Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.
Lamas, 1897
Alcalde de San Sadurniño (1897-1901)
Descoñecemos polo de agora algúns datos biográficos deste rico propietario residente en Lamas, José María Díaz Rodríguez, alcalde presidente da Xunta municipal pericial á altura de 1889 e que foi proclamado alcalde o día 1 de xullo de 1897, substituíndo a Antonio López Rodríguez falecido por tuberculose en maio. José María era fillo de Tomasa Rodríguez e José Díaz Aneiros, que tamén fora alcalde no 1877. De calquera xeito, como tenente de alcalde, José María Díaz Rodríguez xa xestiorara a alcaldía accidentalmente durante a enfermidade de Antonio López. Os seus compañeiros de corporación practicamente serán os mesmos do equipo anterior e continúan a liña política iniciada en 1894: Antonio Cibreiro Perez,1º tte alcalde (Bardaos); José Gil Pico, 2º tte alcalde (San Sadurniño); Antonio García Varela, síndico (Igrexafeita); Manuel Díaz Rodríguez, irmán do alcalde (Lamas) ); Rafael Soto Seijas; Antonio Castro Varela (Ferreira); Blas Soto Prieto (Naraío); Manuel Romero López (SS); Tomás Vellón Fernández(Lamas); Francisco Sande e Gregorio Fernández Castrillón. Entrarán despois Tomás Cobelo Fernández , Pedro López e Manuel Romero Merlán. O secretario municipal dende 1898 ata 1900 foi José Fernández Fariña que morre repentinamente en Pontedeume. Será substituído polo moi conservador Eugenio Bañobre en maio de 1900 cun salario de 2.000 ptas anuais (o 13 % do orzamento municipal) converténdose no auténtico “cerebro” do concello ata 1910. O Xuíz municipal é o practícante Serafín Alende.
Segundo os datos do municipio, cara fin de século están censados 5.369 habitantes de dereito (2910 varóns e 2859 femias). A José María Díaz tocoulle gobernar o Concello en tempos complicados. A Guerra de Cuba está no seu apoxeo e son constantes os reclamos oficiais por mozos proclamados prófugos por non querer alistarse. Ademáis é unha guerra á que van só os pobres. Os ricos poden librar aportando unha certa cantidade de diñeiro. Por veces chegan novas de alén do mar de soldados mortos en combate oriúndos de San Sadurniño , como Manuel Vázquez Páramo, Manuel Taguado ou José López Díaz. Día a día non deixa de reiterarse en moitos plenos; “a crisis calamitosa en la que se halla el distrito“. De feito en 1898, denúnciase a perda completa da colleita de millo e a necesidade dos habitantes do concello. A corporación municipal terá que organizar colectas para orfos de militares ou para reparar o buque de guerra "España". Mais semella que non terán moito éxito, xa que non acadaron nin 25 pesetas de recadación pola miseria xeral da poboación. Os plenos convértense nunha sucesión interminábel de lecturas dos boletíns oficiais e as reclamacións por prófugos ou quintos para a guerra e pouco máis. Cara o final do mandato deste alcalde comezan a retornar dende Cuba algúns emigrantes cunha certa fortuna como Pelayo Casal, José López Torre ou José Couce López.
O goberno municipal sigue a ser profundamente conservador baixo do ronsel político do Marqués de Figueroa a quen se felicita constantemente polos trunfos electorais ou cargos que vai ocupando en Madrid. En 1900 a Raíña Rexente María Cristina realiza unha xira promocional para presentar ao futuro monarca -que ten 14 anos- Alfonso XIII á sociedade española. O 6 de setembro de 1900 a comitiva real chegará ata Neda e o pleno municipal nomeará unha comisión “para cumplimentar a tan augustos huéspedes” . Asemade pagaráselle 105 ptas por unha viaxe do alcalde e o secretario á Coruña como representantes do Concello nunha recepción popular de homenaxe á familia real.
Por outra banda son os derradeiros anos da vida do poderoso Marqués de San Sadurniño quen frecuenta moi pouco o vello caserón dos Andrade. Sabemos que en agosto de 1898 están no Pazo, na que podería ser a derradeira visita do aínda Señor de San Sadurniño para gran parte da veciñanza. A Corporación municipal réndelle unha visita de cortesía, aínda que o obxectivo real da visita era pedirlle madeira da súa Fraga para restaurar a estratéxica Ponte da Marquesa, que despois de varios amaños ficará restaurada en decembro de 1900. Resulta curioso que non se recolla nas actas do pleno municipal o falecemento en Madrid o 18 de abril de 1900 de José Mariano Quindós y Tejada, VI marqués de San Sadurniño. Porén, a corporación municipal participou no multitudinario e solemne funeral celebrado en maio de 1900. Mais en 1901 o Pazo xa está en obras para se converter nun espazo de referenza da aristocracia española. Natividad Quindós, a nova Marquesa, visita fugazmente as obras no verán de 1901 antes de trasladarse a Fuenterrabía e o Escorial.
A noticia trascendente de fin de século para San Sadurniño será a instalación do posto da Garda Civil grazas á influenza do Marqués. A nova chega en 1898 aínda que o cabo e os cinco gardas comezarán a súa actividade en 1899, nun gran caserón alugado ao rico propietario Luis Loureiro Pita por 300 ptas anuais durante 10 anos. A chegada da Garda civil poñerá fin a certos problemas de orde pública en relación cos presos municipais.
Tamén en 1899 instálase un novo notario, o liberal.republicano García de Quevedo substituíndo a Luís Sánchez Mira. Nos veráns recibirá a visita anual do seu cuñado, o pintor Asterio Mañanos. Outro ilustre visitante destes anos (1900-1902) será o médico municipal Carlos Cunqueiro Montenegro, tio avó do futuro escritor Alvaro Cunqueiro.
Pouco mais se pode dicir deste tempo. San Sadurniño entraba o século XX cos mesmos problemas que viña sufrindo ao longo do XIX: excesivamente ruralizado con poucas posibilidades recadatorias, sen apenas comercios, industrias ou centros urbanos que estimulen o crecemento. O mais sangrante é o asunto do ensino público, sempre en espazos precarios e deficientes. Moitos dos concelleiros eran ao tempo propietarios dos edificios alugados ao Concello para escolas como e o caso de Blas Soto (Naraío), Francisco Sande (Monte) ou Antonio García Varela (Igrexafeita). Os veciños de Bardaos –capitaneados polo cura de Monte Gumersindo Ramil- conseguen por suscripción popular unha casa para poñer unha escola en 1901.
O 30 de decembro de 1901 pásalle o bastón da alcaldía ao seu compañeiro de corporación Antonio Cibreiro Pérez. O concelleiro Tomas Cobelo Martinez proclama no pleno de despedida: "que estaban satisfechísimos de la acertada gestión del alcalde presidente José María Díaz durante el tiempo que desempeñó el cargo, pues al él se debe que se normalizase la desastrosa gestión municipal. Todos los concejales asintieron las palabras de Cobelo y acuerdan dejar constancia en el acta el más expresivo voto de gracias a José María Díaz por el acierto y justicia que sin duda alguna ha empleado durante el tiempo que estuvo al frente de la alcaldía"..
José María Díaz seguirá na corporación como recadador municipal ata 1910, ano no que será cesado por José Naveiras Barro, baixo a acusación de malversación de fondos públicos. Na Ditadura de Primo de Rivera retornará á corporación municipal co alcalde Avelino López Sisto