trunfo electoral, producíndose unha profunda remuda dos poderes locais que xestionaban o Concello ininterrompidamente dende 1894. .
O dia 1 de xaneiro de 1910 aos 53 anos, toma posesión como alcalde substituíndo a Ángel García Fernández. Os seus compañeiros de corporación serán: Juan Fernández Calvo, 1º tte alcalde, (Monte); José Sueiras López, 2º tte alcalde (Silvalonga); Bruno Bañobre (Síndico); Ángel Naveiras Barro (Naraío); Marcelino Pena Fernández; Manuel Couce Couce; Vicente Rodríguez Canosa (Bardaos); Simon Castro Casal; Manuel López Vigo; Benito Teijeiro Yáñez; Angel Pouso Romero (Lamas) e o ex alcalde Ángel García Fernández.
A corporación dos Solidarios entra disposta a cambiar a dinámica municipal iniciada por Antonio López en 1894. Destitúese ao anterior alcalde Ángel García Fernández como conselleiro, decisión que será revocada polo Gobernador Civil, aínda que falecerá meses mais tarde. Tamén destitúen a “besta negra” do Concello, o secretario Eugenio Bañobre, ao depositario dos fondos municipais José María Díaz Rodríguez; mesmo tamén pretenden destituír ao médico municipal Ricardo Rodríguez Piña “por abadono do servizo” e instrúense sumarios por falsidade contra ex-concelleiros como Juan García Anca, Juan Hermida Lamas,etc.
No seu lugar nomearán Secretario Municipal a José María Pita Corral (30-5-1910), quen seguirá no Concello ata a 2º República en 1931. O presidente da Moralizadora, o comerciante Luís Loureiro Pita volve a cobrar o aluguer da casa cuartel da Garda civil rescindido unilateralmente pola anterior corporación en 1908. Ao fin Loureiro deixa de pagar o elevado imposto de alcohois e resólvense os contenciosos que mantiña có Concello dende 1894. Tamén o simpatizante dos "Solidarios", o notario liberal García de Quevedo terá a súa recompensa: inventariar e reorganizar o arquivo municipal, aínda que será motivo de desacordo posterior por mor do honorarios. O notario pide 1.071 ptas e o Concello págalle 200, o que dará lugar a un proceso de reclamación. Nomean novo médico provisorio a Francisco Malvar, coa obriga de atender gratuitamente a 300 pobres.
O goberno municipal dos Solidarios terá dúas preocupacións fundamentais: o ensino e os camiños. Mais Naveiras confía en que o novo goberno liberal de Canalejas asuma os custes das reformas necesarias para unha poboación escolar de 869 almas (504 nenos e 365 nenas). No seu primeiro ano de mandato propón un cobizoso plan para que todas as parroquias dispoñan dun edificio escolar público: “Tenemos escolas con mais de 100 niños y solo cogen 30. Esto es inhumano”. Naveiras propón construír seis escolas cun custe estimado en 60.000 ptas das que solicita que o Ministerio de educación invista 30.000.
A outra teima son as comunicacións. O goberno municipal pide a Administración provincial un plan para construír unha rede racional de camiños, nomeadamente o que vai de Ferreira á Cruz de Lamestra, ao que considera estratéxico para comunicar as parroquias, ou o arranxo do camiño de Feáns. As inundacións do inverno de 1910 obrigaron ao amaño urxente das pontes esnaquizadas polas riadas como o da Marquesa, Cotillón, Ramil, Pereiras ou Gulpilleira. Tamén propón que o estado asuma os custes do aluguer do Cuartel da Garda Civil –que pagarán os marqueses- ou da Oficina de Telégrafos. Non esquezamos que neste bienio o Pazo da Marquesa acadou unha gran repercusión mediática e os Marqueses están interesados en mellorar o entorno e a seguridade das "súas" propiedades para as visitas aristocráticas. Mais toda a lexislatura e un "quero e non podo", porque o Concello segue a estar en números roxos pola crise agraria do distrito e o escaseo da colleita coa conseguinte caída da recadación. O alcalde non deixa de solicitar ao deputado conservador do distrito, o señor José Lombardero ou aos Duques da Conquista, que axilicen os proxectos de obras públicas para San Sadurniño. De feito, a corporación acordou por unanimidade: "tributar a los Excmos Señores Duques de la Conquista las más expresivas gracias por tan señalados beneficios y que se les comunique para su debida satisfacción".
O labrego Naveiras Barro pasoulle o bastón de mando da alcaldía ao comerciante Pelayo Casal o 1 de xaneiro de 1912. Mais Naveiras Barro seguíu vencellado ao acontecer municipal. Nos anos seguintes (1912-1918) será nomeado recadador municipal (cobrando o 3% do que recade) cos alcaldes "solidarios" José Yáñez Pena, Juan Fernández Calvo e José Salgado Salgado. De 1920 a 1923 volverá a participar activamente na Xunta directiva da asociación La moralizadora. No verán de 1936, con 80 años volverá a ser nomeado concelleiro polos militares sublevados. Mais falece na súa casa de Remicieiro o 7 de xullo de 1941 aos 85 anos

  • José Naveiras Barro, alcalde

  • Casa de José Naveiras en Remicieiro

  • Sinatura José Naveiras

load

Documentos:

Informe sobre as escolas públicas en San Sadurniño (1910)

Comentarios

Máis imaxes

Temas: Alcaldes de San Sadurniño, Igrexafeita, San Sadurniño (Concello), xente, conflitos

Compartir en: